Mañá celébrase a andaina a prol da protección do Monte Pituco, organizada pola Plataforma Montes do Morrazo. Por primeira vez, imos seguir un percorrido que discorre (case) integramente pola zona afectada polo polígono industrial que teñen proxectado o Concello de Marín e a Xunta nesta paraxe pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo.
Como é costume por parte da Asociación Monte Pituco, que por suposto colabora na organización do roteiro, en vésperas da actividade supervisamos o estado dos sendeiros, rozamos silvas e toxos que poidan entorpecer o paso dos asistentes, ou recollemos o lixo que atopemos polo camiño.
Dende a Asociación Monte Pituco temos que agradecerlle ao Concello de Marín a súa receptividade á solicitude que se cursou en días pasados polo Rexistro Municipal, solicitando a recollida duns sillóns vellos que foran abandonados na pista forestal e outros residuos que tamén tiveron a ben retirar, co propósito de ofrecerlle aos participantes na andaina unha mellor imaxe do monte veciñal de San Xulián.
Tamén cómpre agradecer a dilixencia da Comunidade de Montes de San Xulián no acondicionamento dun camiño que presentaba unhas fendas bastante profundas, no acceso á antiga área recreativa do Monte Pituco. Para cubrir os buratos reutilizouse o xabre que se estivo extraendo nas obras de mellora da pista do Carballal e, nas últimas horas, a petición desta Asociación, a terra que quedara amontoada foi achandada para facilitar o paso das persoas.
Pasaremos por un camiño en desuso no que, antigamente, os labregos utilizaban pedras para “frear” os carros, cando baixaban cargados.
As pereiras bravas que hai salpicadas polo monte, xa están en flor…
Subiremos ata o outeiro de Cerqueira, que tamén se atopa na zona afectada polo proxecto do polígono. Trátase dunha interesante zona de monte, poboada de piñeiros do país, onde antano houbo unha canteira. Está a carón de Chan de Lagoa, onde hai dúas mámoas catalogadas que de momento están sen localizar.
Pescudamos as pegadas que deixan os mamíferos que habitan no Monte Pituco. Hainas de cabalos, de xabaríns, e pode que tamén de teixugo…
Aproveitamos esta pre-andaina para quitar do monte unhas rodas, un caldeiro e varios plásticos.
Na parte negativa, descubrimos que un dos bancos da arboreda foi danado. Confiamos en que a Comunidade de Montes poida reparalo para que esta área de lecer se manteña nas mellores condicións. Ningún vándalo conseguirá arruinar este espazo!
Agardámosvos mañá ás 11:00 horas nesta arboreda, o punto de encontro para o roteiro. A previsión do tempo é magnífica: un domingo de primavera, con sol radiante e boa temperatura!
Fonte: Meteogalicia
Deixar unha resposta