O pasado ano, a Comunidade de Montes de San Xulián gastou 5.000 euros nunha actuación de desbroce na Pardavila e nuns tratamentos con glifosato, que se aplicou na herba da Pampa localizada no terraplén a carón da Variante de Marín, a carón do Monte Pituco, nunha zona ecoloxicamente sensible por tratarse dunha baixante de augas procedentes do regato das Presas e das precipitacións que conflúen nesa vaguada. Agora, un estudo da Organización Mundial da Saúde (OMS) revela que ese herbicida é potencialmente CANCERÍXENO.
Sendo fieis á realidade, cómpre apuntar que o propio Ministerio de Medio Ambiente avalaba o tratamento con este produto químico -nunha dose moi baixa, iso si, non máis do 1%-. E temos constancia, todo hai que dicilo, de que na directiva da Comunidade de Montes de San Xulián tamén coñecen ese informe da OMS sobre a perigosidade do glifosato.
Estes días está sendo noticia unha ciber-campaña de Greenpeace para pedirlle á ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, e o seu homólogo do Ministerio de Sanidade, Alfonso Alonso, para que o Goberno prohiba o uso do glifosato. O texto da proposta é o seguinte, traducido ao galego. Ata o momento van máis de 62.500 sinaturas. A do Monte Pituco, tamén.
Sabes que é o glifosato? É o principal compoñente do herbicida máis vendido do mundo. Está nos nosos parques, cultivos e alimentos. Vén de ser clasificado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como “probablemente canceríxeno para o ser humano”.
O glifosato é o principal elemento do herbicida denominado Roundup, que foi desenvolto por Monsanto; un dos produtos que máis beneficios lle xenera á compañía. Millóns de hectáreas de terras de cultivo, e mesmo parques e beirarrúas, rocíanse con Roundup cada ano para matar as chamadas “malas herbas”. Acaba chegando tamén aos froitos cos que nos alimentamos.
Diante deste anuncio da OMS, que pon en risco o seu lucrativo produto, Monsanto xa está tratando -con todos os seus medios- de desacreditar o estudo. Sen embargo, os gobernos e as autoridades europeas deberían escoitar moi en serio as avaliacións da OMS e definir unha folla de ruta para actuar. É necesario que se adopten rapidamente medidas de precaución para preservar a nosa saúde e o medio ambiente.
Temos a oportunidade de conseguir que se comprometan a frear o uso do glifosato e a apoiar un modelo de agricultura ecolóxica que non dependa de sustancias perigosas, que respecte a saúde das persoas e o medio ambiente, e que nos abasteza de alimentos sans para todos e todas hoxe e mais no futuro.
[…] da herba da Pampa, trala aplicación de glifosato, un herbicida clasificado como produto “potencialmente canceríxeno” pola Organización Mundial da […]
By: XORNADA SOBRE ERRADICACIÓN DA HERBA DA PAMPA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 28/05/2015
at 22:22