Este domingo a Comunidade de Montes de San Xulián vai pasar por un novo trance, un novo mal trago, na súa malpoucada historia. Se a asemblea de decembro de 2014 foi unha comedia de mal gusto polo boicot dun ex-directivo, se as eleccións de xaneiro de 2015 foron outro show pola irrupción dunha candidatura conformada por comuneiros pro-polígono apoiados na sombra polo ex-directivo antes citado, a asemblea extraordinaria do próximo 26 de abril non vai estar exenta de polémica.
Conseguiron o seu obxectivo os compoñentes da candidatura pro-polígono, ao reunir o número de sinaturas requeridas para obrigar a convocatoria da remoción da directiva que gañou as votacións hai catro meses. Cabe saber se as lograron coa verdade na man, explicando as súas discrepancias coa composición do censo da Comunidade de Montes, ou se os argumentos utilizados foron máis aló do obxectivo e tamén recorreron á manipulación, como xa sucedeu na remoción frustrada que se produciu en agosto de 2012.
Non é normal o clima de crispación e tensión constante que se produce na Comunidade de Montes de San Xulián. A razón non pode ser outra que os intereses económicos que están en xogo, especialmente desde que esta Comunidade de Montes percibe un canon anual do Ministerio de Defensa pola cesión dunha parcela á Brilat: 40.205 euros. Hai moito monte e hai moitas aves de rapiña afiando as garras para seguie facendo caixa cos terreos veciñais: o Monte Pituco, clasificado inxusta e ilegalmente como solo industrial, é unha tentación moi golosa para estes especuladores.
O que di o punto E do artigo 23 que se propón suprimir:
Capítulo IV: Da perda da condición de comuneiro/a
Artigo 23. Parágrafo E: Por non asistir a tres reunións da Asemblea Xeral, por acordo da Asemblea Xeral.
Deixar unha resposta