Teño gravado a lume na memoria o eco dos saloucos da tía de Xan Montenegro, ao pé do panteón, uns momentos antes de que depositaran as súas cinzas no mesmo nicho no que hai anos foi soterrada a súa curmá Rosa. Eran coma irmáns.
Teño marcada na retina a imaxe de Lucinda/Nai aferrada ao panteón onde repousan os restos do seu home, unha vez que o seu fillo xa ficaba a escasos metros del. Xa estaban xuntos, parecía lembrarlle entre bágoas.
…Canto doen as ausencias.
Teño conxelado coma un fotograma o abrazo de Lucinda/Irmá cunha das moitas persoas que acompañaron a familia Montenegro Villanueva nesa mañá fría de decembro. Afogaba contra o seu ombro un choro potente e intenso, como quen ao fin solta o lastre -longamente demorado- da misión cumprida.
Teño gardada no corazón a impresión de entereza, seriedade, solemnidade, serenidade que me transmitiu Esther -unha sorte de Lucinda/Sobriña- portando a urna con ese po no que todos nos convertiremos. O po dun ‘Bo e Xeneroso’.
Porque dun ‘Bo e Xeneroso’ falaron Julio Santos e Lois González cando louvaron a Xan Montenegro pola firmeza das súas ideas, pola defensa dos seus principios e polo respecto ás crenzas dos demais; pola constancia coa que traballou a prol da mellora da súa parroquia logrando acadar importantes retos, polo legado de coherencia e de compromiso que deixou e que agora inspira os que retomaron as causas culturais, sociais e políticas ás que el lle dedicou tanto tempo e tanto esforzo.
Mais ninguén falou delas, das mulleres da familia Montenegro, das Lucindas ‘Boas e Xenerosas’ que fixeron por Xan o que ninguén máis -nin mellor- podía facer: primeiro, cumprir a súa vontade cando nos deixou en xuño de 2011, aceptando que o seu corpo fose aproveitado para o progreso da Ciencia; segundo, manter viva a súa memoria coa colaboración dos seus amigos e dos seus compañeiros nas organizacións ás que estaba unido; terceiro, acompañalo agora no camiño de volta á súa terra, catro anos e medio despois da súa partida.
Non hai palabras abondo para describir o sufrimento de Lucinda/Nai neste tempo, sen máis referencia para levarlle unhas flores ou rezarlle unha oración que un sinxelo monumento de granito erguido a carón dunhas beirarrúas que en gran medida se conseguiron grazas ao impulso do seu fillo a través da Asociación de Veciños de San Xulián.
Nos seus máis de 90 anos de vida, Dona Lucinda nunca viaxara fóra de Galicia, nin moito menos subira a un avión. Fíxoo para ir buscar a Xan. E volveu cruzar a Península de punta a punta, sentada a carón da xaneliña da aeronave, para traer de volta o meniño dos seus ollos. Tivo a valentía e a forza de enfrontarse a unha experiencia descoñecida e arriscada, nunha persoa da súa idade, para estar ao carón del nun momento trascendental.
Lucinda/Irmá tivo nas súas mans a responsabilidade de facer partícipe e parte activa a matriarca desa crucial expedición a Valencia, de exercer de faro e motor da familia, de capitanear de xeito exitoso esta derradeira aventura no nome de Xan.
Esther/Sobriña foi a audaz voceira deste comité de amazonas modernas; o zume novo da caste das guerreiras Montenegro; herdeira dun legado ético e moral irreprochable, que tivo nesta viaxe un episodio vital inesquecible e irrepetible, un exemplo incomensurable de amor materno e fraterno.
O futuro é pois de mulleres como estas marabillosas ‘Lucindas’. Non cómpre lembrarlles que poden estar orgullosas de ter o fillo, o irmán e o tío que tiveron. Como tampouco Xan cuestionaría o orgullo que sentía pola súa nai, irmá e sobriña. Non puido ter mellor compaña no centos de quilómetros que percorreu para regresar a Marín, preto do seu Xan Xulián, do seu Carballal, do seu ‘balcón da ría’.
As melodías do ‘gaiteiro de Estribela’ foron a banda sonora dun acto moi emotivo no que, se ben houbo máis bágoas tristes de lembranza que risos propios dunha festa de benvida, predominou a admiración á figura de Xan e o consolo polo seu retorno.
Na voz do seu compañeiro da Agrupación Ronsel e de Marinenses Independentes, Antón Pousada, soaron os versos de Rosalía:
Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo…
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos…
Palabras de afecto e de recoñecemento que volveremos escoitar cando se cumpra o quinto cabodano do seu pasamento. Ogallá que para daquela, ou no menor prazo de tempo posible, a homenaxe que nos reúna en torno á memoria de Xan Montenegro se faga a carón da estrada que leve por fin e merecidamente o seu nome.
Benvido, Xan benquerido.
Foi triste depositar as cenizas de meu tío Xan no panteón e deixalo ó lado de miña madriña, pero cando miraba ó meu arredor sentíame orgullosa de ser a sobriña de XAN MONTENEGRO, orgullosa de formar parte da xente que o quere e que o respecta.
Quero dar as gracias a todos os que nos acompañaron, en especial a Paz por escribir esas bonitas palabras desde o BALCÓN DA RIA.
By: Esther on 09/12/2015
at 23:49
Avante, mulleres fortes e valentes do Carballal. Mulleres sensibles e comprometidas. Avante, Lucindas!
By: MontePituco on 10/12/2015
at 14:16