Publicado por: MontePituco | 11/08/2015

LIMPEZA DO CAMIÑO DO AGRO

Camiño do Agro

Esta semana oíanse roncar as máquinas desbrozadoras no lugar do Caeiro, e cal foi a nosa sorpresa ao descubrir que uns operarios estaban desbrozando o camiño do Agro, ao parecer por encomenda da Comunidade de Montes de San Xulián.

O Agro é o microtopónimo que denomina os matos e as leiras que se localizan entre O Caeiro e A Bouza. Antigamente, os habitantes dos dous lugares desprazábanse por este sendeiro para ir lavar a un lavadoiro e a unha poza que había nun punto intermedio, onde tamén poñían a roupa a clarear.

Por desgraza, a poza -que nos últimos anos se utilizaba para recoller a auga do regato das Presas coa que regar as plantacións da zona- está literalmente invadida pola vexetación, entre silvas, fentos e acacias. Ogallá os regantes aproveitaran a limpeza do camiño para desbrozar tamén a presa, recuperando así esta parte do patrimonio etnográfico da parroquia de San Xulián, que ao mesmo tempo constitúe tamén un anaco da nosa historia.

Camiño do Agro

Camiño do Agro

É a primeira vez (en moitos anos, polo menos) que a Comunidade de Montes de San Xulián destina unha parte dos seus recursos a recuperar un antigo camiño na zona do Caeiro. O sendeiro que antano percorrían os nosos pais e nais, avós e avoas, permanecía impracticable; con esta actuación, os habitantes da Pena, do Caeiro e da Bouza poden volver desprazarse por unha vía alternativa á estrada, descoñecida para os máis novos.

Camiño do Agro

O camiño do Agro bifúrcase nun punto onde se pode continuar cara ao monte e as vivendas da zona d’A Grela, ou dirixirse ao núcleo da Bouza, rematando na estrada provincial. Neste último treito, atopamos os restos dun antigo camiño empedrado. Chama a atención que algunhas lousas presentan letras gravadas a golpe de cincel, o cal levaría a pensar que tal vez José ‘Pepito’ Meijón chegou a deixar nelas a súa peculiar impronta nos seus desprazamentos cara ao Monte Pituco, onde realizou numerosos ‘petroglifos’ modernos.

Camiño do Agro

Dende a Asociación Monte Pituco aplaudimos a recuperación do camiño do Agro e animamos a Comunidade de Montes de San Xulián a seguir investindo na mellora da parroquia, na posta en valor do rural e do seu patrimonio histórico, etnográfico e cultural.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: