Publicado por: MontePituco | 16/12/2014

SEICA ESTÁN DE MODA AS ANDAINAS CULTURAIS

Roteiro organizado polo Concello ao Castro da Subidá.

[Foto do Concello de Marín, con  motivo da visita organizada pola Concellería de Cultura ao Castro da Subidá. En fronte, o Monte Pituco]

Seica están de moda as andainas culturais. Hai un montón de anos que o Concello de Pontevedra organiza o ciclo Natureza nos camiños -na que temos participado cun notable grao de satisfacción- e outras iniciativas que procuran divulgar o patrimonio cultural e paisaxístico, non só do ámbito pontevedrés, senón tamén doutros enclaves da provincia. Dun tempo a esta parte, no Concello de Bueu veñen programando tamén interesantes saídas -ás que tamén acudimos- polo casco urbán, polas parroquias e polos lugares de interese a carón da costa. O Concello de Marín non ía ser menos…

Hai uns meses que a concelleira de Cultura nos fixo partícipes da súa intención de realizar visitas a diversos puntos do territorio marinense e doutras localidades próximas. Foi ao pouco de realizarmos a última andaina polo Monte Pituco ao solpor, percorrendo os petroglifos de Pinal de Caeiro, Carrasca, Champás e Pornedo, que puidemos gozar xa de noite en todo o seu esplendor, á luz das lanternas. Foi un roteiro multitudinario polo que este colectivo e as persoas que xenerosamente colaboraron na súa organización recibiron moitos parabéns. Unha cita memorable que deixou o listón ben alto para próximas convocatorias.

Daquela, a edil de Cultura adiantounos que o Concello contaba con Defende o Monte Pituco para repetir a campaña de roteiros, incluíndo o Monte Pituco no calendario de visitas. 

Foi o pasado domingo cando unha trintena de persoas subiron ao Castro da Subidá, guiadas por dous arqueólogos contratados -ou iso agardamos- polo Concello de Marín.

Non é que o teñamos moi visto, pero non foron poucas as veces que visitamos o Castro da Subidá grazas á iniciativa de asociacións culturais marinenses que viñan suplindo a eiva da Concellería de Cultura de Marín no que respecta á divulgación do propio territorio entre a veciñanza: Almuinha, Queremos Galego… onde estaba o Concello? Ata este momento estivo missing; semella xa que vai acordando.

Agora que o Concello se vai enterando de que ten recursos patrimoniais abondo e vai tomando exemplo dos municipios veciños no que respecta á promoción e posta en valor dese patrimonio natural e cultural, cómpre dirixirse á Concellería de Cultura para reiterarlle o que Defende o Monte Pituco vén solicitándolle dende hai moito tempo:

Xusto en fronte do Castro da Subidá está o Monte Pituco (Pornedo), na parroquia de San Xulián, o antigo San Xián dos Ancourados, berce ancestral do noso concello. Lembre o Goberno local que neste enclave, en pleno “balcón da ría”, hai un conxunto de xacementos arqueolóxicos ben valiosos, que nada lle teñen que envexar aos petroglifos de Mogor, malia que teñan menos prensa.

Que os conxuntos rupestres de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, máis os da Carrasca e Champás, por citar os máis importantes, precisan unha actuación urxente de limpeza, conservación e posta en valor.

Que hai unha comunidade de montes que elude a súa responsabilidade porque si, podendo o Concello implicarse na recuperación deste patrimonio que, por certo, suscita moito interese social, como se ten demostrado nos roteiros organizados por Defende o Monte Pituco e pola comisión técnica do Proxecto do Espazo Natural dos Sete Camiños.

E que están deixando estragar de xeito irresponsable uns Bens de Interese Cultural que, ben coidados e sinalizados, estarían xerando riqueza e prestixio para este municipio e para o conxunto da bisbarra do Morrazo.

Por enésima vez, pregamos atención sobre este tema.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: