Publicado por: MontePituco | 15/07/2015

PLENO DE XULLO 2015

Este mes de xullo foi o primeiro no que os plenos pasaron a celebrarse os primeiros mércores de cada mes. Ninguén novo na mesa presidencial, con María Ramallo dirixindo a sesión e intentando disimular a súa afonía, flanqueada por Manuel Santos Costa e Marián Sanmartín. Nos bancos do PP, unha única cara nova: a de María José de Pazo. Máis remuda, en cambio, no bando da oposición, con varios edís estreándose na política municipal.

Os dous primeiros puntos debatíronse conxuntamente: tratábase da proposta da Alcaldía para que o Concello de Marín se adhira ao Código Ético e de Bo Goberno do Plan de Transparencia e Bo Goberno para as Entidades Locais, impulsado dende a Federación Galega de Municipios e Provincias, xunto coa proposta de aprobación dunha ordeanza-tipo de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos, elaborada pola propia FEGAMP.

María Ramallo expuxo que a Lei de Transparencia do Goberno Central entraría en vigor en decembro deste ano 2015. “Que haxa transparencia nos contratos, que se publiquen as relacións de patrimonio e que se utilice a web municipal para trasladarlle información aos cidadáns” son algunhas das aplicacións que enumerou a alcaldesa, ao que engadiu que “no Concello xa facemos estas cousas”.

…Pois non se nota, alcaldesa. A web municipal é pésima: á marxe de aspectos estéticos que son opinables en función dos gustos de cada quen, o que é unha verdade irrefutable é que transcorrido un mes dende a toma de posesión do actual Goberno local, seguen sen actualizarse datos tan básicos como a composición da Corporación e as responsabilidades nas Concellerías: José Luis Lago e Ramiro Gestido seguen figurando como responsables de Festas e de Rural, cando xa ningún dos dous está actualmente na política local activa. Un despropósito e unha desidia inxustificables. Mal empezamos…

Mal empezou tamén o Psoe. Primeiro tema do primeiro pleno ordinario, e primeiro asunto que a socialista Luz Santiago propón “que quede sobre a mesa”. Nunca a auga lle vai polo rego ao Psoe municipal, outra vez a mesma cantinela de plenos pasados: sobre a mesa, sobre a mesa… Non coñecen seica ningunha outra preposición. O motivo, que a ordenanza proposta pola Alcaldía viña “sin dictaminar”, que lle parecía moi “farragosa” e que consideraba necesario “replantear cosas”. O voceira do Psoe amosábase de acordo co Código Ético, pero queixábase de que “no está discutida, es una fotocopia de lo que manda la FEGAMP y así no se hacen las cosas”, sinalou Luz Santiago.

Pilar Blanco tamén protestou porque o Goberno local “empeza incumprindo a regra de dar información á oposición” porque non se celebraran comisións informativas previas ao pleno. Ademais, advertiu que o convenio de adhesión do Concello de Marín ao Código Ético carecía de rexistro de entrada na Administración municipal. E afeoulle a María Ramallo que, se non fose por este tema, “descargado da web da FEGAMP, o pleno estaría baleiro de contido”.

Aínda así, xustificou que como o Bng forma parte da directiva da FEGAMP a través do alcalde nacionalista de Allariz, e aínda apreciando que existían “moitas eivas” no documento, o seu grupo ía apoiar a proposta.

Estreouse Sandra Pesqueira como voceira de Marea Veciñal de Marín comentando que a adhesión do Concello a un código ético parecíalle unha “boa nova”, se ben lamentou que o Goberno local optara por presentar un “regulamento-tipo” da FEGAMP en vez de invitar os grupos municipais a participar na redacción do documento. “O ético, o participativo, é que a Corporación puidera participar na súa elaboración”, remarcou Sandra Pesqueira, aínda admitindo que as comisións informativas comezaran a constituírse naquela mesma xornada. Rematou a súa primeira intervención deixando claro que Marea Marín estaba en contra da “acumulación de cargos” que, como no caso da alcaldesa, a situaban como representante municipal en diversos organismos, como o Consello de Administración da Autoridade Portuaria.

Diario, 8 xullo 2015

A alcaldesa replicoulles que para que o Concello puidera aplicar estes instrumentos pro-transparencia farían falta máis medios e persoal municipal. Que, a diferenza do que criticara a oposición, non lle parecía un asunto propio de “rematar a lexislatura”, máis si para “empezar un mandato”, e que había “catro anos por diante para mellorar” na súa aplicación, polo que máis adiante poderíanse “introducir alegacións e suxerencias”.

“Esta é unha proposta de mínimos e a ordeanza pódese ir implementando”, insistiu María Ramallo, aclarando que o que se trataba de aprobar era “a adhesión e o compromiso” do Concello con respecto á Lei de Transparencia.

Sobre ás comisións informativas, explicou que “non deu tempo” a constituilas con antelación suficiente ao pleno.

E rematou dirixíndose á voceira de Marea para asegurarlle que tiña un salario como alcaldesa e que, a maiores, unhas 6 ou 7 veces ao ano asistía ao Consello de Administración do Porto, polo que lle pagaban unha dieta, que ela declaraba. “Ir e non cobrar non é posible, os órganos colexiados funcionan así”, concluíu.

Pilar Blanco seguíu na teima de reprender a “actitude” da alcaldesa: restregoulle o cambio de día na celebración do pleno, espetoulle que o Bng tiña comunicado “en tempo e forma” os seus representantes nas comisións e que “non se falara nin na xunta de voceiros” deste tema. “O acceso á información dos grupos é por lei, cando temos que peregrinar polos despachos para conseguila”, porfiou a edil do Bng, que parecía estar dando unha lección de regulamento cando tanto María Ramallo como Pilar Blanco teñen rodaxe bastante en lides municipais.

Por suposto -porque o tempo para Pilar Blanco non debe ser tan de ouro como para os demais- non perdeu a ocasión de sacar a relucir o xa fedorento tema do listado de facturas. O ex-concelleiro do Bng Xosé María Vilaboa estaba entre o público e había que tributarlle a súa homenaxe pública, de tanto que o debe extrañar ao seu carón na bancada da oposición. E porque quen non chora non mama, Pilar Blanco reclamoulle ao Goberno local “un espazo para recibir os veciños de Marín”, argumentando que “sería demostrar que cre no que aproba”.

…Como cambian as tornas cando se deixa de ter a sartén polo mango! Co-gobernando o Bng no Concello, hai dous mandatos atrás, a Asociación Monte Pituco solicitou unha entrevista co grupo municipal nacionalista e a xuntanza tivo lugar no local do Bng na Veiguiña, non na Casa Consistorial…

No seu último turno, Sandra Pesqueira criticou que “non é xusto” que a alcaldesa cobre máis cartos dos que marca o seu cargo como rexedora municipal e instouna a “ceder a fins sociais” o que percibe por participar en órganos colexiados.

Finalmente os dous puntos quedaron aprobados cos votos a favor do PP, Bng e Marea. O Psoe abstívose.

Antes da votación, o multi-repetidor concelleiro socialista Muradas Ramos quixo facer unha observación apelando ás súas reiteradas cuestións de forma sobre o funcionamento e a tramitación dos asuntos ‘de palacio’, dos que tanto dominio presume de ter: “Algo que se aprueba inicialmente y que luego los grupos políticos hagan alegaciones, no tiene lógica; creo que no se puede alegar porque ya estaría aprobado. Políticamente no tiene ningún sentido”. A alcaldesa zanxou a cuestión argumentando que “isto é unha ordenanza tipo, un documento base; non lle vexo ningún problema”.

……………………………

Noutra orde de cousas, o Bng presentou unha moción urxente contra a Lei Mordaza. María Ramallo instou a Pilar Blanco a xustificar a urxencia da moción, posto que os demais grupos non tiñan nin sequera unha fotocopia da devandita moción. Máis tarde, o grupo Marea Marín confirmaría que ningún outro concelleiro/a fora informado previamente da introdución deste tema no pleno. Así son as formas da voceira nacionalista, que non sabe iso de ‘predicar e dar trigo’. Queixarse ben que se queixa -con máis ou menos razón- de que o Goberno local non lles proporciona en tempo e forma a información que precisan sobre a xestión municipal; pero ao Bng de Marín tamén se lle dá de marabilla iso de ir pola calada, introducindo temas por libre nun suposto afán de que ningún outro partido os solape con propostas semellantes ou complementarias; en vez de favorecer o diálogo e a colaboración mutua no ámbito da oposición. 

Tal vez o Bng quixera así quitar a espiña de non ter levado a dianteira nas mobilizacións contra a Lei Mordaza que, a nivel local, impulsou Marea Marín, na véspera de entrada en vigor do novo regulamento, escenificando o seu rexeitamento diante do Concello cunha concentración na que os participantes -concelleiros, simpatizantes e veciñanza en xeral- portaban carteis e tapaban a boca con esparadrapo. 

Concentración de Marea Marín contra a Lei Mordaza

[Foto, Marea Marín]

Esta anomalía fixo que o pleno se suspendera durante uns minutos para que dera tempo a facer fotocopias da moción, repartila aos grupos, que a leran e valoraran, para logo pronunciarse ao respecto. Nese lapso, Xosé María Vilaboa ergueuse do asiento que ocupaba entre o público, xunto con outros militantes do Bng, e achegouse a Pilar Blanco para intercambiar impresións.

Unha vez que se reanudou a sesión, e en vez de volver ocupar o asento inicial, Vilaboa foi ocupar outra cadeira xusto diante duns acérrimos seguidores do PP, un dos cales protestou en voz alta pola presenza de Vilaboa, que parecía invadir o seu ‘espazo vital’. Vilaboa fixo o parvo, xustificando o seu cambio de ubicación cun lacónico “non oio!”, que soou máis a chiste que a outra cousa.

No debate da moción contra a Lei Mordaza, María Ramallo anunciou que o PP votaría en contra porque a norma “pon fin a moito tempo de tramitación do texto, que tivo moitas modificacións e rebaixas”.

En representación do Psoe, interviu por primeira vez María González: “El PP nos perdona la vida. Yo estaría en la cárcel y endeudada por defender mis derechos”, expuxo, en alusión ás multas e aos riscos penais nos que incorra quen incumpra a lei. “Mordaza es el apelativo que mejor le queda. La aprobaron con la mayoría absoluta que van a perder y el Psoe la derogará cuando gane las próximas elecciones”, afirmou.

Sandra Pesqueira anunciou o apoio do seu grupo á moción, argumentando que se trata dunha lei “regresiva para reprimir a protesta veciñal” e lembrando que Marea Marín xa amosara o seu rexeitamento co acto de protesta antes citado: “Non falen de consenso cando a aproban só cos votos do PP; esta é a súa lei, non a nosa”, concluíu.

Antes de que a moción se sometera a votación, volveu producirse un novo rifi-rafe verbal entre Xosé María Vilaboa e o representante veciñal Antonio Conde. “Que lle poñan un bozal!”, oíuselle pronunciar ao ex-concelleiro do Bng.

A moción presentada por Pilar Blanco contou co apoio de Marea Marín e Psoe, pero foi rexeitada coa maioría absoluta do PP.

……………..

No apartado de rogos e preguntas, Luz Santiago interesouse polo aparcadoiro disuasorio habilitado polo concello a carón do río Lameira: “No hay expediente, el Psoe hace años lo intentó hacer pero los técnicos nos disuadieron”, expuxo, para preguntar de seguido “si la parcela es del ayuntamiento, si tiene permiso de Aguas de Galicia y de Patrimonio, si está calificada urbanísticamente y si tienen constancia del alto índice de inundabilidad”. 

…Pois para telo intentado o Psoe hai o tempo que fose, a concelleira socialista parecía non ter nin ‘repajolera’ idea do asunto…

María Ramallo respostou que contaban coa “vontade” dos propietarios particulares; igual que no caso do terreo dispoñible a carón da rúa República Argentina para dispór de espazo para aparcadoiro con motivo das Festas do Carme. Que na limpeza da parcela a carón do Lameira traballaran operarios da brigada municipal de obras, que Augas de Galicia estaba informada e autorizara a actuación coa condición de deixar unha marxe con respecto do río, e que a intención do Concello era “facer un sendeiro para ampliar o paseo a carón do río.

Diario, 9 xullo 2015

……………

No seu turno, Muradas preguntou por vellos temas: as obras nas rúas Ezequiel Massoni e Echegaray.

O número 3 do Psoe, Iván Pastoriza, tomou a palabra por primeira vez para preguntarlle a María Ramallo pola posibilidade de que máis concelleiros dos asignados a unha determinada comisión poidan asisitir á mesma. A alcaldesa remitiuno ao regulamento municipal.

Ningún dos outros dous concelleiros do Bng abriron a boca neste pleno. A única concelleira nacionalista que interviu no nome do seu grupo foi Pilar Blanco, incluso para formular os rogos e preguntas: a falta de subministro eléctrico en Pastoriza, que a fonte da praia de Mogor no botaba auga, e que os novos paneis das praias non estaban en galego.

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, falou da limpeza das praias para explicar que o limpapraias pasaba unha vez á semana e que por terceiro ano contábase cunha empresa privada para realizar tarefas de mantemento: se antano se gastaban 28.000 euros na contratación de persoal que actuaba en horario matinal de luns a venres, co cambio ampliábase a atención ás fins de semana e tamén en horario vespertino, cun custe de 20.000 euros, co cal “os veciños gañan en calidade do servizo”.

Esta explicación non convenceu a Sandra Pesqueira, que tomou a palabra para cuestionar se os traballadores desa empresa cobraban un “salario digno” ou se “vulneraban os seus dereitos” laborais.

A alcaldesa respostou que non se podía gastar máis en contratacións e que a brigada tampouco tiña capacidade para atender todo o que implicaba o servizo de mantemento dos areais. “Xa é excesivo o número de horas extra”, engadiu.

Continuando na quenda de Marea Marín, Aaron Franco plantexou un tema que xerou polémica no grupo de Goberno a propósito do pleno de toma de posesión dos novos integrantes da Corporación municipal. Segundo os datos que achegou, as 25 medallas e pins de prata que se lles entregarons aos edís tiveron un valor de 9.000 euros, a razón de 355 euros por cada caixa, dixo Aarón Franco, mentres sostiña a súa. “Isto sobrepasa os límites da indecencia”, criticou, en alusión ao elevado custe do acto de “postureo”. Por iso, xustificou a decisión de Marea Marín de aproveitar ese momento para devolver as súas medallas “e que ese gasto se destine a fins sociais”. 

* Comunicado de Marea Marín sobre a devolución das medallas: “Cuestión de prioridades“, na web de Marea Marín.

Devolución das medallas por parte dos tres edís da Marea.

Custe das medallas dos edís da Corporación (Marea Marín)

Faro, 9 xullo 2015

María Ramallo non tomou nada ben o xesto dos tres concelleiros da Marea, aos que intentou convencer de que esas medallas “lévanse entregando dende sempre e se non as queren, a empresa que as fixo non as vai recoller”. “Para postureo, o que acaban de facer”, espetoulles a alcaldesa, que os acusou de “desprezar” as medallas conmemorativas co escudo de Marín por un “capricho” do que puideron “avisar antes se non as querían”, engadiu cun ton de reproche. “Forma parte da vosa dinámica, ser máis papistas que o papa, pero todo ten o seu percorrido”, engadiu María Ramallo, nunha clara alusión ao refrán que di que ‘arrieritos somos e no camiño atoparémonos’. “Que pensa, que a Marea da Coruña non pagou para que houbera unha pantalla xigante na praza do Concello?”, apostillou a alcaldesa referíndose á celebración que se puido seguir dende o exterior do Concello o día da proclamación de Xulio Ferreiro como alcalde. “Pois nós estamos moi orgullosos da nosa medalla”, concluíu María Ramallo con certo xesto de chulería.

Rematou o pleno coa intervención de Xosé Manuel González Dopazo, quen lamentou o estado de “abandono” e a “imaxe penosa” do porto histórico de Aguete, solicitando que o Concello se esixa a Portos de Galicia o acondicionamento da zona. Por outra banda, o edil da Marea informou da existencia dun socavón no lugar de Silvestre, preto do campo de fútbol de Santomé. 

…E colorín colorado, o resume deste pleno está rematado.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: