Publicado por: MontePituco | 10/08/2015

AS TUBARÍAS DE ACUAES, A CARÓN DO PETROGLIFO DO ‘CICLISTA’

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

A finais do pasado mes de xullo, este blog informou do comezo das obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga que está realizando ACUAES a través da empresa Construcciones Ortiz:

As tubarías de Acuaes xa están no Monte Pituco

Daquela, os responsables da obra calculaban que na primeira semana de agosto os traballos avanzarían ata o treito situado a continuación do túnel que cruza pola parte inferior da Variante, á altura do regato da Grela.

O certo é que o único que avanzou foi a colocación dunha ringleira de tubos enriba da pista de servizo da Variante, porque no que respecta á abertura da gabia para soterrar as tubarías, os traballos avanzan moi amodo, debido á composición rochosa do terreo, unha circunstancia que non só vai retrasar o avance das obras, senón que probablemente tamén encarecerá o orzamento. Pero iso é fariña doutro saco e no seu momento haberá que falar de prazos reais e custes finais.

Nesta segunda semana de agosto os tubos están á altura do conxunto rupestre catalogado de Pinal de Caeiro, coñecido como “O ciclista” e incluído no ámbito do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Tal e como nos adiantaran responsables da obra, os arqueólogos “contratados” para este traballo adoptarían as medidas oportunas para garantir que o xacemento non sufrira ningún dano.

Así, puidemos comprobar que xusto por diante do panel informativo e no acceso aos gravados rupestres instalouse un valado metálico cunhas cintas advertindo da súa localización. 

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

Sen embargo, na Asociación Monte Pituco PREOCÚPANOS que a lonxitude do valado metálico non sexa abondo, porque en realidade o que cómpre protexer non é tanto o panel informativo, nin sequera o acceso aos petroglifos, senón os propios petroglifos, que quedan parcialmente desprotexidos dun posible accidente.

…E se os fragmentos de asfalto, de pedras e de terra que retiren as excavadoras ao abrir a pista -materiais que se van depositar no lado pegado ao monte, non no lado que dá á Variante, é dicir, practicamente enriba do xacemento- se precipitan enriba dos gravados, causándolles algún dano?

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

Pois isto é o que as concelleiras de Patrimonio, de Cultura e de Turismo NON QUEREN VER. Especialmente a primeira edil, que tería competencias directas nesta materia.

A Asociación Monte Pituco solicitou unha entrevista con estas responsables municipais, instándoas a visitar os xacementos catalogados, insistindo na conveniencia de coñecer de primeira man como se estaban desenvolvendo as obras de ACUAES na parte que lle afecta ao patrimonio arqueolóxico, e dende o Concello de Marín NEGÁRONSE a realizar esa visita.

A cambio, accederon a manter un encontro dunha hora de duración, nunha sala do Concello, este mesmo mércores antes do Pleno da Corporación, porque entenden que se trata dunha “primeira” entrevista, como se a Asociación Monte Pituco non se tivera xa reunido en varias ocasións coas concelleiras de Patrimonio e de Turismo no anterior mandato.

Para esta Asociación, a actitude das responsables de Patrimonio, Cultura e Turismo significa que non se pode actuar con máis DESPREZO, nin con máis DESINTERÉS, e confirma a súa absoluta INDIFERENZA polo estado no que se atopa o patrimonio rupestre da parroquia de San Xulián. Por tanto, acudimos a esa entrevista por educación, con ánimo informativo, pero sen a penas expectativas de acadar ningún compromiso do Concello de Marín sobre as peticións deste colectivo veciñal, que non son outras que conseguir que os xacementos arqueolóxicos do Monte Pituco e da parroquia de San Xulián sexan tratados AO MESMO NIVEL que os petroglifos de Mogor, que o castro da Subidá ou que calesquer outros recursos nos que o Goberno local estea realizando algunha mínima acción de divulgación a través de roteiros guiados, sinalización, campañas informativas ou de promoción turística.

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

Por outra banda, en canto ao resto das obras, cabe salientar que a pista de servizo da Variante está moi deteriorada polo tránsito dos camións de gran tonelaxe que transportan os materiais.

En canto rematen os traballos de instalación das tubarías, o vial será reparado pola empresa adxudicataria, segundo anunciara o Concello.

Obras de ACUAES na pista de servizo da Variante.

Obras de ACUAES na pista de servizo da Variante.

Obras de ACUAES na pista de servizo da Variante.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: