O pasado 9 de xullo, a Asociación Monte Pituco presentou no Rexistro do Concello unha solicitude dirixida ás concelleiras de Cultura, María José de Pazo, de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, e de Turismo, Cristina Acuña, emprazándoas a:
-Manter unha xuntanza sobre os recursos de interese cultural, patrimonial e turístico existentes no Monte Pituco.
-Visitar con elas os xacementos arqueolóxicos catalogados nesa zona.
-Incluír ditos recursos na oferta de visitas guiadas promovidas dende o Concello de Marín.
-Que a caseta de información turística dispoña de folletos sobre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
-Instalar sinalización que oriente os visitantes cara á entrada do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños no Monte Pituco (Pornedo).
-Establecer liñas de colaboración coas entidades sociais implicadas na promoción do patrimonio cultural da parroquia de San Xulián.
Non foi ata o derradeiro día das Festas do Carme -19 de xullo- cando a concelleira de Cultura, nunha conversa informal, se dirixiu a esta Asociación para fixar unha data para ese encontro na semana seguinte ao remate das festas. Tendo pasado con creces o prazo indicado pola propia edil, é esta Asociación a que se dirixe ao Concello -28 de xullo- para interesarse pola reunión pendente, recibindo como contestación que nun “ratiño” se nos informaría do día e da hora.
O “ratiño” durou ata o 3 de agosto, cando dende a Asociación Monte Pituco se volveu contactar co Concello de Marín para urxir a rápida convocatoria desa xuntanza, co argumento de que é precisamente neste mes do verán cando previsiblemente se concentre o maior número de visitantes no Concello, polo que adiar máis a entrevista faina inviable e inútil, unha vez que a campaña estival xa enfila a súa recta final.
Dende a Alcaldía se nos propón como primeira data para o día seguinte pola mañá. Nunha segunda proposta, a Alcaldía fala do mércores pola mañá, pero sen confirmar a presenza da concelleira de Cultura. En resposta a esa segunda data, a Asociación Monte Pituco propón como alternativa que a xuntanza se realice en horario de tarde -por razóns laborais dos solicitantes- e que teña como escenario o propio Monte Pituco, para o que abondaría cunha franxa de tempo de pouco máis dunha hora para visitar os principais xacementos e expoñer a súa situación ao pé do terreo.
Arguméntase como razón para celebrar a xuntanza no Monte Pituco que, no lapso de tempo dende que se solicitou a entrevista ata que se comezaba a concretar por parte do Concello de Marín unha data para a súa celebración, empezaran a realizarse as obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga, co conseguinte paso das tubarías a carón dun dos conxuntos rupestres -o de Pinal de Caeiro, coñecido como ‘O Ciclista’- incluído no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Por tanto, esta Asociación entendía que se requería a presenza das representantes municipais -en especial da edil de Patrimonio- para coñecer de primeira man a evolución das obras e escoitar por parte dos responsables da empresa adxudicataria dos traballos, cales eran as medidas que se ían adoptar para evitar calquera dano aos petroglifos.
Curiosamente, casualmente, o día 5 de agosto publícase na prensa local a enquisa de visitantes atendidos na caseta de información turística. Curiosamente, casualmente, o Faro de Vigo acompaña esa información cunha fotografía na que unha “traballadora” desa oficina -segundo o pé de foto- posa a carón do expositor de folletos.
Reproducimos a continuación a foto en color, tomada da web do xornal, na que se observa que hai distintos tipos de folletos informativos, montonciños con varios exemplares de cada e –curiosamente, casualmente– aparece UN ‘triste’ folleto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños no medio de toda esa oferta.
A contestación da Alcaldía sobre a entrevista solicitada non chegou ata hoxe, 6 de agosto, para informar de dúas cousas:
- A primeira, que a data da reunión sería o mércores 12 de agosto ás 19:00 horas. Unha hora antes do Pleno.
- A segunda, que “para unha primeira entrevista”, esta celebraríase no Concello; e que “a outra”, en alusión á visita ao monte, a Asociación xa marcaría outra data.
Dende a Asociación Monte Pituco, naturalmente, confirmamos a asistencia a esa reunión en dependencias da Casa Consistorial. Ninguén poderá dicir que este colectivo veciñal rexeita acudir a ese encontro.
Feita esa primeira aclaración, a Asociación Monte Pituco quere expoñer o seu malestar tanto pola demora -a todas luces, intencionada- na contestación ao escrito do pasado 9 de xullo, como polo trato e as condicións nas que se vai realizar esa xuntanza:
* Cun tempo limitado -imperativamente!- a 60 minutos polo comezo inaprazable do Pleno, ás 20:00 horas.
* Por tratar a este colectivo como un simple principiante no movemento asociativo do Concello, dándolle á entrevista solicitada unha consideración intrascendente, superficial e simplista, de mera toma de contacto, malia que no anterior mandato foron varios os encontros mantidos tanto coa alcaldesa, como coas concelleiras Beatriz Rodríguez e Cristina Acuña, sendo María José de Pazo a única edil coa que non existiu encontro previo debido á súa recente toma de posesión.
* Tendo en conta que a concelleira Cristina Acuña está de vacacións no seu posto de traballo, o mesmo que as concelleiras Beatriz Rodríguez e María José de Pazo, que exercen a avogacía e para as dúas o mes de agosto é inhábil nos tribunais, ningunha delas podería alegar falta de tempo para negarse a dedicar unha hora e pico da súa axenda a visitar un patrimonio arqueolóxico que, ademais, teñen a obriga de coñecer polas competencias que lles corresponden nos seus respectivos cargos municipais.
Polo que respecta a esta Asociación, as edís de Cultura, Patrimonio e Turismo comezan con mal pé pola falta de interese que demostran, atendendo esta petición de entrevista coma quen fai unha obra de caridade, e tendo pasado xa medio mes de agosto; pola insensibilidade ante unhas circunstancias que xustificaban e facían necesaria a súa presenza no monte, a carón duns xacementos clasificados como Bens de Interese Cultural ao mesmo nivel que a catedral de Santiago; pola comodidade, ante a súa falta de ganas de sustituír as sandalias de tacón e o estilismo de verán por unhas zapatillas e unha roupa de trote para desprazarse uns poucos metros por unhas pistas de terra ou de cemento ás que tamén se pode acceder en vehículo, como se tal tarefa fose un esforzo titánico no medio dos toxos e das silvas, o que evidencia o descoñecemento das concelleiras sobre os xacementos que se lles invitaba a visitar.
[…] motivadas polas obras de ACUAES. Así se fixo constar xa neste blog nun artigo anterior: “Xuntanza coas concelleiras“. Descoñecemos as pretensións da concelleira de Cultura con esa desafortunada intervención […]
By: NO PLENO, SOBRE O PETROGLIFO DE PINAL DE CAEIRO E ACUAES | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 15/08/2015
at 20:46