A continuación, o texto do escrito presentado no Concello de Marín sobre o proxecto dos miradoiros en puntos de interese paisaxístico:
A través dun medio de comunicación, a Asociación Monte Pituco vén de saber que o Concello de Marín ten a intención de solicitarlle unha subvención á Axencia Galega de Turismo para habilitar ata seis miradoiros en distintos puntos da xeografía marinense: reforma do miradoiro existente en Mogor e creación de cinco máis na urbanización Pérez Crespo, no depósito de auga de Mogor, Subidá, Cruceiro do Vento e Briz.
Diante dunha iniciativa destas características, e malia que esta proposta se inscriba no proxecto de deseño dun roteiro circular de sendeirismo, esta Asociación diríxese o Concello de Marín para que reconsidere a decisión de non incluír/excluír/discriminar o Monte Pituco (ou Pornedo) entre os lugares de interese paisaxístico desta vila.
Considerado o “balcón” dende o que se divisa toda a desembocadura da ría, son numerosas as persoas que se desprazan ata o Monte Pituco para facer sendeirismo, practicar deporte, observar a fauna e a flora especialmente no caso dos afeccionados á ornitoloxía e á botánica, e por suposto, admirar o seu valioso patrimonio arqueolóxico, formado polo conxunto rupestre do Pornedo, os petroglifos de Sete Camiños, Pinal de Caeiro, así como os da Carrasca e Champás, que se atopan tamén na parroquia de San Xulián.
Así se demostra constantemente nas andainas que se teñen organizado, tanto por parte desta Asociación como, máis recentemente, por parte da Plataforma dos Montes do Morrazo, coa asistencia de numeroso público procedente non só de Marín, senón tamén de concellos próximos como Bueu, Moaña, Pontevedra ou Vigo, entre outros.
A instalación dun miradoiro en condicións de accesibilidade no Monte Pituco é un dos servizos que, sen dúbida, contribuirían a relanzar aínda máis esta contorna, tendo en conta o acordo das comunidades de montes de Salcedo, Lourizán e San Xulián para poñer en marcha o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que atraerá a numerosos visitantes.
A parroquia de San Xulián -antigo San Xiao dos Ancourados- é o berce do Concello de Marín, onde historicamente se cimentan as orixes da vila. Cómpre por tanto reiterar o innegable valor paisaxístico, medioambiental e patrimonial do Monte Pituco para xustificar o evidente potencial turístico que, por falta de iniciativas como a que o Concello está disposto a levar a cabo noutros lugares, estase desaproveitando.
Con este feixe de argumentos, esta Asociación SOLICITA que o Concello de Marín, a través da Concellería de Turismo, amplíe ao Monte Pituco o proxecto desa rede de miradoiros, evitando así unha omisión ou discriminación que consideramos inxustificable. Ben en coordinación coa Comunidade de Montes de San Xulián ou mediante a fórmula que estimen máis oportuna, confiamos en que o Goberno local teña en conta esta petición, para o que a Asociación Monte Pituco queda ao seu dispór no que sexa preciso a nivel de información ou asesoramento. [Adxúntase dossier fotográfico do roteiro organizado o pasado 12 de abril de 2015].
[…] O pasado mes de abril a Asociación Monte Pituco presentou unha queixa ante o Concello de Marín pola exclusión do Monte Pituco no proxecto de creación dunha ruta de miradoiros: “O CONCELLO DE MARÍN EXCLÚE O PITUCO DO PROXECTO DOS MIRADOIROS“. […]
By: A RUTA DOS MIRADOIROS DE MARÍN NON É NADA NOVO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 20/08/2015
at 11:06