O titular deste artigo móvese entre a metáfora e a literalidade. Referímonos -como non, estando en campaña electoral- á Marea Veciñal de Marín, que se presenta ás eleccións municipais con Sandra Pesqueira como candidata.
…Literalidade porque non é a primeira, nin a segunda, nin a terceira… e sucesivas veces, que Sandra Pesqueira e outros ‘militantes’ da Marea suben ao Monte Pituco para participar nas andainas organizadas a prol da súa conservación.
Porque houbo un partido cuxos ‘membros e membras’ non se dignaron nunca, xa non en recibir os representantes da Asociación Defende o Monte Pituco, senón sequera en pisar co seu flamante e lustroso calzado náutico a terra, as pedras e a herba deste lugar. Por non falar dos que van de dignos abandeirados do medio ambiente e do patrimonio galegos, cando chegaron a pedir a DESAFECCIÓN do Monte Pituco do Espazo Natural dos Montes do Morrazo para desatascar calquera traba medioambiental que dificultara o polígono proxectado no PXOM.
Polo menos, o partido que o relevou no Concello apresurouse a facer gala do talante do que careceran os seus antecesores e non tardaron en plantarse cos seus zapatos de cordóns (e de tacóns) no ‘balcón da ría’ para comprobar in situ a barbaridade que suporía instalar no Monte Pituco un polígono industrial… Aínda que logo aplicaran o dito: “Si te he visto, no me acuerdo”.
Pero Saldra Pesqueira e as xentes de Marea Marín saben -en primeira persoa, non porque ninguén llo conte- do irreversible impacto visual dun polígono industrial en plena fachada marítima, do inmenso despilfarro económico que suporía adecuar un terreo cunha forte pendente para acoller unha infraestrutura dese tipo ao precisar da construcción de enormes taludes, do destrozo ecolóxico e da contaminación das augas, da imperdoable agresión ao patrimonio arqueolóxico catalogado que existe neste monte. Porque Sandra Pesqueira e as xentes da Marea apostan pola conservación do Monte Pituco, pola posta en valor da súa riqueza histórica e cultural, pola potenciación deste espazo a nivel turístico e educativo, pola explotación sostible dos seus recursos forestais e naturais; unha aposta que se traduce en desenvolvemento económico para a parroquia e para o Concello.
De todo isto -e de máis temas- falouse no encontro celebrado na Casa de Cultura de San Xulián, con Sandra Pesqueira, Aarón Franco, Xaime Acuña e Xosé Manuel González Dopazo, aos que se sumou a veciña Lucinda Montenegro: “Hai que protexer o Monte Pituco, aproveitalo como reclamo turístico pola natureza e o patrimonio que ten, as vistas panorámicas que ofrece; que Marín non son unicamente as caldeiradas”, reclamou esta firme e valente ‘aloitadora do balcón da ría’.
Potenciar a Casa de Cultura de San Xulián como un punto de encontro ‘real’ coa CULTURA, e fundamentalmente cos libros e coa lectura, tan necesaria para a formación das persoas; apostar pola restauración do patrimonio inmobiliario fronte ao estado ruinoso no que se atopan tantas vivendas emblemáticas, entre as que destacou o antigo pazo de San Pedro; habilitar a figura do “camiñeiro” para que as estradas e os viais polos que transitamos estean en boas condicións; e impulsar o rural para que os habitantes das parroquias do interior poidan vivir do traballo nas súas hortas e leiras porque “o rural existe máis que para silvas e eucaliptos”, engadiu Lucinda Montenegro.
Por iso Lucinda Montenegro pediu o voto para Marea Marín. Para que -agora si, metaforicamente falando- esta Marea cívica medre dende a beira do mar ata o Monte Pituco.
Deixar unha resposta