Publicado por: MontePituco | 14/07/2015

TERRAS DE PONTEVEDRA E XUNTA TAMÉN APOSTAN POLA ARTE RUPESTRE

Esta reflexión vén ao fío do escrito que a Asociación Monte Pituco presentou este pasado 9 de xullo no Concello de Marín solicitando entrevistas coas concelleiras de Cultura, de Patrimonio e de Turismo para pedirlles que non exclúan os recursos arqueolóxicos do Monte Pituco e do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños das rutas guiadas organizadas polo Concello de Marín a instancias da empresa que xestiona o Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor.

E vén tan só uns días despois de que unha veciña de Marín nos formulara unha queixa por algo do que xa tiñamos coñecemento: que nin na caseta de información turística de Marín nin no Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor hai dispoñibles folletos sobre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Folletos do Espazo Sete Camiños

Esta situación lémbranos o acontecido o ano pasado co libro “Petróglifos e outras prehistorias”. Despois de telo utilizado como material explicativo nunha andaina bastante concorrida a nivel de público, moitos participantes quixeron consultalo na Biblioteca Municipal, onde non había máis que un exemplar que nin sequera permitían prestar a domicilio. Ata que finalmente, ante a demanda xurdida, alá foron aparecendo exemplares da publicación, que estaban criando pó arrumbados nunha esquina do Museo Torres, e algunhas persoas interesadas puderon conseguila.

…Pois vai ter que ser a forza de que a veciñanza e os visitantes pregunten polos folletos do Espazo Sete Camiños, os pidan e os demanden, ata que finalmente o Concello de Marín teña que dar o paso de conseguilos a través da Comunidade de Montes de San Xulián e poñelos a disposición dos usuarios, que para iso se fixeron. O propio día da inauguración do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños díxose publicamente que estes cadernos e trípticos poderíanse atopar en dependencias municipais.

Agora é a Mancomunidade Terras de Pontevedra -á que pertence o Concello de Marín, xunto cos municipios de Pontevedra, Poio, Pontecaldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro- a que asina un convenio coa Axencia Turismo de Galicia, dependente da Xunta, para a promoción da arte rupestre neste entorno xeográfico.

O propio Goberno autonómico anunciou o acordo co seguinte comunicado que se reproduce a continuación:

Lores e Nava Castro firman convenio de turismo con mancomunidade Terras de Pontevedra.

A XUNTA DE GALICIA APOSTA POLA PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DOS RECURSOS E PRODUTOS TURÍSTICOS DE TERRAS DE PONTEVEDRA

-A directora de Turismo de Galicia e o presidente da Mancomunidade rubricaron un acordo para a realización de actividades de promoción e información do turismo no territorio da mancomunidade Terras de Pontevedra

-Turismo de Galicia e mais a mancomunidade Terras de Pontevedra apostan pola coordinación interadministrativa para a realización de actividades de promoción do turismo

-Turismo de Galicia achega 60.000€ a través deste convenio que ten como obxectivo a constitución, posta en funcionamento e xestión dunha serie de actividades para a promoción do turismo no ámbito na Mancomunidade

-O convenio integra actuacións referentes ao arte rupestre, a promoción do comercio de proximidade, as novas tecnoloxías e a mellora no acceso dixital aos recursos tur ísticos dos concellos

Pontevedra, 13 de xullo de 2015.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez asinou hoxe un convenio de colaboración coa Mancomunidade Terras de Pontevedra para a realización de actividades de promoción e información do turismo no territorio que engloba a mancomunidade.

O Plan Integral de Turismo recolle unha liña estratéxica centrada na cooperación interadministrativa e público-privada, así como actuacións orientadas ao desenvolvemento dos destinos. De modo que Turismo de Galicia impulsa convenios de colaboración para a posta en valor dos recursos e da oferta diferencial dos destinos “para facer de Galicia unha marca diferencial, un destino multiexperiencial e cun sector competitivo, innovador e internacional e que funcione como modelo europeo de turismo sostible”.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o obxectivo deste convenio é a constitución, posta en funcionamento e xestión dunha serie de actividades para a promoción do turismo no ámbito da Mancomunidade Terras de Pontevedra a través da priorización de accións de promoción, difusión e dinamización dos valores patrimoniais e culturais da zona desta mancomunidade.

A través deste convenio, Turismo de Galicia realiza unha achega de 60.000 € para o desenvolvemento de diferentes actuacións que perseguen a sensibilización tanto dos visitantes como dos propios veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio cultural, histórico e arqueolóxico para que teña unha clara proxección turística coa correspondente incidencia económica.

Tal como matizou Nava Castro, o convenio integra actuacións referentes á comercialización do produto de arte rupestre e á potenciación das sinerxias con outros centros de arte rupestre, así como á promoción do turismo accesible, onde se procederá á elaboración de paquetes turísticos e incidirase na promoción dos roteiros xa elaborados, a organización de blogtrip con bloguers con mobilidade reducida, a procura de axencias de viaxes especializadas e a continuación do traballo de difusión e promoción entre os centros e asociacións de persoas de mobilidade reducida de toda España e o reforzamento en diferentes países europeos. A directora de Turismo de Galicia continuou explicando que o convenio tamén integra actividades relacionadas coa promoción do comercio de proximidade e tamén aborda actuacións relacionadas coas novas tecnoloxías e a mellora no acceso dixital ao recursos turísticos dos concellos.

Estas actuacións integradas no convenio axudarán a mellorar os datos turísticos deste territorio que o pasado ano recibiu preto de 179 mil viaxeiros que realizaron mais de 418 mil pernoitas. Neste senso é destacable o aumento do 15% que se produxo dos viaxeiros estranxeiros nos establecementos hoteleiros deste territorio da Ría e Terras de Pontevedra.

Aínda que non sae na foto, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, tamén asistiu ao acto de sinatura dese convenio, segundo informou un medio de comunicación local.

E como se trata dun documento público ao que calquera persoa interesada pode ter acceso, imos reproducir algúns fragmentos do mesmo, para que consten exactamente cales son as condicións.

Acordo Turismo de Galicia e Terras de Pontevedra.

Acordo Turismo de Galicia e Terras de Pontevedra.

Acordo Turismo de Galicia e Terras de Pontevedra.

acordoTerrasPonte4

Agardamos que o Concello de Marín tome nota e non só inclúa o abundante e valioso patrimonio arqueolóxico da parroquia de San Xulián no circuito de rutas guiadas, senón que tamén aproveite este convenio para apoiar a difusión dos conxuntos rupestres de Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro, Carrasca e Champás con respecto a outros que, como no caso dos petroglifos de Mogor, non só son os máis estudados, coñecidos e promocionados, senón que xa teñen o seu propio centro de interpretación.

Que grazas a investimentos como os de Terras de Pontevedra se poida equilibrar o desigual nivel ao que se atopa o patrimonio do Monte Pituco con respecto a outros xacementos, logo de anos de abandono, maltrato e descoñecemento por parte das Administracións. O Concello de Marín ten unha débeda histórica co patrimonio arqueolóxico de San Xulián e o convenio con Terras de Pontevedra -na proporción á que Marín poida optar- é unha oportunidade para comezar a saldala. 

Cómpre lembrar que a Comunidade de Montes de San Xulián ten intención de vincular o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños co Lago de Castiñeiras a través dos conxuntos rupestre da Carrasca e de Champás, que carecen de sinalización e precisan urxentes actuacións de limpeza e posta en valor.

 

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: