O deterioro da pista forestal do Monte Pituco acadou uns niveles inaceptables. A erosión provocada polas riadas de auga de chuvia, sumado ao penoso estado do firme, cheo de entullos e verquidos de lixo, deixou este camiño nun estado practicamente intransitable. Ata as mangueiras que conducen a auga á arboreda situada a carón da estrada de Figueirido quederon ao aire.
Os poucos vehículos con capacidade para circular por este vial están aproveitando os extremos, moi a rente da pista. Pode que non pase moito tempo ata que algún quede atascado no rego lateral.
Mais, parafraseando o refrán “A can fraco todo son pulgas”, aplicado a esta situación sería “A pista fraca todo son verquidos”…
Unha vez máis, ante a impasividade dos responsables do bo mantemento deste espazo, que non se enteran de nada porque non poñen o pé no Monte Pituco máis que para desgrazalo cada vez máis, hai que lamentar un novo verquido de lixo e de entullos.
Erosión, verquidos e tamén maleza. Moita maleza.
O lamentable estado de conservación desta pista será motivo dun escrito de queixa que Defende o Monte Pituco presentará esta semana ante a Xunta e o Concello de Marín, e do que faremos partícipe á Comunidade de Montes de San Xulián, auténtica (ir)responsable desta situación.
Deixar unha resposta