Publicado por: MontePituco | 26/07/2015

ROTEIRO POLOS MONTES DO HÍO

Cruceiro do Hío

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou un roteiro reivindicativo polos montes do Hío que, dende o Igrexario do Hío, percorreu o alto da Fanica, Outeiro Batente, Pouso da Serra, Corral da Vara, Cova do Pouso, Sobrada, o monte do Facho, a aldea de Donón e Cova do Vento, atravesando calzadas empedradas, pistas forestais e tramos do sendeiro ecolóxico GR-59 do Morrazo.

Antes do roteiro, era obrigada unha volta arredor da igrexa de San Andrés de Hío -de orixe románica- e do seu famoso cruceiro, obra do mestre José Cerviño García ‘Pepe da Pena’ e inaugurado en 1872.

Cruceiro do Hío

Cruceiro do Hío

Cruceiro do Hío

Cruceiro do Hío

“A base está formada por catro hornacinas orientadas aos puntos cardinais. A da cara sur móstranos a Eva coa mazá no momento de ser tentada pola serpe. Neste caso pódese facer unha lectura como de principio e fin, xa que se o cruceiro comeza co Pecado Orixinal, acaba, no máis alto, coa redención deste, por medio da morte na cruz do fillo de Deus. A hornacina que dá ao oeste forma conxunto coa anterior e representa a Adán no Paraíso. A seguinte imaxe, Xesús logo de morrer na cruz vai ao limbo a buscar aos Xustos para conducilos ao Ceo. Neste punto temos que prestar atención á forma en como están cinceladas as portas do Limbo. Mirando cara á igrexa está a cuarta hornacina que nos mostra á Virxe do Carme como redentora das Almas do Purgatorio. Se nos fixamos, a figura á que lle estende a man ten un birrete de cura”.

[Fonte: web do Concello de Cangas]

Igrexa de San Andrés de Hío.

Igrexa de San Andrés de Hío.

Un veciño explicounos que o reloxo de sol que se atopa nun extremo do tellado caera abaixo hai anos porque ataran un cable á figura e enganchárano ao outro lado da estrada anexa, resultando que un camión que pasou levouno por diante, arrastrando ata o chan a figura, que pasou moito tempo no interior da sacristía.

Con Cándido Martínez como guía, os primeiros puntos de interese que visitamos foron a calzada empedrada de A Fanica…

Calzada de A Fanica.

Vista dende A Fanica.

…e as formacións xeolóxicas de Outeiro Batente. A 241 metros sobre o nivel do mar, este é o punto máis alto da península do Hío e -se a néboa non o impide, como sucedeu nesta ocasión- ofrece unhas vistas extraordinarias da entrada da ría de Vigo coa enseada de Barra, o complexo dunar, a Costa da Soavela e as illas Cíes e Ons.

Vista dende Outeiro Batente.

 Vista da praia de Barra dende Outeiro Batente

Vista dende Outeiro Batente.

Dende Outeiro Batente.

Dende Outeiro Batente.

Vista do Monte do Facho dende Outeiro Batente.

Vista do Monte do Facho dende Outeiro Batente

Dende Outeiro Batente tamén se divisan as plantacións de bidueiros e a área de ribeira de Pouso da Serra; o monte baixo e amplas panorámicas de Corral da Vara; a plantación de carballos, castiñeiros e pradairos de Cova do Pouso; os salgueirais da área de ribeira de Sobrada, as ruínas da aldea antiga de Punxeiros-As Cortes e as panorámicas e o patrimonio cultural e arqueolóxico do castro, e o santuario dedicado ao deus Berobreo no monte do Facho, catalogado como Ben de Interese Cultural; a calzada empedrada que o rodea, as veigas de cultivo e o patrimonio etnográfico e civil do núcleo rural e agrícola de Donón, as carballeiras e o bosque de ribeira do rego de Donón, así como o tramo de calzada empedrada que sube da Cova do Vento e que fai de conexión con A Fanica.

Flora dos montes de Hío.

Carpaza

Estripeiro

Estripeiro

Estripeiro

Adea As Cortes-Punxeiro

Antiga aldea As Cortes-Punxeiro

Restos da antiga aldea As Cortes-Punxeiros, habitada ata o século XIX

Subida ao Monte do Facho

As excavacións arqueolóxicas que se realizaron no Monte do Facho entre os anos 2003 e 2008 deixaron ao descuberto unha parte importante dun asentamento que se remonta á Idade do Ferro. Trátase dun amplo conxunto de edificacións situadas na parte norte do monte e defendidas por varias liñas de murallas. Son os restos da derradeira etapa de ocupación deste enclave, entre os séculos I a.C. e I d.C. A maioría tiñan forma circular, aínda que tamén os había ovalados ou rectangulares con esquinas curvas. Os investigadores atribúenlles diversos usos: habitacionais, para almacenamento, culturais, etc.

Castro do Monte do Facho.

Castro do Monte do Facho.

Reprodución das aras votivas do Monte do Facho.

O santuario galaico-romano dedicado ao deus lar Berobreus apareceu no século III d.C., despois de que o castro fose abandonado. Trátase dun santuario ao aire libre situado na parte leste da croa do Monte do Facho onde, mediante unha serie de socalcos, creouse un espazo para poñer as ofrendas. Estes donativos eran altares de pedra -ou aras- que se cravaban na terra. Contiñan un breve texto en latín alusivo á deidade local. Recuperáronse 174 aras votivas. 

Agresión a unha das aras reproducidas.

Agresión a unha das reproducións das aras atopadas no Monte do Facho.

No Monte do Facho.

No Monte do Facho

No século XVIII creouse un posto de vixiancia con fins militares, do que se conserva unha garita con forma circular.

O que hai na garita do Facho

…O que hai no interior da garita do Monte do Facho…

Acceso ao Monte do Facho.

Hórreos na aldea de Donón

Hórreo na aldea de Donón

Hórreos na aldea de Donón

Fauna do Monte do Facho.

Xesta

Xesta mansa

Abruños

Abruños

Os montes do Hio, como corredor natural, fan de enlace directo coa Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido pola Rede Natura da Costa da Vela que, na súa maioría, é superficie mariña e que en terra só acolle no seu territorio protexido unha longa e estreita franxa de acantilado.

Malia a súa importancia a distintos niveis, estes montes do Hío só están catalogados na actualidade como solo rústico de especial protección de espazos naturais e forestal; unha clasificación que a Plataforma Montes do Morrazo entende que é claramente insuficiente para protexer e conservar os seus auténticos valores.

Dende o punto de vista paisaxístico, é a punta no extremo occidental da península do Morrazo, dentro do contexto litoral das Rías Baixas. A nivel bioxeográfico, destaca pola presenza de breixeiras secas europeas, rochedais silíceos con vexetación pioneira, pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica, vexetación potencial de carballeiras galaico-portuguesas e de bosques aluviais, fauna e flora silvestre de interese comunitario con varios endemismos do noroeste e ibéricos, e especies integradas nas Directiva Hábitats e Aves. Ademais, ten importancia xeolóxica polas formacións graníticas existentes na zona, con abundancia de pías, alveolos e cacholas.

A isto cómpre engadir a riqueza cultural e arqueolóxica do lugar, cun asentamento da Idade do Bronce e Medieval no monte do Castro, o achado da Idade do Bronce de Lapa dos Santos, o petróglifo da Idade do Bronce de Alto da Serra, a necrópole Neolítico-Medieval de Cova da Loba, o asentamento Neolítico-Medieval de Corral de Barra, o asentamento e os petróglifos Medieval-Moderno de Punxeiros-As Cortes, e o asentamento da Idade do Bronce, Idade do Ferro e Galaico-romano do Facho de Donón.

As principais afeccións e ameazas deste despazo son a eucaliptización, polo seu carácter invasor e pirófito; a intensificación dos monocultivos forestais en detrimento da biodiversidade e da súa multifuncionalidade como recurso; a ausencia de silvicultura, as cortas a matarrasa de arborado, a apertura de novas pistas forestais; os vertidos de entullos e o soterramento de antigos camiños e calzadas empedradas; a roturación agresiva do terreo e a canalización de mananciais naturais de auga para a loita contra os incendios forestais; a especulación urbanística, os tendidos aéreos de subministro eléctrico, antenas de telecomunicacións; o deterioro e desaparición do patrimonio etnográfico e civil e o seu abandono; a masificación e banalización turística do patrimonio cultural e arqueolóxico, centralizado na posta en valor do castro e do santuario do monte do Facho, mentres o resto queda desatendido.

Hío

Rectoral de Hío

Acceso posterior á reitoral de Hío

Por consideralos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta -en marzo do 2012- a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, ademais dos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro recollera, entre outros espazos ampliables, os montes do Hío.

Mapa da ruta (Paulo Troitiño)

Plano do roteiro polos Montes do Hío, realizado por Paulo Troitiño


Respostas

  1. Parabéns polo estupendo traballo!!!
    Se queres saber máis do reloxo de Hío e ver a seu emprazamento temporal podes botar unha ollada o seguinte enlace https://reloxosdesol.wordpress.com/2014/02/13/reloj-de-sol-en-la-iglesia-de-hio/
    un saúdo

    • Moitas grazas, alegrámonos de que che gustara o artigo. Enlazamos co teu sobre o reloxo de sol; moi interesante. Volve pasar polo blog cando queiras! Saúdos.

  2. […] ás nosas costas o Monte do Facho e o núcleo de Donón para emprender a senda de Cabo Home. Tras percorrer un pedaciño de Cabo […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: