Publicado por: MontePituco | 26/03/2015

MENSAXES E SÍMBOLOS DE JOSÉ MEIJÓN NO ALTO DO PORNEDO

Foto de Paulo Troitiño.

[Foto de Paulo Troitiño Iglesias]

MARIA DIOS MAR MUERTE
JOSE MEIJON
MARIN ESPAÑA
1928

Esta é a mensaxe que deixou inscrita José ‘Pepito’ Meijón nunha pedra a ras do chan situada no Monte Pituco, dende onde se teñen mellores vistas da ría e do horizonte oceánico. Con quen se estaría comunicando este peculiar veciño? Que lle rondaría pola cabeza?

José Meijón Area naceu en Marín en 1899 e morreu en 1980. Del tense dito pouco pero non se ten escrito tanto; e menos dende un punto de vista formal. Por iso hai historiadores e arqueólogos que teñen proposto un estudoa fondo da vida e da peculiar obra deste veciño, para que se poña en valor e se conserve ese singular legado que nos sorprende nos recantos máis insospeitados de Marín, dende a ponte da Calzada, ata lavadoiros ou valados de pedra en calquera atallo dos menos transitados.

Seica este home comezou a perder a cabeza cando o querían reclutar de noviño para liquidar moros en Marrocos. Sexa como for, acabou por converterse nun mouro que fuxía decote ao monte e gravaba nas penedías, nas laxes e nos outeiros. Home silandeiro, canteiro que gardaba na súa casa un Cristo de pedra coroado por unha boina, deixou para sempre nas rochas, esvásticas, escudos imperiais, símbolos franquistas, lemas publicitarios, blasfemias e verbas enigmáticas. Coma o excombatente de Ourol, ou mesmo coma o alemán de Camelle, o Man que esculpía os coios e os cons da Costa da Morte, Pepito Meijón deixou no monte a pegada da súa singular cosmovisión, das súas traumas, da súa vida.

Podemos deseñar todo un sistema de información xeográfico reconstruíndo os percorridos deste home polo monte. O camiño dende a súa casa deica o castro da Subidá está inzado de gravados rupestres de Pepito, nas paredes dos lavadoiros, os túneis das estradas, os muros das leiras e dos carreiros. Cando Sobrino descobría A Subidá xa Pepito labraba na penedía faciana do vello castro. Sen embargo ninguén lle deu valor á obra deste tolo das corredoiras, que viu como morreran asesinados no golpe de Estado amigos da nenez, como o alcalde de Marín e varios cenetistas. Nun arrebato anticlerical Pepito marchou á ermida das Sete Espadas, gravou a verba demo nas paredes do templo e pintou de vermello o fermoso cruceiro. No arquivo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, aínda a día de hoxe podemos consultar fichas de gravados rupestres adscritos á Idade do Bronce, cando realmente foron feitos pola mao, o maxín e mailo cicel de Meijón. O mesmo acontece co cruceiro de Sete Espadas; nun informe técnico aínda se pode ler: o cruceiro conserva nalgún tramo a vella policromía, de cor vermella.

Os técnicos, eruditos, burócratas e especialistas negan calquer valor patrimonial á obra de Meijón, menos mal. Este home foi o artífice  da primeira casa-libro de Europa, enchendo de decoración epigráfica cada centímetro de parede. Esta casa foi derrubada e sobre o solar érguese, paradoxicamente, o único museo de Marín.

Por que o artista Meijón non comparte sitio co erudito Sobrino nos libros de historia? Quen está realmente tolo neste país?

[Xurxo Ayán, no seu blog ‘A Lucenza do Abade‘]

…Outras imaxes que deixou no Alto do Pornedo:

Gravados de Pepito Meijón (foto, Lukas Santiago).

No Alto do Pornedo, gravado de J. Meijón.

Gravados de Pepito Meijón (foto, Alex Negreira).


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: