Publicado por: MontePituco | 22/12/2014

ASEMBLEA SEMI-FRUSTRADA POLO BOICOT DUN DIRECTIVO

Vista parcial da Casa de Montes de San Xulián.

Por onde empezar? Como narrar un episodio tan lamentable que xa se converteu na comidilla de todo o vecindario e que abofé ha traspasar as fronteiras deste concello para converter a Comunidade de Montes de San Xulián no faimerir de toda Galicia, moi a pesar dos habitantes desta contorna?

Unha intensa hora de asemblea podería resumirse nestas poucas palabras: un desastre, un espectáculo bochornoso e patético, unha vergoña para esta parroquia. Un dos membros da xunta reitora que aspira a erixirse en presidente rebentou a xuntanza e fixo inviable seguir a orde do día prevista, ante a impotencia dos demais integrantes da directiva e o asombro da maior parte do público, convertido en vítima das loitas internas destes dirixentes. Non se puido aprobar a acta da asemblea anterior, nin se analizaron as contas da Comunidade, nin se puido tampouco coñecer o informe de xestión. Unicamente foi posible tratar sobre a creación da Fundación do Lago de Castiñeiras, que foi aprobada sen votos en contra, trala interesante exposición realizada polo enxeñeiro forestal Gaspar Bernárdez.

Seguindo a tónica de anteriores asembleas, os prolegómenos xa foran un tanto atípicos: aínda que a convocatoria da xuntanza se difundiu nos paneis informativos da parroquia dende uns días antes, e na propia xornada seica houbo un vehículo con megafonía anunciándoa, botouse en falta a publicación dunha nota de prensa nos diarios locais. Ás 4 da tarde, cando estaba marcado o inicio da xuntanza en primeira convocatoria, xa había unhas cantas persoas agardando a que se abriran as portas do salón de actos. Mais, como soe acontecer nestes casos, non había quorum abondo porque a maior parte dos comuneiros entenderon que a asemblea comezaría no horario da segunda convocatoria, dúas horas despois, como así foi.

Por este motivo, as primeiras verbas de quen tomou a palabra en nome da xunta reitora foron para propoñer unha modificación dos estatutos da Comunidade de Montes de San Xulián “si nos deja la Xunta”, matizou, argumentando que “es un follón esperar dos horas, pero es la ley”.

Así, nas propostas formuladas plantexou a posibilidade de facer unha única convocatoria ou ben manter as dúas convocatorias preceptivas, pero con 30 minutos ou cunha hora de diferenza entre unha e outra. Comprometeuse entón a “estudiarlo y arreglarlo”.

Nos primeiros minutos da asemblea, este voceiro da directiva pregoulles aos presentes gardar un minuto de silencio en memoria do anterior presidente da Comunidade de Montes de San Xulián, Francisco Casal, falecido o pasado mes de maio.

…E comezou o disparate!

O voceiro da xunta reitora viña sendo secretario da directiva mais, dende o pasamento do anterior presidente, na práctica era quen exercía esas funcións. Así quedou de manifesto, por exemplo, en actos públicos como a sinatura do preacordo para a creación da Fundación do Lago de Castiñeiras, que se realizou na propia Casa de Montes de San Xulián o pasado mes de setembro. Ou en xullo, con motivo da sinatura do convenio coa Brilat para a cesión ao Ministerio de Defensa dunha parcela de monte veciñal que se destinará a campo de manobras militares a cambio dun canon económico.

Así que cando Manuel Estévez ía explicar os motivos polos que estaba ocupando o cargo de presidente, o vicepresidente, Laureano Allariz, saltou coma un resorte do seu asento: “No, no y no! Déixame falar! O que queres facer é ilegal!”. Manuel Estévez quedou petrificado, micrófono en ristre, mentres intentaba pedirlle a Laureano Allariz que lle permitise explicar ata o final a situación para que os comuneiros puideran entendelo e opinar. Mentres tanto, dende a primeira fila do público, unha veciña defendía a berros a Laureano Allariz e chamáballe “sinvergüenza” a Manuel Estévez.

…Así se pagan os servizos prestados por Laureano Allariz no conflicto pola chamada “usurpación” dunha parcela de monte veciñal da que se acusa ao doutor Juan Manuel Romero; un conflicto que aló por xullo de 2010 escenificouse nas rúas de Marín con manifestacións a golpe de bombo e megáfono. Desgrazadamente, moito barullo e poucas noces: a xestión do problema por parte da Comunidade de Montes de San Xulián foi errática, desnortada e infrutuosa; gastouse un diñeiral en demandas e recursos a sentenzas que saíron contrarias aos intereses da Comunidade. En vez de darlle as grazas a Laureano Allariz con semellante alboroto público nesta asemblea de comuneiros, o que había que facer era pedirlle responsabilidades pola ineficacia e o fracaso colleitados… O mundo ao revés!

No fondo, a reacción tan vehemente desta veciña non deixa de ser unha mostra de cativerio, de dependencia entre quen se volca nunha causa que cre xusta (a loita contra a usurpación dun terreo veciñal) e quen se erixe no paladín dos débiles (o directivo da Comunidade de Montes, que por riba non dá conta dun recado que lle vai demasiado grande). Un dirixente veciñal que debe entender o exercicio dun cargo non coma un servizo desinteresado á comunidade, senón coma unha transacción de favores (eu axúdote a ti, ti axúdasme a min). Mais iso non é vocación de servizo público, senón clientelismo…

Retomando novamente o relato da asemblea, no medio daquel balbordo, outra veciña ergueuse para protestar pola situación kafkiana que estaba sucedendo: non levabamos nin 10 minutos sentados e xa se montara un cirio monumental no que os comuneiros non estaban a ser nin arte nin parte. “Arranxade os vosos problemas fóra da reunión!”, espetoulles a muller, co aplauso do resto do público.

Laureano Allariz non daba tregua: “Que se fagan eleccións! Estamos ilegales!”.

Calquera que teña un coñecemento básico dos avatares desta Comunidade de Montes e un mínimo de memoria sobre a súa crúa realidade nos últimos anos, podería escandalizarse escoitando o vicepresidente denunciar unha ilegalidade. Unha Comunidade de Montes que acumula queixas públicas e denuncias oficiais por agresións ao patrimonio, por verquidos ilegais perxudiciais para o medio ambiente, por conflictos coas Comunidades lindantes pola corta e apropiación de madeira de dubidosa titularidade, por impugnación de asembleas debido a irregularidades na tramitación e ao incumprimento dos estatutos… E vai advertir o vicepresidente que se está incorrendo nunha (poñamos -por prudencia- o adxectivo presunta) ilegalidade, cando non consta que se preocupara de todas as irregularidades cometidas con anterioridade dende mandatos precedentes? Sen contar o famoso caso do muro do adro de San Xulián; outro sonado fracaso no seu haber…

Manuel Estévez intentaba facerse oír: “Esta decisión no la tomé yo, la tomó la junta rectora. En las elecciones se vota una junta rectora; quien va a gestionar la junta rectora tiene potestad para modificar los cargos. No es que yo me pusiera, es la junta rectora la que me elige, yo no me quise poner; no tengo ningún interés en quedarme en la junta rectora”, explicou. As súas palabras estaban lonxe de calmar o vicepresidente, que seguía de pé facendo espaventos e berrando.

Gustaríanos saber por que non se formou ningún tumulto no seo da mesma xunta rectora cando, en decembro de 2013 se anunciou que María Dolores Lorenzo marchaba da xunta directiva da que formaba parte e deixaba o cargo de tesoureira, que pasaba a ocupar Manuel Rosales. Ou cando en agosto de 2011 se anunciou a dimisión do tesoureiro anterior, Francisco Piñeiro, nunhas circunstancias que non se chegaron a aclarar axeitadamente… Nas decisións que deron lugar a estes episodios, a asemblea de comuneiros non tivo voz nin voto, e a xunta directiva remodelouse a nivel interno. Ante estes cambios que simplemente se comunicaban, sen sequera formar parte dunha orde do día regulamentaria, a asemblea non tiña outra opción que corear -metaforicamente falando- ‘si, bwana’. Daquela non houbo nin unha voz máis alta ca outra, a diferenza desta ocasión; como se os cargos non fosen todos da mesma importancia para o bo funcionamento da Comunidade e, pola contra, tivesen distinta importancia en función das competencias que outorgan e de quen os ocupa…

Á vista de que o espectáculo non tiña trazas de resolverse, volvéronse oír queixas do público: “Levo aquí dende as 4, tempo tivestes de resolver os vosos problemas!”. Ao que Manuel Estévez replicou, sinalando a Laureano Allariz: “El problema solo lo tiene él!”. En efecto, o vicepresidente estaba más solo que la una; entre os seus propios compañeiros uns pedíanlle calma, outros mandábanlle calar con xestos de exasperación. Mais el non atendía a razóns e seguía na súa teima: manter o boicot a toda costa.

Dende o público, tomou a palabra o ex-tesoureiro Francisco Piñeiro para opinar en contra da petición da convocatoria de eleccións: “Iso non está na orde do día, non se pode tratar ese tema”.

Interviu tamén outro ex-directivo, Juan Pérez, que se dirixiu a Laureano Allariz: “Estalle faltando ao respecto á asemblea. Que credibilidade ten vostede para poñerse nesa actitude. Unha persoa que despilfarrou 18.000, 20.000 ou 28.000 euros no bar da Comunidade, que funde todo o que toca na p* miseria!”.

Nese momento, ante a gravidade do comentario, a veciña que estaba a morte con Laureano Allariz ergueuse e dirixiuse coma unha bala cara a este veciño, berrándolle a grito pelado: “Cala, que non sabes nada!” e botándolle en cara non recoñecer o labor que fixera o vicepresidente no conflicto “de Romero”.

“Vai ao xulgado de garda se tes tanta razón”, respostoulle Juan Pérez a Laureano Allariz, que seguía alterado dende o escenario do salón de actos.

As seguintes palabras de Manuel Estévez foron lapidarias e sintomáticas dun ambiente insán na xunta directiva, reveladoras da situación insostible que se viña arrastrando dende hai tempo no (dis)funcionamento desta organización: “Con este hombre NO se puede trabajar. Es una persona tan RANCIA e INCONGRUENTE que a todo dice que no. Se le propone trabajar por el monte y dice que no, A TODO QUE NO. Vosotros veréis si le queréis a él o a nosotros”, concluíu o voceiro da xunta rectora.

Estévez intentaba apaciguar os ánimos para que a asemblea retomase a senda da normalidade, argumentando que “hoy necesitamos tratar el tema de la Fundación del Lago de Castiñeiras porque Santa Cristina, San Tomé y Vilaboa ya votaron”.

…Difícil seguir nesas condicións. Laureano Allariz comezou a axitar uns papeis: “Os estatutos! Os estatutos!”, seguía porfiando. “Esos no son los estatutos actuales, son antiguos, hay otros reformados”, contestáballe Manuel Estévez, que pola paciencia que estaba tendo ía camiño de converterse na reencarnación do Santo Job…

O tesoureiro quixo meter baza reiterando as críticas contra Laureano Allariz: “A xunta reitora tomou esta decisión; con Laureano non se pode facer nada, é un tío moi cerrado”, asegurou Manuel Rosales.

Ante as insistentes interrupcións do vicepresidente, Manuel Estévez advertíalle: “Estás quedando mal diante da asemblea”. Malia que Laureano Allariz seguía facendo oídos xordos, o voceiro da xunta reitora propoñía cinguirse á orde do día e convocar eleccións ao remate dos temas que había que tratar.

Pero todos os seus intentos eran en balde porque Laureano Allariz seguía reivindicando o seu papel como sucesor natural do defunto presidente: “Y tú como presidente en funciones qué hiciste! En la junta directiva dices a todo que sí y luego vienes aquí a montar estos follones!”, espetoulle Estévez, cun nivel de enfado máis que considerable. De Santo Job a Incrible Hulk…

Esa reacción fixo que Allariz quedase planchado, momento que Estévez aproveitou para retomar a exposición do asunto relacionado coa Fundación do Lago de Castiñeiras. Na súa introdución apuntou que a Comunidade de Montes de San Tomé tiña intención de crear un xardín botánico nos seus terreos, pero tendo en conta que a situación do Lago de Castiñeiras era precaria polo preocupante nivel de abandono das instalacións, as catro comunidades de montes conviñeran en instalar ese xardín botánico en Castiñeiras “para que la gente vuelva al lago, que se puedan recuperar los asadores e ir a pasar allí los domingos”. A fórmula na que pensaran era unha fundación público-privada da que formasen parte as Comunidades de Montes de San Xulián, San Tomé, Santa Cristina e Vilaboa, xunto cos concellos de Marín e Vilaboa, a Deputación e a Xunta, sen desbotar a posibilidade de contar co apoio de empresas privadas.

Laureano Allariz seguía facendo das súas, rosmando entre dentes: “…Para pechar o lago e ter a xente que chinchar”. Enténdase “chinchar” por pagar. O vocabulario do Sr. Allariz deixa moito que desexar; cómpre desculpar as súas eivas no dominio e bo uso da linguaxe; seguramente sería necesario elaborar un diccionario laureánico para poderse entender con el…

Tomou por fin a palabra Gaspar Bernárdez, un enxeñeiro forestal natural de Seixo, que xa asistira ás asembleas realizadas con anterioridade nas Comunidades de San Tomé, Santa Cristina e Vilaboa para explicar o proxecto que el mesmo impulsaba.

Para empezar, trazou unha diagnose do estado actual do Lago dende o punto de vista forestal, que presenta unha “densidade excesiva” de árbores, que foran prantadas nos anos 50 cunha distancia insuficiente entre uns exemplares e outros, cada 3 ou 4 metros nada máis. “Medraron en altura e non anchearon”, precisou o técnico, polo que “moitos atópanse nun mal estado sanitario, algúns coas copas tronzadas, outros coas pólas apoiadas unhas noutras, co conseguinte risco de caer”, advertiu. O que conducira a esta situación, en definitiva, fora unha “ausencia de planificación nas actuacións” que se levaron a cabo dende o punto de vista botánico.

A maleza invade diversos espazos de Castiñeiras.

Actualmente, entre San Xulián, San Tomé, Santa Cristina e Vilaboa hai 44 hectáreas cedidas á Xunta. Neste proxecto as catro comunidades de montes cederían un volume de terreos moi similar entre si, hectárea arriba, hectárea abaixo. A superficie total sería de 74,25 hectáreas, das cales soamente 15 permanecerían pechadas.

* Con que obxectivos?

-Obxectivos medioambientais: relacionados cos habitats de interese prioritario, entre eles o da Rede Natura, de rango europeo.

-Obxectivos didácticos e divulgativos: atraer novamente grupos de escolares como antano, que ían de excursión ao Lago; realizar conferencias, obradoiros, cursos formativos, de xardinería, de educación medioambiental…; recibir grupos de escolares de diferentes idades e niveis académicos, dende Educación Infantil a universitarios, pasando por graos de Formación Profesional.

-Obxectivos sociais: creación de postos de traballo para comuneiros ou veciños das parroquias implicadas na Fundación.

-Obxectivos turísticos e culturais: poñer en valor a arte rupestre da contorna, a ruta das mámoas, recuperar a mámoa de Pedralonga que fora arrasada na construcción dunha estrada; ofertar turismo de calidade.

* Cales son as actuacións previstas?

No Lago de Castiñeiras hai catalogadas 78 especies arbóreas e máis de 300 especies de herbas. É un espazo cun valor ecolóxico importante, cómpre “explotalo e melloralo”, explicou Gaspar Bernárdez. Habería 60 hectáreas abertas ao público: “en principio non se fala de pechar nin cobrar” por acceder a esta parte, aclarou o botánico.

Sen embargo, a plantación de bulbos e especies exóticas ou sensibles no espazo dedicado ao xardín botánico propiamente dito, requeriría de medidas de protección para evitar que a fauna salvaxe estragase o plantío, ou para preservar o traballo realizado de posibles accións vandálicas.

Tras estudar os planos de pendentes e a orografía da zona, Gaspar Bernárdez ten xa predefinida a localización tanto do xardín botanico como do arboreto, coa súa ampliación. Parte da exposición deste experto foi precisamente para amosar os mapas coa delimitación dos diferentes ámbitos de actuación previstos.

Entre as árbores que terían representación no Lago habería coníferas, especies de América, Asia, Oceanía e Europa, zonas para frondosas mixtas e bosque mediterráneo. En total, 21 coleccións de árbores.

No recinto pechado de 15 hectáreas destinado a xardín botánico a actuación guiaríase por criterios científicos, divulgativos e culturais. A flora de países como México, Estados Unidos, Xapón, Canadá ou a cordilleira africana do Atlas tería presenza neste oasis de Castiñeiras, ata completar 23 coleccións de plantas:

-bosques de montaña americano

-bosques de Oceanía (con especies que non teñen que ver cos eucaliptos e coas acacias invasores, senón flora que aportase colorido)

-colección de cactus e plantas suculentas no interior dun invernadoiro de cristal

-orquídeas (incluidas especies propias de Galicia que medran silvestres) e xeófitos (bulbos)

*Onde se van conseguir as plantas?

Gaspar Bernárdez falou da existencia de contactos con varias entidades: Vivero de Ejea, Proyecto Forestal Ibérico, un viveiro tinerfeño…

*Fontes de financiamento:

O promotor desta iniciativa apostou inicialmente por pedirlle colaboración económica ás Administracións públicas. “Pero a partir do primeiro ano ten que funcionar coma unha empresa e xerar ingresos”, afirmou Gaspar Bernárdez. Para iso cóntase coas achegas correspondentes á realización de actividades educativas, de formación e visitas guiadas.

Outro dos proxectos consistiría en abrir un pequeno viveiro que puidese vender exemplares das plantas expostas; sen xerarlle competencia a outras instalacións profesionais da zona, coma o viveiro Norfor, matizou. O técnico expuxo tamén a posibilidade de instalar un insectario, do que só existen dous centros similares no resto de España: en Benalmádena e mais en Tenerife.

Gaspar Bernárdez tamén se referiu ao movemento que xeraría poñer en marcha unha feira de colección de plantas especializadas.

Unha persoa do público opinou que lle gustaría que se recuperase a presenza de cervos, coma antano, ao que o experto respostou que se podería valorar, aínda que a presenza de animais “non é coma antes”, xa que cómpre contar con veterinarios e unha serie de medidas máis restrictivas que as que rexían anos atrás.

O traballo de Gaspar Bernárdez preséntase tan adiantado que mesmo mencionou as xuntanzas que xa mantivo con representantes da Asociación Ibero-Macaronésica de Jardines Botánicos, que reúne a preto de 40 xardíns e entidades vencelladas a esta especialidade. O máis próximo a Galicia é o Xardín Botánico Atlántico, en Xixón (Asturias). Estes espazos suman unhas 120.000 visitas anuais, expuxo o técnico. Tamén citou os Reais Xardíns Botánicos de Kew, ao suroeste de Londres, cunha antigüidade de 255 anos.

Para continuar aclarando posibles dúbidas, Gaspar Bernárdez apuntou que as comunidades de montes, como integrantes do patronato fundador, non aportarían “nada de diñeiro” ao funcionamento da Fundación. Tampouco perderían a titularidade dos terreos que, por outra parte, están actualmente cedidos á Xunta.

Outra veciña comentou que notaba a ausencia do patrimonio material e inmaterial na oferta de contidos deste proxecto: “Coñeces os bens culturais do Monte Pituco?”, preguntoulle, ao que Gaspar Bernárdez contestou afirmativamente.

Tomou a palabra Manuel Estévez para seguir abundando en posibles iniciativas como “poner en valor las mámoas, el arte rupestre, hacer rutas de senderismo, poner en valor todo eso”, argumentando que “da puestos de trabajo, por lo menos uno por cada comunidad, en principio”.

A esas alturas da película xa nos parecía estar oíndo visións; non podiamos dar creto ás palabras que saían da boca do voceiro da xunta reitora da Comunidade de Montes de San Xulián. Estaría posuído? Abducido? Enaxenación mental transitoria? Ou estaba sendo unha trola pre-navideña?

Porque son numerosas as mostras de desprezo, de falta de respecto e de insensibilidade por parte desta directiva por todo o relacionado co patrimonio arqueolóxico, e nomeadamente co patrimonio arqueolóxico do Monte Pituco. Dende aquela ocasión na que, en presenza da alcaldesa de Marín, se nos solicitou que presentaramos orzamentos para valorar os custes das actuacións necesarias para a limpeza e sinalización dos xacementos de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro; uns orzamentos que se pediron a varias empresas especializadas, que se lle presentaron cumpridamente na Casa de Montes, e que acabaron -literal ou figuradamente, no lixo- coa única explicación de que “toda iniciativa que se presentase a través da Asociación Monte Pituco, será rexeitada”. Ata o recente episodio no que se lle chamou a atención a este directivo pola destrucción do antigo camiño de carro que partía do Monte Pituco, sepultado baixo o trazado dunha nova pista que aterrou elementos de valor etnográfico como unhas antigas rodeiras; unha pista que ademais afectou a un xacemento arqueolóxico catalogado, como así foi denunciado ante a Dirección Xeral de Patrimonio.

Este súbito recoñecemento ao patrimonio arqueolóxico situado no ámbito do Lago de Castiñeiras non fai menos que reforzar a nosa teima para que a Comunidade de Montes de San Xulián se ocupe por fin, de xeito responsable, do mantemento, conservación e promoción das mámoas e petróglifos catalogados que existen no contorno do Monte Pituco. Xa non vale a excusa de que ten que ser a Xunta a encargada deses menesteres; un argumento que non é válido tendo en conta que a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia obriga os propietarios dos terreos a asumir esa tarefa:

“Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia ESTÁN OBRIGADOS A CONSERVALOS, COIDALOS E PROTEXELOS DEBIDAMENTE para conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrucción ou deterioración”. [Artigo 25: Deber de conservar]

Non imos permitir ningún tipo de discriminación nin de trato desigual co patrimonio arqueolóxico da parroquia. Tanto valor teñen os gravados rupestres de Castiñeiras como os de Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro, A Carrasca ou Champás, entre outros.

A directiva da Comunidade de Montes de San Xulián deu a coñecer nesta asemblea que a Fundación do Lago de Castiñeiras pretende propoñerlle á Xunta a creación dun Centro de Interpretación das Rías no miradoiro de Cotorredondo. E benvido sexa, se prospera a iniciativa. Pero, un miradoiro en Cotorredondo con vistas a un polígono industrial a pouca distancia, tal e como pretenden o Concello de Marín e a propia Xunta co aplauso da Comunidade de Montes de San Xulián? Estragar unhas vistas espectaculares cun adefesio de asfalto e formigón en pleno balcón da ría de Pontevedra, nunha zona de alta intervisibilidade (impacto paisaxístico) é un auténtico despropósito…

…Neses termos proseguía a asemblea de comuneiros cando unha das persoas que turraba a prol do vicepresidente asegurou que “como xestora”, os directivos da Comunidade de Montes “non están capacitados” para promover ningunha decisión vinculante sobre a Fundación do Lago de Castiñeiras. O voceiro da xunta reitora respondeulle que “manda a asemblea de comuneiros”. Laureano Allariz intentou abrir unha nova fenda cuestionando o reparto da superficie de Castiñeiras: “Nós temos tres partes do Lago!”. “Las partes que hay son todas iguales”, replicoulle Manuel Estévez.

O voceiro da xunta reitora tamén tivo que saír ao paso das críticas doutro ex-directivo, José Carabelos, que tamén lle quixo restar lexitimidade á directiva para promover a votación sobre a Fundación. “No vota la gestora, vota la asamblea”, insistiu Manuel Estévez. “Lean los estatutos, que están en el blog de la Comunidad de Montes, o vengan a buscarlos, se los damos de mil amores”, engadiu o voceiro da xunta reitora, que para as próximas asembleas propuxo votar co carnet na man ou, acaso, a posibilidade de erguer cartulinas de colores diferentes en función do sentido do voto: a favor, en contra, ou abstención.

Finalmente, na votación sobre a creación da Fundación do Lago de Castiñeiras non houbo ningún voto en contra e a proposta foi aprobada. “Isto non hai ninguén que o bote abaixo”, congratulouse Manuel Estévez.

Na recta final da asemblea houbo certa confusión. O voceiro da xunta reitora anunciou a convocatoria de eleccións á dirección da Comunidade de Montes de San Xulián. “Tiene que haber una junta gestora formada por el comunero más antiguo y el más joven; o que siga la junta rectora que hay”. Entre certo tumulto, algúns comuneiros amosáronse partidarios da continuidade dos actuais representantes.

O 12 de xaneiro foi a data sinalada como fin do prazo para presentar candidaturas á dirección da Comunidade de Montes de San Xulián. Os aspirantes poderán notificar as súas listas na Casa de Montes, comunicalas por teléfono ou por correo electrónico, segundo explicou Manuel Estévez.

As eleccións celebraranse o vindeiro 21 de xaneiro, con votacións en urna e voto secreto.

Unha veciña protestou porque, malia que estaba incluído na orde do día, o punto relacionado coa aprobación do censo de comuneiros non se ía tratar nesta asemblea. Manuel Estévez deulle a razón, lamentou esta circunstancia e atribuíuna ao boicot permanente do vicepresidente, durante o transcurso da sesión. Como solución, apuntou que o censo ía estar exposto no taboleiro informativo da Casa de Montes e advertiu que para presentar candidaturas é requisito indispensable estar inscrito no censo.

 


Responses

  1. Escenas parecidas vivíronse e vívense na nosa comunidade, onde xente sen p* idea, por defender aos reitores impide que os poucos que a teñamos, poidamos expresarnos libremente, esquecéndose que todos temos dereito a intervir nas asembleas e nos puntos a debater, para que logo cada un vote segundo a súa conciencia, e que poda saír o punto avante ou se rexeite.
    Algunhas e algún tanto defenderon ao actual presidente do BNG que lles “pagou” sen celebrar unha asemblea este ano, a pesar de prometerlle aos vogais que ía tela antes de que rematase decembro.
    Déixovos un exemplo que vivimos fai 20 anos daquela con xente do PP, para que vexades como as actas eran un copia “calcada” da asemblea. Non vou usalo tópico de: muller tiña que ser.
    http://nebra1.blogspot.com.es/2014/11/in-memoriam-juan-manuel-carleos-paz.html

  2. Desde Nebra Felices Festas e Ventureiro 2015

  3. […] Curiosamente, esas datas non son as que figuran noutro comunicado diferente que apareceu a principios de semana nos mesmos paneis informativos: fotocopiado nun folio branco, escrito en castelán e con espantosas faltas de ortografía. Neste primeiro aviso emprazábase os comuneiros e comuneiras ás eleccións para o mércores 21 de xaneiro, sendo o luns 12 de xaneiro o día límite para a presentación de candidaturas. Estas datas son as mesmas das que se falou na asemblea do pasado 21 de decembro. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: