Publicado por: MontePituco | 07/10/2015

ATENCIÓN: SOBRE A ANDAINA POR SETE CAMIÑOS ORGANIZADA POLO CONCELLO

Panel de acceso ao Espazo Sete Camiños na entrada do Pituco (Pornedo).

Esta semana foron varias as persoas que, a través das redes sociais ou por outros medios, nos plantexaban as súas dúbidas sobre a andaina organizada pola Concellería de Cultura, Festas e Dinamización do Concello de Marín para este domingo día 11 polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, no marco do programa de Rutas Culturais.

As preguntas versaban sobre a hora e o lugar concreto ao que achegarse para participar na actividade. Os medios de comunicación a nivel local recolleron que se habilitaría un servizo de autobús para desprazarse aos sitios lonxanos, mais non se concretaba moito sobre este roteiro inicial. Nun dos xornais publicouse que neste caso non habería transporte, o que levaba a pensar que o punto de encontro era o que figuraba no cartel das Andainas: Praza de España, 09:30 horas.

…Quería iso dicir que as persoas inscritas no curso terían que iniciar a camiñada no centro de Marín para achegarse á entrada do Espazo Sete Camiños, no Monte Pituco? Se esa era a pretensión do Concello, non tiña pés nin cabeza, posto que o itinerario, costa arriba, ocuparía moito tempo e moito esforzo. A isto engadíase que se as rutas programadas non superan en teoría os 8 quilómetros, a suma do itinerario dos Sete Camiños máis o traxecto dende o centro de Marín, excedería con creces a distancia fixada.

…Era un malentendido e finalmente habería servizo de transporte? Ou teríanse que achegar os participantes polos seus medios ata o Monte Pituco? Nese caso, onde se especificaba esa información?

No día de onte chamamos ao teléfono do Concello de Marín para preguntar pero, por desgraza, non souberon solucionar as nosas dúbidas nese momento, emprazándonos á publicación dunha nota de prensa. O único que souberon asegurarnos foi que a convocatoria das Andainas fora un éxito e que as seis rutas programadas cubriran en poucas horas o cupo das 50 prazas.

Finalmente, hoxe recibimos unha mensaxe do Concello de Marín informando que xa se publicou a nota informativa e que se estaba avisando por teléfono, unha por unha, a todas as persoas inscritas no roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños para que souberan que o punto de encontro será na arboreda do Monte Pituco.

Segue a continuación a nota de prensa facilitada polo Concello de Marín:

ANDAINA 1. ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS

Data: domingo 11 de outubro de 2015.

Punto de encontro e saída: Área Recreativa Pituco, en San Xulián, na estrada EP-0019 que vai a Figueirido, ao lado da saída nº 4 da variante de Marín sentido Figueirido. As persoas inscritas deberán desprazarse pola súa conta a este punto.

Lonxitude e duración: trátase dunha percorrido circular duns 5 quilómetros, cunha duración aproximada de 3-3,5 h., e dificultade baixa.

Esta primeira andaina discorrerá polos montes comunais das parroquias de San Xulián (Marín), e Lourizán e Salcedo (Pontevedra), nos que visitaremos varias mámoas e petróglifos. Entre os petróglifos poderemos disfrutar de conxuntos como o de Pornedo, con notables combinacións circulares e representacións de armas; ou o conxunto de Outeiro da Mina, con numerosas rochas gravadas nas que predominan os círculos e combinacións de círculos concéntricos, algúns deles recheos de coviñas de pequeno tamaño. Son especialmente atractivas as vistas que ofrece esta andaina ao contar con miradoiros naturais sobre o val do río Tomeza ou sobre a ría de Pontevedra, e a propia paisaxe do contorno dos xacementos arqueolóxicos que visitaremos, na que non é difícil imaxinarse a actividade das xentes que habitaron estas terras hai catro ou cinco mil anos.

Lembrade levar roupa e calzado cómodo, tamén un chuvasqueiro aínda que se a previsión é de choivas persistentes a andaina se suspendería e trasladaría a unha nova data no mes de decembro.

Anotamos a previsión meteorolóxica para o domingo:

Previsión do tempo o domingo 11 de outubro

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: