Publicado por: MontePituco | 03/07/2015

‘INVERTEBRADOS DO ESPAZO SETE CAMIÑOS’, POR PAULO TROITIÑO

* Colaboración de Paulo Troitiño Iglesias (texto e fotos), membro da Agrupación Micolóxica e Naturalista Liboreiro

INVERTEBRADOS DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS

A comarca de Pontevedra-O Morrazo posúe un importante patrimonio natural, etnográfico e arqueolóxico, cunha ampla diversidade de espazos naturais e hábitats moi variados. Porén, aínda que a fauna de vertebrados coñécese moi ben, existe un gran baleiro de información referente ás especies de invertebrados.

O Espazo Natural dos Sete Camiños actúa como un corredor natural entre as dúas bisbarras, moi próximo á ría de Pontevedra e ao océano Atlántico, que exerce un efecto moderador na temperatura e impide oscilacións térmicas excesivas. Este tipo de clima defínese como atlántico-europeo húmido e de temperaturas suaves.

Segundo os datos da Estación Meteorolóxica de Lourizán, situada a 57 m de altitude, a precipitación anual oscila arredor dos 2000 mm e a temperatura media anual é de 14ºC.

É necesario falar dos hábitats e das paisaxes da zona para decatarse da diversidade e do ambiente onde viven os invertebrados.

As ribeiras fluviais están formadas por regatos de pouca entidade, mais de grande importancia ecolóxica, cunha vexetación asociada de ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix atrocinera) e carballos (Quercus robur); pequenas brañas e charcas cunha interesante flora pteridófita.

Na parroquia de San Xulián atópanse os regos da Agrela, do Pornedo e da Presa, na conca do río Lameira. E na parte septentrional, nas parroquias de Lourizán e de Salcedo, discorren as augas dos regos das Flaires, rego de Batán, Cubeiro ou da Ponte, que sn afluentes do río Gafos. Outro pequeno regato que nace preto do Outeiro da Edra discorre cara ao Regueiriño, en Lourizán.

As extensións de monte baixo e de matogueira, sobre todo no Monte Pornedo, están consideradas hábitat de interese prioritario na categoría de ‘Breixeiras secas europeas’, de formacións a miúdo densas con especies de toxo e breixo, Ulex europaeus, Erica ciliaris, Erica cinérea, Calluna vulgaris, Daboecia cantabrica, Cistus…

As especies arbóreas predominantes son o piñeiro do país (Pinus pinaster) e o eucalipto (Eucalyptus globulus) destinados á produción forestal. Aínda que tamén hai formacións monoespecíficas, nalgunhas zonas medran con eles outras árbores, como castiñeiros (Castanea sativa), carballos (Quercus robur) e pereiras bravas (Pyrus cordata), formando un bosque mixto.

Tamén existen pequenos rodais de especies exóticas invasoras como a acacia (Acacia melanoxylon), na zona do Outeiro da Mina e Chan das Mouras, moi difícil de erradicar.

Os invertebrados superan o millón de especies descritas, o que constitúe aproximadamente o 65% de todos os organismos vivos e o 77% das especies animais; aproximadamente as tres cuartas partes das especies coñecidas no mundo. Este elevado número de especies -unido ao importante papel que desempeñan nos ecosistemas- non se corresponde co escaso protagonismo que tradicionalmente tiveron nas políticas de conservación.

En moitas ocasións, protéxense os animais que gustan dende o punto de vista antropocéntrico, sen ter en conta outro tipo de especies que adoitan presentar un maior grao de ameaza. Nos invertebrados tamén acontece esta tendencia, e non é de estrañar que grupos máis rechamantes ou de maior beleza, tiveran certa preferencia nos plans de conservación.

A clasificación dos invertebrados é moi ampla e complexa; non é o obxectivo deste artigo tratar sobre toda a fauna invertebrada que habita no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. De aí que este traballo se centre nos artrópodos e, polo seu número, nalgúns insectos e arácnidos.

Artrópodos – Insectos

Lepidópteros:

As larvas -xeralmente coñecidas como eirugas- son fitófagas, pasan por varios estados larvarios: embrión, larva, pupa e imago (adulto). Antes de pupar ou crisalizar, encérranse nun botón de seda que tece a propia eiruga. Despois da metamorfose, os adultos que emerxen das crisálidas teñen o corpo recuberto de escamas, posúen unha espiritrompa para succionar o néctar e coñécense como bolboretas e avelaíñas.

Entre as máis vistosas destacan a macaón (Papilio machaon), Iphiclides podalirius, pavón (Inachis io), Vanessa atalanta, e algunha especie migratoria como Vanessa cardui.

Macaón (Papilio machaon)Macaón (Papilio machaon)

Iphiclides podaliriusIphiclides podalirius

Vanessa atalantaVanessa atalanta

Vanessa carduiVanessa cardui

Aínda que moitas especies son boas polinizadoras de plantas e cultivos, hai avelaíñas -como a procesionaria do piñeiro (Thaumetopoea pityocampa)- que, en fase de eiruga, constitúen pragas forestais, causando danos importantes nas plantacións de piñeiros.

Coleópteros:

É o grupo máis extenso do reino animal. Son insectos nos que se suceden as fases de embrión, larva, pupa e adulto. Teñen o primeiro par de ás quitinizado e non apto para voar, protexendo o abdome e o segundo par de ás. A maioría son terrestres, aínda que tamén hai especies acuáticas. Teñen aparato bucal mastigador adaptado a multitude de alimentos: hainos herbívoros, depredadores, preeiros, coprófagos, comedores de nectar e pole… Popularmente, as especies desta orde coñécense como escaravellos.

Nas pequenas carballeiras -mesturadas con eucaliptos e piñeiros- do Espazo Sete Camiños habitan a vacaloura (Lucanus cervus) e o escarabello capricornio (Cerambyx cerdo): insectos ameazados e en regresión debido sobre todo á perda do seu hábitat. Destacan tamén o Carabus lateralis e o vagalume ou lucerla (Lampyris nocticula).

Vacaloura (Lucanus cervus) machoVacaloura (Lucanus cervus) macho

Vacaloura (Lucanus cervus) femiaVacaloura (Lucanus cervus) femia

Escaravello capricornio (Cerambyx cerdo) femiaEscaravello capricornio (Cerambyx cerdo) femia

Carabus lateralisCarabus lateralis

Ephemeróptera:

Son insectos acuáticos, viven no fondo do río e dos regatos, debaixo das pedras ou no limo durante o seu desenvolvemento larvario, mentres que os adultos son voadores, cunha vida moi curta. Teñen dous estadíos adultos: subimago e imago. Son bos bioindicadores da calidade da auga. Como exemplo, a efémera (Efemera vulgata).

Odonatos:

Dentro desta orde inclúense os Anisópteros (libélulas ou libeliñas) e os Zigópteros (cabaliños ou gaiteiros). As larvas son acuáticas e predadoras. Os adultos caracterízanse por ter grandes ollos e ás moi reticuladas, longas e estreitas. O aparato bucal é mastigador e robusto. Neste grupo non se inclúe ningunha especie prexudicial para a agricultura nin para o monte; pola contra, trátase de insectos beneficiosos, posto que son depredadores doutros insectos.

Nos regatos e nas pequenas charcas da zona pódense observar o gaiteiriño azul (Calopteryx virgo), tizón de bolton (Cordulegaster boltonii) e candil curvado (Onychogomphus uncatus).

Gaiteiro azul (Calopteryx virgo) machoGaiteiro azul (Calopteryx virgo) macho

Gaiteiro azul (Calopteryx virgo) femiaGaiteiro azul (Calopteryx virgo) femia

Tizón de Bolton (cordulegaster boltonii)Tizón de Bolton (cordulegaster boltonii)

Candil curvado (Onychogomphus uncatus)Candil curvado (Onychogomphus uncatus)

Himenópteros:

Abellas, avespas, abellóns e formigas son grandes polinizadores e parasitoides de insectos dañinos, o que se chama a loita biolóxica. Teñen un desenvolvemento característico holometábolo de embrión, larva, pupa e adulto. Poñen ovos sobre o substrato que será o seu alimento. Algunhas especies forman grandes colonias cunha organización social moi definida.

Abellón (Bombus terrestris)Abellón (Bombus terrestris)

Abellón e avespaAbellón e avespa

A apicultura é unha práctica moi antiga e os únicos insectos domesticados polo ser humán son as abellas (Apis mellifera), produtoras de mel, cera, propoleo e xelea real.

Dípteros:

Son os insectos máis evolucionados estruturalmente. Teñen un desenvolvemento holometábolo (embrión, larva, pupa e adulto) e boca chupadora ou picadora. Os adultos presentan un só par de ás, mentres que o segundo par atrófico ten a función do equilibrio. Nas larvas dáse a maior diversidade de formas e hábitos: larvas acuáticas indicadoras de boa calidade da auga, larvas depredadoras de pulgóns e cochinillas, e larvas preeiras.

Entre os exemplos figuran as moscas, mosquitos e tabáns. No caso destes dous últimos, só pican as femias para o desenvolvemento dos ovos.

Mosca (Asilidae)Mosca (Asilidae)

Mosca (Calliphoridae)Mosca (Calliphoridae)

Orthópteros:

Saltóns, grilos e chicharras. Teñen elitroides para protexer as ás posteriores, están dotados dun potente aparato mastigador, e o terceiro par de patas é máis desenvolvido e potente que os dous primeiros, adaptado para saltar. A miúdo presenta manchas características de cor vermella ou azul nas ás. Moitas especies teñen órganos auditivos e estriduladores. Cada macho emite o seu canto, aínda que as femias das chicharras tamén cantan.

SaltónSaltón

Saltón (Oedipoda caerulescens)Saltón (Oedipoda caerulescens)

Dictiópteros – Mántidos:

Mantis ou barbantesas. A súa característica máis rechamante é a estrutura das súas patas anteriores, notablemente modificadas para a captura de presas. Viven entre a vexetación, na que se camuflan perfectamente. Fixan a posta nun substrato sólido, protexida por unha ooteca. Todas as especies son predadoras doutros insectos e considéranse insectos beneficiosos. A femia come o macho se non o recoñece, acelera a cópula ao comer a cabeza.

Barbantesa (Mantis religiosa)Barbantesa (Mantis religiosa)

Heterópteros:

Caracterízanse por ter o aparato bucal adaptado para picar e succionar tecidos animais e vexetais. Hainos terrestres, acuáticos e anfibios. Son heterometábolos (desenvolvemento de ovo, larva e adulto). Xeralmente as larvas conparten o seu hábitat cos adultos. Neste grupo están os chinches, zapateiros (Gerridae e Hidrometridae) e chinches acuáticos (Corixidae e Nepidae). Nas auga limpas estancadas dalgunhas pozas, ou no depósito de auga a carón da Fonte da Prata pódense ver a notonecta ou garapito (Notonecta glauca) e o zapateiro (Gerris lacustris).

Zapateiro (Gerris lacustris)Zapateiro (Gerris lacustris)

Notonecta glaucaGarapito (Notonecta glauca)

Homópteros:

Pulgóns, cochinillas e cigarras constitúen un grupo moi rico en especies. Mais é un dos máis prexudiciais para os vexetais, xa que pode producir pragas agrícolas e forestais debido á súa condición de fitófagos e terrestres. Existe unha curiosa interrelación ou simbiose entre pulgóns e formigas: estas, famentas, en vez de comer os pulgóns, achéganse a eles e “móxenos”. Para iso, a formiga frega coas súas antenas o pulgón ao que este responde segregando unha substancia chamada ligamaza (azucre que non metabolizan).

– Artrópodos – Arácnidos

Pode ser doado confundir insectos e arañas. Ambos son artrópodos, co esqueleto na parte exterior do corpo e patas articuladas. Pero aí remata o parecido. As arañas forman parte dos arácnidos e teñen oito patas en vez de seis. Tamén teñen o corpo dividido en cefalotorax (que fusiona a cabeza e o torax) e o abdome. En vez de antenas, teñen dous órganos sensoriais chamados pedipalpos. Na maioría dos casos teñen oito ollos simples, levan unllas velenosas e teñen uns bos cairos denominados quelíceros. Normalmente están preparados para inxectar veleno paralizante ás súas vítimas.

No Espazo Natural dos Sete Camiños é frecuente observar a araña avespa (Argiope bruennichi): constrúe unha rede espiral ao atardecer ou en penumbra, na zona de monte baixo, entre os toxos ou os carrascos do Pornedo. Cando unha presa fai o seu primeiro contacto na rede, rapidamente inmobilízaa, encerrándoa no seu fío de seda. A presa é picada logo, inxectándolle un veleno paralizante e unha encima disolvente de proteínas. O macho desta especie é moito máis pequeno que a femia.

Araña (Alopecosa sp)Araña (Alopecosa sp)

Araña avespa (Argiope bruennichi) femiaAraña avespa (Argiope bruennichi) femia


Responses

  1. […] Existe a inxenua superstición de que tocar unha bolboreta dá boa sorte, cando todos sabemos que é moi perxudicial -nin sequera un leve roce- para estes insectos tan fráxiles. Así que cómpre aplicarse o disciplinario dito ‘mírase pero non se toca’, e conformarse con pulsar o botón da cámara… Hai unhas cantas especies de bolboretas revoando polo Monte Pituco e os seus aledaños: do xénero Pieris como esta mostra, Plebejus argus, Iphiclides podalirius, Vanessa cardui, Papilio machaon… E quen sabe de fauna invertebrada do Monte Pituco e do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é Paulo Troitiño Iglesias, autor dun amplo e interesante artigo titulado no blog do Monte Pituco co título “Invertebrados do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños“. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: