Publicado por: MontePituco | 27/03/2015

12 DE ABRIL, ANDAINA POLO MONTE PITUCO (PORNEDO)

Ruta polo Pituco organizada por Montes do Morrazo.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o vindeiro domingo 12 de abril un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte Pornedo (ou Pituco), na parroquia marinense de San Xulián, integrado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo. Esta andaina, coa que a Plataforma retoma as súas actividades nesta primavera, será circular e sairá as 11 da mañá da arboreda do Monte Pituco preto do cruce co Regueiriño, para rematar no mesmo punto arredor das 14:00 horas.

O percorrido transcorrerá por camiños, corredoiras e pista forestal pola ribeira do nacemento do regos de Pornedo, Outeiro da Barcia, ribeira de nacemento do rego da Agrela, Chan da Lagoa, Sete Camiños e Coto de Pornedo.

Desbrozada a arboreda do Pituco.

 

Punto de encontro para a saída da andaina

Os puntos de maior interese que se visitarán son as plantacións forestais e monte baixo da ribeira do nacemento dos regos de Pornedo e Agrela e Outeiro da Barcia, as mámoas neolíticas de Chan da Lagoa e de Sete Camiños, os petróglifos da Idade do Bronce de Sete Camiños e o complexo rupestre de Pornedo, xunto cos gravados modernos de José Meijón, ademais de penedías e o miradoiro do alto de Pornedo.

Regatos no Monte Pituco.

 

Regato de Agrela

Flora silvestre nas veigas da Curxeira e no regato do Pornedo.

Regato do Pornedo

Os regos de Pornedo e Agrela forman parte da conca do rego Lameira, atravesan a parroquia e surten de auga as explotacións agrarias dese ámbito rural, camiño da súa embocadura no centro da vila. Preto dos seus nacementos existen varios mananciais de traída de auga potable veciñal.

Manancial de Sete Camiños.

Manancial de Sete Camiños

As áreas hidromorfas e pequenas brañas ao seu carón conteñen unha interesante fauna e flora asociada ao medio, en especial a pteridófita e anfibia, con especies endémicas e vulnerables presentes no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Saramaganta, a especie faunística máis importante do Pornedo, xunto con elementos botánicos destacados desta zona.

Saramaganta rabilonga, especie vulnerable a nivel mundial

As plantacións con frondosas autóctonas e piñeiros -complementadas con espazos de monte baixo e matogueira- teñen un gran valor paisaxístico e natural; mais tamén unha grande importancia a nivel social e económico polos seus proveitamentos agroforestais e gandeiros.

O Alto do Pornedo volve recuperar o uso agrícola.

 

Aproveitamentos agrícolas no Alto do Pornedo (Pituco)

As mámoas de Chan de Lagoa e de Sete Camiños, aos que se suman os petróglifos de Sete camiños e o complexo rupestre de Pornedo, gravados prehistóricos que están catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC), forman parte do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que están a impulsar as comunidades de montes de Salcedo, Lourizán e tamén San Xulián -que vén de unirse á iniciativa- para a posta en valor dos seus recursos patrimoniais, naturais e paisaxísticos.

Mámoa de Sete Camiños, recentemente descuberta e incluida no catálogo de Patrimonio da Xunta.

Mámoa de Sete Camiños, a última en ser catalogada

Petroglifos de Sete Camiños.

Petroglifos de Sete Camiños

Petroglifos de Pornedo.

Conxunto rupestre do Pornedo

Os petróglifos modernos de José Meijón levan a particular arte do gravado na pedra que exerceu este persoeiro marinense ao longo do século pasado.

No Alto do Pornedo, gravado de J. Meijón.

Gravados modernos de José Meijón

As penedías do Pornedo, ademais da importancia paisaxística que teñen, son destacables tamén a nivel xeolóxico por tratarse de rochas foliadas de formación metamórfica; igualmente,  desempeñan un notable papel a nivel cultural, pois moitas son restos de antigas canteiras locais.

 

Marcas de cantería.

Marcas de cantería preto do Pornedo

 

Os espazos abertos ao seu abeiro distínguense pola variedade florística e faunística vertebrada e invertebrada, tanto diurna como nocturna; en especial a herpetolóxica e ornitolóxica, mesmo con especies protexidas a nivel europeo dentro dos hábitats de interese comunitario de breixeiras secas europeas e vexetación pioneira en rochas silíceas.

Avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus) no Monte Pituco. Fotografía de Carlos Sobreira.

Avenoiteira cincenta (foto, Paulo Troitiño9

O miradoiro no alto do Coto de Pornedo, a uns 245 metros sobre o nivel do mar, pasa por ser o balcón do centro da vila, cunhas extraordinarias panorámicas da ría de Pontevedra até cabo Udra, parte da bisbarra do Salnés e as Illas Ons ao fondo. Tamén do espazo natural dos Montes do Morrazo cos altos da Encavada, Picouto da Graña, Cotorredondo e Castiñeiras, máis do monte Penizas e Outeiro de Campolongo ao fondo dos vales que conforman os regos Lameira e Loira.

 

O miradoiro natural do Alto do Pornedo, coa illa de Tambo ao fondo no medio da ría.

 

Miradoiro natural do Monte Pituco

As principais afeccións que ameazan a esconservación deste pazo son os monocultivos forestais, a eucaliptización, a presenza da acacia, a apertura de pistas, tendidos aéreos de alta tensión e verteduras incontroladas de lixo.

Sobre todo, a principal ameaza é un polígono industrial que -cunha superficie de 331.999 m2- proxectou o Concello de Marín no seu PXOM e que foi incluído posteriormente pola Xunta de Galiza no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Comunidade Autónoma Galega, cun enorme e irreversible impacto nuns terreos que chegan até o 45% de desnivel, incumprindo moi por enriba o umbral do 15% recomendado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, e recualificando solo rústico de especial protección de espazos naturais, afectando directa e indirectamente a paisaxe, xeoloxía, xacementos arqueolóxicos, arborado, fauna e flora, máis os usos tradicionais derivados dos recursos naturais a nivel forestal, acuífero, social, cultural e recreativo.

Plano do polígono superposto co Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo.

En azul, a área afectada polo polígono industrial proxectado, dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo (en amarelo)

En marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo diante da información pública do Plan Sectorial de Áreas Empresariais, solicitoulle á Xunta de Galiza que -fronte ao criterio do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono- se tivese en consideración o deber de encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, así como que o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, se adaptase á demanda real, apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.

Por outra banda, a Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo) ten presentado senllos recursos xudiciais contra o Concello de Marín pola clasificación do Monte Pituco como solo industrial, e contra a Xunta pola inclusión do Monte Pituco no Plan Sectorial de Áreas Empresariais.

Por considerar que se trata dun espazos naturais de alta importancia ambiental e con función de corredor ecolóxico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza, en marzo do 2012, a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo, entre outros susceptibles de acadar esa distinción.

Dende a Asociación Monte Pituco agradecémoslle á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo que centre nesta zona a súa primeira acción informativa e reivindicativa desta primavera, e animamos a toda a cidadanía a participar o próximo 12 de abril nesta andaina.


Respostas

  1. Poderiadesme informar sobre o percorrido, perfil orográfico e kilometros do mesmo. Gracias

    • Intentaremos precisar os datos o antes posible. O día da andaina repartiremos un folleto co itinerario do roteiro e cos puntos de interese sinalados. Durará 3 horas, de 11 a 14h, e a dificultade é media. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: