Publicado por: MontePituco | 05/10/2015

ADIOUSE ATA NOVO AVISO A RUTA CON RONSEL E ACEMAS

Este pasado fin de semana había programada unha ruta de sendeirismo organizada pola Agrupación Cultural Ronsel a instancias da Asociación de Comerciantes de Marín Sur (Acemas) polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A causa do mal tempo, os promotores da actividade decidiron adiar a andaina ata novo aviso.

Posto que o roteiro estaba aberto á participación de calquera persoa interesada, achegámonos ata o punto de encontro para comprobar se había camiñantes dispostos a desafiar as nubes. E así foi: Rita e Jose, Loli e Manolo, foron os audaces veciños que quixeron aproveitar as raiolas de sol que luciron pola tarde para achegarse ata o Monte Pituco.

Trala visita aos petróglifos e á mámoa de Sete Camiños chegamos aos terreos que a Comunidade de Montes de Salcedo está acondicionando actualmente, logo de retirar con medios mecánicos un inmenso bosque de acacias. Esta especie invasora tiña (e aínda ten, en parte) literalmente tomada unha ampla superficie de monte veciñal, logo de moitos anos de abandono mentres esta zona estivo suxeita ás necesidades do acuartelamento da Brilat. 

Cos terreos recuperados para os comuneiros e comuneiras de Salcedo, a directiva que preside Fernando Pintos está destinando o canon que percibe a Comunidade do Ministerio de Defensa para recuperar, limpar e mellorar o monte veciñal. O propio Fernando Pintos explicounos ‘in situ’ cales son os plans que teñen previsto aplicar neste espazo: repoboar con bosque de ribeira a carón do nacemento do regato das Flaires e o resto con outras especies autóctonas. 

Encontro co presidente dos comuneiros de Salcedo, Fernando Pintos.

O próximo 24 de outubro a Comunidade de Montes de Salcedo celebrará a súa asemblea anual para expoñer todos os avances realizados. A xuntanza será xa na nova sede da Comunidade, na Casa de Cultura de Salcedo, coñecida como a ‘Casa Verde’, que se vai inaugurar a mediados deste mes.

Eliminación de acacia no monte de Salcedo.

Malia os esforzos da Comunidade de Montes de Salcedo, erradicar as mimosas e as acacias non vai ser nada doado. Son tantas as plantas e tantísimas as sementes que portan, que o chan está inzado de novos gromos desta especie invasora. 

As mimosas volven medrar a pesar da limpeza realizada pola Comunidade de Montes de Salcedo.

A Fonte da Prata secou. A Comunidade de Montes de Salcedo dispuxo outra nova fonte a poucos metros.

A Fonte da Prata secou.

As chuvias destes días van propiciar a proliferación de setas. Nos piñeirais dos montes de Salcedo e Lourizán xa se atopan diversas especies de fungos, tanto comestibles como non comestibles. Dende a Asociación Monte Pituco recomendamos unha vez máis prudencia na recollida de cogomelos para evitar intoxicacións.

Primeiros cogomelos do outono.

Phisolitus arrhizus (bomba de tinguir).

[Pisolithus arrhizus, coñecida como ‘bomba de tinguir’]

Vacaloura menor

[Vacaloura menor]

Vista da ría dende o val do Pornedo (Pituco).

Chegando ao val do Pornedo (Monte Pituco) recibiunos unha manta de nubes cargadas de auga que dificilmente permitían albiscar o solpor detrás da súa negrura.

Final da andaina no 'balcón da ría'.

Dende a Asociación Monte Pituco agradecemos a Loli e Manolo, a Rita e Jose, por esta visita ‘improvisada’ que repetiremos máis adiante cos demais integrantes de Acemas e de Ronsel.


Responses

  1. […] O domingo pasado suspendeuse por mal tempo malia que, finalmente, a tarde agantou sen chover e varias persoas animáronse a facer a ruta por Sete Camiños: ver artigo titulado “Adiouse ata novo aviso…“ […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: