Alá foron catro anos dende que Francisco Veiga desaloxou a alcaldía cos seus socios do Bng capitaneados polo tándem Pilar Blanco-Xosé María Vilaboa.
Veiga desaparece agora do mapa político e no seu lugar sitúase como cabeza de lista unha persoa da súa corda: Luz Santiago, á fronte da candidatura socialista que se presenta cun lema nefasto e desacertado: “Gobernar para a maioría”. Non gobernarían entón para toda a cidadanía, vote ou non vote o Psoe? Significa iso que quedarían estigmatizadas e marxinadas de calquera acción de goberno futura as persoas e os colectivos que se signifiquen pola súa discrepancia co grupo municipal socialista?
Máis aló desta reflexión sobre o lema xenérico do Psoe para estes comicios, cómpre unha somera análise do programa que defende Luz Santiago. Para empezar, que confianza merece alguén que opta a unha alcaldía apoiándose nas caras e nos lemas dos seus antecesores: o finado José Manuel Pierres, o seu pai Francisco Antonio Santiago e o xa citado Francisco Veiga. Votamos o futuro ou votamos o pasado? Aposta a candidata socialista por marcar a diferenza e ofrecer confianza nela mesma, ou comete o erro de recuncar nos males que precisamente significaron que os socialistas perderan o goberno local nas anteriores citas coas urnas?
Veciñ@s de San Xulián: alguén pode acreditar a existencia dalgunha iniciativa no programa do Psoe de Marín dirixida a esta parroquia? O único que pon nas 16 paxiniñas do panfleto di, textualmente: “Conectar o centro urbano con Pardavila”. Acaso a veciñanza de Pardavila non ten unha estrada pola que circular ou transitar para dirixirse ao centro de Marín e mesmo unha conexión coa Variante? Ou seica a veciñanza anda cun machete ao cinto para abrirse paso como se Pardavila estivera no medio e medio da selva?
O programa do Psoe fala de “fomentar a implantación dun polígono industrial que cubra as necesidades do noso municipio”. NADA NOVO. Todo o fomento que fixo o Psoe pola dotación de solo empresarial foi clasificar como SOLO INDUSTRIAL un solo rústico de especial protección dos ESPAZOS NATURAIS, que é a catalogación que lle correspondería ao Monte Pituco pola súa pertenza aos Montes do Morrazo, protexidos nas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento a nivel provincial.
Semella que á candidatura socialista non lle doen o mesmo as 40 acacias da Avenida de Ourense afectadas polo proxecto de instalación dun colector, que os milleiros de árbores do Monte Pituco -aínda que sexan carballos, piñeiros e eucaliptos- afectados polo polígono industrial que proxectou o Psoe cando gobernaba. A súa vara de medir é claramente distinta.
E como o patrimonio forestal do Monte Pituco non lle importa nada ao Psoe de Marín, o patrimonio arqueolóxico do Monte Pituco impórtalle aínda menos. As únicas medidas que, en materia de patrimonio, propoñen os socialistas é a “posta en valor do Castro da Subidá” -que xa está posto en valor, só que non se deberon enterar ben, ou descoñecen o que significa a expresión ‘poñer en valor’-, a “posta en funcionamento do centro de interpretación dos petroglifos de Mogor” -porque en todos os anos que gobernaron non tiveron tempo ou estaban aínda intentando dilucidar o significado da expresión ‘centro de interpretación’-, e a “posta en valor da riqueza etnográfica do Concello”. O resto do abundante e valioso patrimonio prehistórico de Marín non existe para os socialistas marinenses: non hai máis petroglifos que os de Mogor, nin máis castros que o da Subidá -nin falta que lle fan-, e as mámoas nin sequera as citan porque probablemente xa exceden a capacidade de coñecemento e comprensión dos que elaboraron o programa electoral nunha sección que deron en denominar “Recuperar a identidade”.
Entre as propostas máis rocambolescas do programa do Psoe marinense figura construír un “mirador elevado e asentos orientados á posta do sol”. Que para os habitantes do centro igual non está mal; pero calquera persoa con bo criterio non vai ver unha posta de sol á punta do Paseo Alcalde Blanco e subir a unha torreta, podendo achegarse ao Monte Pituco, que é o auténtico ‘balcón da ría’, para admirar o espectáculo do solpor. Iso si que son vistas panorámicas, e non a estreitez de miras dos redactores do programa socialista.
En definitiva, as palabras “San Xulián” aparecen citadas CERO VECES no programa do Psoe de Marín. Así que as persoas que acudiran ao sermón da montaña que dese a candidatura socialista nesta parroquia poden ter a seguridade de que calquera historieta relacionada con esta zona é puro fume, pois non estando por escrito, son promesas que leva o vento. Cómpre insistir novamente na escasa ou nula fiabilidade dunha candidatura e dun programa electoral máis baseado na figura dun ex-alcalde en retirada (que aparece ata en 5 fotos!) que na propia cabeza de lista, que moi segura de si mesma non debe estar cando se apoia tanto no pasado e nada no presente.
Nos pasatempos e nos vídeos electorais feitos polas Xuventudes Socialistas, mellor non deterse, porque son síntoma de aburrimento e de ociosidade, en vez de dedicaren o tempo a tarefas máis produtivas e a facer un seguemento da campaña electoral nas redes sociais dun xeito máis continuo e máis detallado. Fiasco!
É a quenda de navegar polo programa electoral do Bloque que, todo sexa dito, atopei tirado nunha papeleira de lixo. De verdade que si!
Máis afeito a ir, como o seu propio nome indica, en bloque, os integrantes da candidatura nacionalista á alcaldía de Marín intensificaron a súa presenza nas redes sociais e participaron de maneira colectiva en sucesivas escenificacións de forza en puntos diversos do concello: nas terrazas dos bares, no interior dos bares, na Alameda, no paseo a carón da Escola Naval, na Escola Naval, en Castiñeiras…
…En Castiñeiras! E cun lema ben pintoresco, para o que lle estamos afeitos a oír a Xosé María Vilaboa: “Coidar do Medio Ambiente, coidar de nós!”. Medio Ambiente en maiúsculas, para darlle máis empaque á ese suposto compromiso coa natureza.
Estaría moi ben, se non fose pola INCONGRUENCIA da mensaxe. Porque non se pode dicir unha cousa e a contraria. Porque hai palabras que leva o vento, pero tamén hai palabras que pesan como lousas, que marcan coma o lume e que escravizan coma as cadeas. E Xosé María Vilaboa non pode negar que, nun pleno da Corporación da que el era concelleiro de Urbanismo, afirmou que se o polígono industrial proxectado no Monte Pituco tiña impedimentos medioambientais por tratarse dun terreo incluído no ESPAZO NATURAL dos Montes do Morrazo, tiña fácil solución: DESAFECTÁBASE!
…Outra dobre vara de medir! Para o Bng de Marín semella que o Lago Castiñeiras representa mellor os valores naturais e paisaxísticos do Concello de Marín que o Monte Pituco, malia estar en plena fachada litoral da vila, malia ter un rango de protección ambiental, malia contar con regatos e mananciais, cunha fauna e cunha flora diversa que inclúe especies vulnerables nos catálogos de animais e plantas ameazados.
Pero postos a estragar o Monte Pituco, e con el a fachada litoral marinense, o Bloque xa propón unha alternativa que vai ser a solución a ese nimio problema: recuperar unha “nova fachada marítima” a pé de asfalto, que consistirá en reordenar a avenida de Ourense fronte ao Concello e plantar árbores para crear un “amplo bulevar” no que “emprazar unha zona comercial e de hostalaría en locais integrados na paisaxe”.
Brillante idea! Esnaquizar a fachada litoral por arriba, para que teña tanto ou máis asfalto que por abaixo. E as naves comerciais do Porto, facelas transparentes, para que nos poidan ver os habitantes de Poio dende a outra beira da ría. E as tendas e os bares poñelos nas copas das árbores do bulebar, porque esa é a mellor integración paisaxística posible…
12 páxinas ocupa o programa electoral do Bng de Marín, que en tamaño fai por dous do Psoe, pero que comeza cunha ampla entrevista coa candidata Pilar Blanco, pensada para miopes, do grande que é o tamaño da letra. Tampouco abunda en propostas concretas para zonas ou parroquias igual de concretas; máis ben promete accións globais para a poboación en xeral, máis aló de citar núcleos como Mogor ou Seixo, onde contan co seu graneiro de votos. Mais, sendo fieis á realidade, a única cita referida explícitamente a San Xulián refírese ao compromiso de asinar convenios coa Comunidade de Montes de San Xulián para “mellorar e arranxar o campo de fútbol”.
Pódense ler afirmacións coas que calquera persoa con dous dedos de fronte podería concordar perfectamente: “É imposible poñer en valor algo que se percibe como un problema”, en alusión ao patrimonio. O problema é que vindo de quen vén esta reflexión tan lícita, perde credibilidade: se hai alguén que hai 5 anos, estando no goberno local, tivo a oportunidade de apoiar unha iniciativa de posta en valor do patrimonio arqueolóxico e natural do monte de San Xulián, integrado cos montes de Salcedo e de Lourizán no proxecto dos Sete Camiños, ESA FOI A EX-CONCELLEIRA DE CULTURA do Bng de Marín, Esther Crespo, veciña de San Xulián, para máis bemoles, que REXEITOU o apoio do Concello coa excusa de que o Monte Pituco fora clasificado como solo industrial.
…Como se os petróglifos CATALOGADOS e protexidos POR LEI, a un nivel idéntico que a mesmísima catedral de Santiago, non fosen PATRIMONIO e non tivesen outro destino que acabar asulagados pola terra e polo formigón…
En resume, un programa repetitivo e reiterativo nas ideas, transmitindo así unha sensación de contidos de recheo e pouca iniciativa.
Por último, en canto ao programa electoral do PP, salta á vista o papel satinado, con 24 páxinas cheas de fotos e un deseño limpo e mellor estruturado que os programas dos seus rivais políticos. Na primeira parte, María Ramallo fai un balance do mandato rematado e os demais concelleiros, dos que moitos optan a repetir, introducen as distintas seccións con frases que conteñen dúas ideas: unha principal baseada nalgunha iniciativa que dan por “feita” e outra en clave de futuro avanzando novos eixos de traballo. Boa fachada; outra cousa son as verdades do barqueiro…
Do máis salientable no programa electoral do Pp de Marín destaca o orgullosos que están do PXOM aprobado e a aposta pola “planificación dunha zona empresarial e industrial que sexa VIABLE desde o punto de vista MEDIOAMBIENTAL, ECONÓMICO E TÉCNICO para xerar inversión produtiva que cree emprego de presente e de futuro”.
…Unha falacia. Dando por feito que os populares -igual que os socialistas e os nacionalistas- están de acordo coa clasificación do Monte Pituco como solo industrial, a continuación cabe precisar que o Monte Pituco non reúne as características de viabilidade medioambiental, nin económica nin técnica. Primeiro, porque o Monte Pituco pertence ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo, ao que se suma a presenza de especies animais e vexetais vulnerables cuxo habitat non se debería agredir. Segundo, porque a forte pendente do terreo, con desniveis superiores ao 45%, suporían un desembolso económico considerable para as arcas públicas a consecuencia dos elevados custes para acondicionar a zona, coa realización de importantes desmontes, a construcción de enormes taludes, e co conseguinte impacto visual e paisaxístico nunha zona de alta intervisibilidade. O terceiro é unha consecuencia do segundo, ao que se engade o feito de que a “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais”, publicada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, establece que se descarten terreos nos que a pendente supera o 15%.
…Temos moito que reflexionar este sábado! Sorte que, grazas ao Concello de Marín, poderemos buscar, comparar e se atopamos algo mellor (ou peor), votalo (ou botalo) -parafraseando aquel célebre anuncio de deterxente- ao abrigo dunha nova e flamante marquesina que se instalou esta mesma semana, en sustitución do cobertizo de chapa metálica que había instalado dende o ano da polca no lugar da Bouza.
O modelo xa foi cuestionado por arquitectos pontevedreses que, na súa páxina de Facebook, calificaron de “neo-pailanismo” este deseño, mestura de hórreo e porche. A ver se non acaba voando cunha nortada, nun lugar tan desprotexido…
Deixar unha resposta