Publicado por: MontePituco | 23/12/2014

O SUSTO DA PLANTA DE COMPOST

Mananciais loclizados no ámbito de afección do polígono industrial proxectado no Monte Pituco.

Esta semana levamos un bo susto cando nos advertiron sobre unha perigosa información. Segundo certas fontes, a Comunidade de Montes de San Xulián estaría mantendo contactos co Concello de Pontevedra para instalar no Monte Pituco a planta de compost que están rexeitando todas as parroquias rurais pontevedresas. Semellaba unha inocentada ou unha broma de mal gusto…

En pleno Nadal, a palabra “indignación” volveu encher as nosas bocas ante a suposta pretensión de instalar en Marín unha planta de tratamento de residuos en terreo protexido dos Montes do Morrazo, nunha zona onde abundan os mananciais de auga que abastecen os habitantes da zona -Bouza, Caeiro, Pena, Souto, Laxe…- tanto para consumo doméstico como para regadío. Inmenso despropósito!

Acababa de celebrarse a asemblea anual da Comunidade de Montes de San Xulián sen ningunha mención a este delicado asunto na orde do día; un tema que tampouco saíra a relucir nin de refilón no transcurso da xuntanza, que xa foi bastante abrupta. Ante a lista de agravios e de agresións cos que a Comunidade de Montes vén castigando o Pituco, a posibilidade de convertelo no vertedoiro dunha vintena de municipios da provincia era a gota que colmaba o vaso.

Salvo que no futuro muden as tornas, dende DEFENDE O MONTE PITUCO vimos criticando que en vez de apostar polo desenvolvemento dos recursos forestais deste espazo, esta Comunidade vense caracterizando principalmente por captar ingresos derivados da instalación no Pituco de todo tipo de infraestruturas: o trazado da Variante de Marín, unha liña de alta tensión, o apoio velado ao polígono industrial proxectado no PXOM, o próximo campo de manobras militares da Brilat e a instalación da rede de abastecemento de auga de Acuaes… Ata onde son capaces de chegar para seguir humillando a veciñanza do Monte Pituco e os seus modestos valedores?

De partida, un dos argumentos máis sólidos, obxectivos e contrastados de DEFENDE O PITUCO para rexeitar o polígono -e o extensión esa nova ameaza relacionada coa planta de tratamento de residuos orgánicos e vexetais- é que a auga dos nosos mananciais NON VALE MENOS que a auga de Campañó, nin de Marcón, nin de Xeve, nin de Lérez, nin de Bora, nin de ningunha outra parroquia do rural pontevedrés. En Campañó mesmamente, o proxecto para a instalación dunha planta de compostaxe foi descartado porque “podería afectar a mananciais e traídas de auga”.

O noso patrimonio arqueolóxico tampouco vale menos que os petroglifos de Mogor, nin os de Campo Lameiro, nin os de Salcedo. Nin a paisaxe e o valor ecolóxico do Monte Pituco valen menos que os do Lago de Castiñeiras.

Os nosos mananciais e regatos son sagrados! O patrimonio arqueolóxico desta contorna é sagrada! O ‘balcón da ría’ non se toca!

Despois de falar cun responsable do Concello de Pontevedra e pedirlle que confirmase ou desmentise a existencia deses contactos entre as dúas partes, NEGOUNOS que se estea a barallar esta posibilidade e que, por tanto, nin o Monte Pituco, nin o monte veciñal de San Xulián, nin ningunha outra zona do Concello de Marín, entraba nos plans do Concello de Pontevedra. Non descartou que -internamente- a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián tivese intención de ofertar terreos. Tampouco descartou que se estea estudando unha localización na bisbarra do Morrazo para acoller esta planta de tratamento de residuos. E como DEFENDE O PITUCO vén mantendo, a existencia de mananciais subterráneos, o impacto visual e as pendentes excesivas do terreo son factores que puntúan en contra.

O tempo dirá se son certas as explicacións tranquilizadoras que se nos facilitaron no Concello de Pontevedra.

A todas as persoas que a través das redes sociais se solidarizaron e nos trasladaron a súa preocupación por este novo motivo de alarma, moitas grazas.

Mantendo os principios de sempre cómpre seguir loitando tamén en 2015 contra os intereses políticos e económicos que conspiran e especulan para cargarse o ‘balcón da ría’. Con esa teima seguiremos reivindicando que a Comunidade de Montes se dedique por fin a defender o Pituco, a traballar a prol da explotación racional e sostible dos seus recursos forestais, a poñer en valor o patrimonio cultural!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: