Publicado por: MontePituco | 09/12/2015

PLENO DE DECEMBRO 2015

Esta semana deron en cadrar dous temas relacionados coa lingua galega; máis concretamente, coa falta de aprezo ao galego ou, resumido nunha palabra, coa galegofobia.

Dunha parte, a tan traída e levada misa na memoria do padre Carballo pola negativa dos párrocos de San Xulián e de Marín a oficiaren o acto relixioso en galego.

Doutra banda, as iniciativas dos grupos municipais de Marea Veciñal de Marín -que propiciou a participación no pleno dunha voceira de Queremos Galego- e do Bloque, para que o Concello se adhira ao servizo de normalización lingüística da Deputación Provincial e se melloren as deficiencias en materia de documentación administrativa, toponimia ou paneis indicativos que actualmente están rotulados só en castelán.

Foi precisamente neste pleno onde a ninguén con dous dedos de fronte lle pasou por alto que a galegofobia está sentada nos bancos da mesmísima Corporación local. Despois criticarán que se aproben acordos que non se levan á práctica; mais o caso é que eles mesmos son os primeiros en erguer a manciña e logo facer caso omiso do que votan, demostrando así a súa incongruencia.

…E aínda por riba a aludida agachaba a cabeza e sorría con sorna cando os seus homólogos dos demais partidos a instaban a dar exemplo na súa condición de cargo público utilizando a lingua galega nas súas intervencións. Pero nin por esas: erre-que-erre co castelán.

juez-pokemon-1

[Veiga, Muradas, Santiago: que tres pés para un banco]

Luz Santiago, voceira municipal do Psoe de Marín, galegófoba recalcitrante. Le en galego -máis mal que ben- o texto das mocións, proba de que non as redacta ela, senón que alguén llas escribe ou directamente as copia da base de datos do seu partido; logo, á hora de expoñer o tema oralmente cambia radicalmente do galego ao español, idioma no que se expresa sempre que non hai un papel de por medio no que apoiarse.

Juan Muradas, concelleiro socialista. Só chapurrea unhas palabras soltas en galego, case sempre asociadas a expresións coloquiais, críticas ácedas e bromas de dubidoso gusto empregando un forzado acento de aldea. É dicir, fai un uso da lingua asociado a situacións e a contextos claramente negativos.

Na bancada popular abundan tamén os alérxicos ao galego, en maior ou menor medida: a concelleira de cultura-1 Beatriz Rodríguez, o concelleiro de deportes Antonio Traba, o de urbanismo Manuel Santos, a de turismo Cristina Acuña, o de tráfico Francisco Estévez… As ocasións nas que interveñen, en todo caso, son tan puntuais que a ausencia de achegas pola súa parte non suma nin resta de xeito significativo á causa do galego.

Ao pleno deste mes acudiron veciños e veciñas de Seixo molestos co Goberno local por permitir que un particular aumentara a superficie da súa finca apropiándose dunha parte do camiño das Morquenas (ou camiño de Aguete) para poder legalizar unha obra ilegal afectada por unha sentenza firme de derrubamento. A Corporación aprobou por unanimidade unha moción da Marea reclamando información deste expediente, así como a proposta do Bloque para que se abra unha comisión de investigación sobre o caso.

No debate das mocións da Marea e do Bloque sobre normalización lingüística chamaron a atención os argumentos da edil de cultura-2, María José de Pazo, quen explicou que nun informe técnico de 2012 se louvaba o bo labor do Concello nesta materia. “Estamos case no 2016”, replicoulle con retranca a voceira da Marea, Sandra Pesqueira, cuestionando así a vixencia dese documento. “Non quero ser mal pensada, pero ese informe de 2012 igual recolle o traballo do bipartito”, retrucou a concelleira do Bloque Lucía Santos.

…Pois vai ser que non, señora Santos. Nótase que vostede en 2012 estaba a outra cousa. No anterior bipartito o delegado de normalización lingüística era o ex-alcalde Francisco Veiga. E o seu labor non brillou especialmente polo empeño no uso do galego nas súas intervencións. Basta recompilar unhas cantas crónicas publicadas neste mesmo blog para comprobar a gran cantidade de veces nas que Veiga facía sistematicamente as súas intervencións en español.

No último punto da orde do día aprobouse tamén por unanimidade unha moción do Psoe instando o Ministerio de Sanidade a incluír no calendario de vacinacións a vacina contra a meninxite B e emprazando a Xunta a sufragarlle ese gasto ás familias con menos recursos; isto último foi unha achega da Marea porque na moción orixinal dos socialistas o que se pedía era que o Concello asumira ese custe, algo que a alcaldesa, María Ramallo, rexeitou por falta de capacidade económica e de competencias da Administración municipal.

No apartado de rogos e preguntas xurdiu unha nova polémica a conta da testemuñal participación do Concello de Marín en Culturgal. A concelleira do Bloque Lucía Santos cuestionou que a única presenza municipal nesta Feira das industrias culturais de Galicia fosen uns “panfletos, e en castelán” do centro de interpretación dos petroglifos de Mogor. A voceira da Marea, Sandra Pesqueira, criticou que a unha feira sobre cultura galega “non ten sentido” levar folletos en castelán.

A resposta da alcaldesa foi terriblemente pobre en argumentos e evidenciou unha preocupante falta de interés pola proxección do Concello de Marín en materia de turismo e recursos culturais. Sobre todo porque -a falta de unha concelleira de cultura- en teoría son dúas as persoas do grupo de goberno que teñen a obriga de ocuparse desa área, achegando propostas, buscando vías para promocionar a nosa vila e as súas potencialidades.

Que o único rastro de Marín no Culturgal, a través do stand da Deputación de Pontevedra, sexan uns folletos en castelán sobre os petroglifos de Mogor, é penoso. Non existe para o Concello a Danza de Espadas? Non hai grupos folclóricos susceptibles de ser promocionados? Que pasa cos trípticos informativos sobre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: agochados na oficina de turismo que xa non abre ata o próxio verán? esgotados? ignorados? nalgún cubo do lixo?

O único que a alcaldesa atinou a explicar foi que se levaran folletos en castelán sobre os petroglifos de Mogor porque a empresa Anta de Moura que xestiona o centro de interpretación dixera que había máis demanda de información en español e inglés. E que se levara o material que había dispoñible.

…Improvisación pura e dura. Falta de interés. Despreocupación…

A última polémica enzarzou a Marea e o Bloque contra o PP a conta dun acto de Nuevas Generaciones realizado no Museo Municipal Manuel Torres. A oposición protestou enerxicamente porque a concelleira de cultura-1, Beatriz Rodríguez, marcara como directriz que o Museo Torres quedaba á marxe da celebración de actos políticos para limitalo a presentacións de libros e a actos estrictamente culturais. María Ramallo puxo como excusa que antano o Museo carecía de medios técnicos axeitados e, sobre o uso por parte do PP destas instalacións, intentou remendar dicindo que se outros partidos non puideran utilizar a sala a todas luces, segundo ela, tería que ser por incompatibilidade de axendas con outros actos comprometidos previamente.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: