Publicado por: MontePituco | 08/12/2015

CABODANO DE FRANCISCO CARBALLO

Dibujo

Xa houbo unha misa polo padre Francisco Carballo. Celebrouse o pasado 29 de novembro, coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, na igrexa dos Praceres. Oficiouna o seu párroco, Jesús Acuña, que fixo unha espléndida celebración relixiosa, en galego, como a Carballo lle gustaría. Foi ademais unha misa cantada, solemne e moi concorrida de público porque cadraba coas festas patronais de San Andrés. Por riba, o cura tivo o detalle ben elegante de lembrar a figura do teólogo Xosé Chao Rego -que falecera o día anterior- e de referirse a ambos como referentes intelectuais, destacando deles o seu compromiso con Galicia.

Tiven unha grata impresión, do entrañable que foi este acto, e recoméndolle ás persoas crentes e practicantes que acudan á igrexa dos Praceres se queren asistir a misas en galego.

A noticia daquela misa na honra de Francisco Carballo e organizada por amizades do finado, saíra publicada na prensa local e tivera eco nas redes sociais. 

Sen embargo, no interior do templo dos Praceres non vin a ninguén significado pola súa pertenza ao BNG de Marín que agora, unha semana despois do seu cabodano, puxo -nunca mellor dito- o berro no ceo porque os actuais párrocos de San Xulián e de Marín non están polo labor de oficiaren unha misa en galego polo padre Carballo, cuxa vida estivo marcada polo traballo social e político a prol da lingua e da nación galega, argumentan no Bloque marinense 

Durante moitos anos o padre Carballo oficiou misa na parroquia de San Xulián cubrindo as ausencias puntuais do anterior párroco, Jorge Gómez Gude. Quen tivemos a honra de coñecer a Carballo; quen sabiamos do seu calado ético, cultural e intelectual; quen leramos algún dos seus libros ou dos seus artigos, apreciabámolo. 

Era visto que esta polémica ía xurdir antes ou despois. Dende que Gómez Gude deixou a parroquia de San Xulián, as misas non volveron oficiarse en lingua galega pola negativa do seu sustituto, José Antonio Pedrosa, a manter o costume do seu antecesor, xa que dende entón o castelán é a única lingua na que se ofician os actos relixiosos.

Non nos consta que ninguén -nin a título particular, nin a nivel asociativo- presentara unha queixa formal, ou formulase a petición correspondente para que se retomasen as misas en galego. O cal non deixa de ser unha ‘derrota’ para as persoas e os colectivos vencellados á normalización da lingua: non só non defenderon o labor de Gómez Gude a prol da implantación e da consolidación do galego na parroquia, senón que non foron quen de prever, atallar ou anticiparse a un conflito que se vía vir.

Porque cando en setembro advertiamos que en San Xulián se acabaría botando de menos o anterior cura [ver artigo “Despedimos o párroco Jorge Gómez Gude“] pensabamos xustamente no potencial desencontro lingüístico, que acabou xurdindo, tan tristemente, cunha persoa -o padre Carballo- tan vencellada á Igrexa católica, a esta parroquia, e tan distinguida pola súa ideoloxía galeguista e nacionalista, como inmerecida protagonista.

Como triste sería apoiarse na figura de Carballo para facer barullo en plena campaña electoral, buscar rédito político ou acaparar proxección mediática. 

Mal polos sacerdotes que non respectan os dereitos lingüísticos da cidadanía e, menos aínda, que nin tan sequera teñen consideración con quen foi un compañeiro nas labores eclesiásticas. Mal polos sacerdotes que, no caso de non ter competencia lingüística abondo para oficiar unha misa en galego, empezan poñendo trabas cando podían ter optado por brindar facilidades e alternativas.

E mal tamén pola falta de tacto dos que airean unha polémica a destempo e cun persoeiro tan ‘sensible’ como principal afectado.

 

Dibujo2

Dibujo3


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: