A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural das carballeiras de Pastoriza e de Outeiro de Campolongo.
Este roteiro discorreu por vías rurais, camiños e pé, corredoiras e pistas forestais ao longo dos lugares de Pedra da Pousa, a ribeira do rego das Gorgadas e Os Sobrosos.
Entre os puntos de interese destacan as carballeiras galaico-portuguesas, o bidueiral do rego das Gorgadas e o espazo aberto de Outeiro de Campolongo, a 418 metros sobre a ría de Pontevedra, con vexetación a base de xesteira, toxeira e mato higrófilo, ademais das sobreiras de Os Sobrosos.
En marzo de 2012 a Plataforma Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta a inclusión dos montes de Ardán e do Monte Cernello nunha proposta de ampliación da Rede Natura con vistas a un posible novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollera os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro.
Esta petición sustentábase na existencia de hábitats de interese comunitario (carballeiras galaico-portuguesas) e hábitats naturais prioritarios (bosque aluvial de clima atemperado e breixeiras húmidas atlánticas), ademais da presenza de especies de fauna (aves rapaces, bolboreta…) e flora (uceiras secas, vexetación de rochedais silíceos…), con endemismos e especies vulnerables, ameazadas e escasas no Morrazo e en Galicia.
Actualmente estes montes están catalogados como solo rústico de protección forestal, de augas, patrimonial ou paisaxístico. A súa protección non é acorde ao seu valor ambiental, explican dende a Plataforma Montes do Morrazo.
Ao longo do traxecto puidemos comprobar a introdución de plantacións de eucalipto, a presenza de especies alóctonas, pirófitas e invasoras como a acacia e a mimosa; tamén cómpre advertir sobre a corta de arborado autóctono, a apertura de novas pistas forestais, os vertedoiros ilegais de lixo e entullos, ou a plantación de arborado en espazos abertos cubertos de matogueira que cómpre conservar como tales. No Outeiro de Campolongo, dentro do recinto pechado do centro reemisor de RTVE sábese da existencia dunha mámoa.
Rego das Gorgadas
Pereira brava ou estripeiro
Liques
Lingua de gato
Acivro
Rusco, tamén chamado rascacús ou matacristos
Núcleo rural de Pastoriza
Outeiro de Campolongo
Sobreira
Deixar unha resposta