Publicado por: MontePituco | 02/02/2015

SEGUE O LÍO POST-ELECCIÓNS. QUEREN IMPUGNAR AS VOTACIÓNS

Aviso oficial da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián.

Nun artigo anterior, DEFENDE O MONTE PITUCO plantexaba 10 retos improrrogables aos que debería facer fronte canto antes a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián. O primeiro deles, a posta ao día do censo de comuneiros, que foi motivo dunha delicada polémica, cun amplo eco mediático, na asemblea das eleccións celebradas o pasado 18 de xaneiro.

Volvemos insistir no grave erro que supuxo a presenza, nesa lista oficial, de veciños falecidos tempo atrás. Ademais dos defuntos, o que máis malestar causou na parroquia foi a eliminación do censo de preto de 300 persoas que non puideron votar; unha decisión que os responsables da Comunidade xustificaron argumentando que con tres faltas consecutivas nas asembleas perdíase a condición de comuneiro.

Lembramos que a candidatura alternativa cuestionou fortemente esa explicación aducindo que non era a directiva, senón a asemblea de comuneiros, a que tiña que autorizar os ‘despidos’ do censo.

Polo visto, os estatutos da Comunidade de Montes de San Xulián deben ser os máis elásticos a esta beira do río Loira; ou de todos os ríos da provincia, dende o Lérez ao Ulla, por non dicir  de toda a conca do Miño. Porque a pluralidade de interpretacións -todas cheas de razón!, dito sexa ironicamente- que se fai das normas de pertenza, do regulamento das asembleas, e de todos os aspectos que teñen que ver co funcionamento da Comunidade volverían tolo/a a calquera psicoanalista. Definitivamente, o caso de San Xulián é paradigmático e debería ser estudado pola Ciencia.

O caso é que a directiva da Comunidade de Montes que preside Manuel Estévez tralas problemáticas votacións do mes pasado, ten convocado un novo proceso -digamos o enésimo, porque xa lle perdemos a conta- de regularización do censo de comuneiros e comuneiras.

[Sobre anteriores actualizacións, consulten o artigo “O censo de nunca acabar“]

Tres observacións de estilo ao anuncio da renovación (sic) do censo:

1. Que teñen contra o uso da lingua galega nas comunicacións oficiais da Comunidade, que todas as publican en castelán? Dende os avisos públicos ata as actas das asembleas, o predominio do castelán é asoballante.

2. Por que non empezan a utilizar palabras e expresións que non exclúan a figura da muller na Comunidade de Montes? Sempre se refiren en masculino aos comuneirOS, como se os temas relacionados co monte fosen ‘cousa de homes’, exclusivamente, malia que son moitas as veciñas que ostentan a representación das súas casas e familias. Non custa nada referirse en xeral aos “comuneiros e comuneiras”, por máis que estarían actuando a prol da igualdade de xénero.

3. Outro aspecto formal no que falla estrepitosamente esta directiva ten que ver coa ausencia de marcas que identifiquen as comunicacións que saen da Casa de Montes de San Xulián. Ningún selo, ningún logotipo encabezando os avisos, ningún encabezado oficial que lle permita á xente ter a certeza de que estes anuncios son verídicos; que non saíron dunha impresora calquera, do ordenador de calquera persoa que poida estar suplantando a directiva.

Será a partir do 6 de febreiro e ata o 27 de marzo cando a veciñanza de San Xulián poida acudir á Casa de Montes -os venres de 19:00 a 21:00 horas- para revisar a súa situación no censo de comuneiros/as,  comprobar que figuran no listado e confirmar os seus datos de contacto.

…Pero á directiva actual da Comunidade de Montes saíulle un gran que, como non dean desinfectado a tempo, vai camiño de botar pus.

Só pasaron 14 días dende a celebración das eleccións nas que a candidatura de Manuel Estévez se impuxo por 91 votos a 52 fronte á lista encabezada por Gonzalo Macenlle (dirixido na sombra polo ex-vicepresidente Laureano Allariz), e estes últimos xa convocaron unha xuntanza na propia Casa de Montes para reunir os comuneiros descontentos coas irregularidades no censo.

A xuntanza foi o domingo 1 de febreiro e contou coa asistencia dunhas 100-150 persoas. Unhas ían atraídas polo barullo que se armou na parroquia cun altofalante dando voltas por todo San Xulián anunciando a reunión. Esperemos que pagado co diñeiro do peto particular dos promotores desa reunión, e non cos fondos de ningunha ‘asociación’ utilizada de forma instrumental para cubrir ese tipo de gastos, como xa aconteceu con aquel bochornoso e fraudulento estudo a prol da instalación de dous polígonos industriais no Monte Pituco.

Outros acudirían á reunión porque había que estar moi mal da vista para non dar de bruces cuns cartaces enormes que ocupaban a metade dos paneis informativos da Comunidade de Montes, cheos de letras maiúsculas, signos de exclamación e palabras alarmantes: …LOITAR! …INTIMIDAR!

Gonzalo Macenlle subíu ao escenario con outra persoa non identificada que empezou a botar un discurso contundente, con algunha que outra frase sacada de contexto: “votaron os mortos”, en alusión ás eleccións do 18 de xaneiro e aos veciños falecidos que figuraban no censo que, obviamente -queremos pensar- non só non votaron, senón que ninguén chegou a votar por eles. O nivel da Comunidade de Montes está próximo ao dunha república bananeira, pero de momento aínda nos coñecemos tod@s… e ninguén con dous dedos de fronte ten a cara-dura de presentarse diante dunha urna para introducir un voto facéndose pasar polos finados ex-presidentes Saturno Vidal ou Francisco Casal.

Tamén deu en citar sentenzas de tribunais de aquí e de acolá, xurisprudencia varia e tecnicismos legais aplicados aos estatutos da comunidade. O interlocutor tiña a palabra “picapleitos” -dito sexa con todo o respecto- tatuada na fronte. Como viñan dicindo algúns veciños sobre o ruxe-ruxe post-electoral, aquí xa hai avogados polo medio dun e doutro bando.

Con Macenlle e con outros membros da súa candidatura, e coa presenza en primeira liña do ex-vicepresidente da anterior directiva, o que lle propuxeron aos asistentes foi reunir o número de firmas suficiente para impugnar as eleccións do mes pasado, obrigar a actual xunta directiva a convocar unha nova asemblea e someter os cargos recén elixidos a un proceso de remoción. Dito noutras palabras, unha moción de censura en toda regra, un motín a bordo.

Definitivamente, esta Comunidade de Montes debería ‘facerse mirar’ o empeño por xerar discordia. Eleccións que se convocan, remoción que toca. Xa pasou coa anterior directiva que presidía Francisco Casal con Laureano Allariz de vicepresidente e Manuel Estévez de secretario. Daquela foron Esther Crespo e Francisco Piñeiro -o sector BNG da parroquia- os que impulsaron unha moción de censura en agosto de 2012; remoción que resultou infrutuosa, porque a protesta foi tumbada por Casal.

Consultar os artigos:

A asemblea da Comunidade de Montes, na prensa

Asemblea extraordinaria de agosto (I)

Asemblea extraordinaria de agosto (II)

Na xuntanza deste pasado domingo recolléronse sinaturas para demandar a impugnación do resultado electoral. Pero na reunión convocada pola lista alternativa da alianza Macenlle&Allariz non se especificou ningún tipo de requisito: alí puido asinar quen fixera, comuneiros, non comuneiros, veciños doutra parroquia se os houbera… sinaturas a granel que terán que ser verificadas para garantir a validez da remoción. E despois desa reunión, o máis probable é que nos vindeiros días os membros da candidatura perdedora -erixidos agora en superheroes e superdefensores dos intereses da veciñanza vilmente pisoteados, e seguimos coa ironía- vaian porta por porta -mais non en calquera porta!- pedindo máis adhesións á súa causa.

Como resultado desa xuntanza, atopamos na prensa local unha noticia que volve transmitir mala imaxe para a parroquia e acusacións graves por parte dos rebotados: cuestionando os estatutos por un lado, ameazas de xudicializar o proceso por outro, acusacións de dubidosa veracidade (panfletos nos que “nos poñen a parir”, di Macenlle). U-los panfletos insultantes?!

Aviso oficial da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián.

 

Fronte aos avisos de pequeno formato publicados pola actual directiva facendo unha convocatoria á renovación do censo, os cartaces difundidos pola candidatura alternativa son tamaño XXL e ocupan medio panel informativo con expresións e palabras de dubidosa “pertinencia”.

INTIMIDAR: 1. Inspirar temor a [alguén]. Ex: “Non conseguirán intimidalo coa violencia”. SINÓNIMO apouvigar. 2 Sentir medo, temor. Ex: “Intimídase ante descoñecidos. Intimidouse coas ameazas”. [Dicionario da Real Academia Galega].

Chamamento a rebato da candidatura alternativa.

…Burro grande, ande ou non ande…

O estilo destes cartaces leva o selo particular do ex-vicepresidente. E para mostra, basta repasar artigos como o titulado “…Tralla?” (xullo de 2010), con expresións máis ou menos alti-sonantes.

…Que cada quen xulgue por si mesmo/a…

O que está en xogo vai máis aló de ocupar a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián. Non é unha cuestión de elixir entre un proxecto mellor e outro peor para o futuro da parroquia e do monte veciñal, porque de feito ningún dos candidatos chegou a expoñer ningún amago de “programa” de iniciativas.

O que hai é unha loita polo poder e, máis concretamente, polo poder económico, polos cartos que ten actualmente ou vaia ter no futuro a Comunidade de Montes.

Se nas eleccións do mes pasado se trataba de elixir entre o malo e o peor, o risco actual é que o bando do “peor” se instale na Casa de Montes: pro-polígonos, na súa inmensa maioría, que teñen toda a traza de vender o monte ao mellor postor.

Panel informativo da Comunidade de Montes de San Xulián.

Panel informativo da Comunidade de Montes de San Xulián.

Diario, 2 febreiro 2015.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: