Publicado por: MontePituco | 24/11/2014

ALEGACIÓNS AO PROXECTO DEFINITIVO DE ACUAES

Alegacións ao proxecto de Acuaes

A Dirección General del Agua xa está en condicións de valorar as alegacións presentadas por Defende o Monte Pituco ao proxecto de construcción da nova rede de abastecemento de auga deseñada por Acuaes na parte correspondente ao Concello de Marín.

Unhas alegacións que se artellaron en sete puntos e que afectan principalmente á conducción de “aducción” entre o cruce do Regueiriño e o lugar do Caeiro.

A principal obxección ao proxecto ten que ver co feito de que xa en abril de 2013 esta Asociación alegou no primeiro periodo de exposición pública ao trazado inicial. Daquela, Defende o Monte Pituco opoñíase radicalmente á instalación dunha acometida que invadía unha parcela de monte veciñal afectada polo proxecto de construcción do polígono industrial. Cinco meses despois, a Dirección General del Agua comunicoulle a este colectivo que estimaba favorablemente a alegación e retirábase o “trazado do ramal de abastecemento ao futuro depósito de Monte Pornedo”.

Descubriamos así que existe un proxecto paralelo (ou complementario) ao polígono industrial contemplado no PXOM para construír un depósito de auga no Monte Pituco, malia que ese depósito non aparecía no deseño da nova rede de abastecemento de auga.

Retomando o proxecto de Acuaes e as alegacións presentadas por Defende o Monte Pituco ao novo proxecto, resulta INADMISIBLE que a Dirección General del Agua atenda positivamente unha primeira alegación contra a ocupación do Monte Pituco con infraestruturas vencelladas a este espazo, e que 14 meses despois comprobemos que se volve agredir o mesmo territorio que motivou a reclamación presentada en abril de 2013.

Defende o Monte Pituco presentoulle á Dirección General del Agua un trazado alternativo (liña vermella) que, por outra parte, xa fora barallado por Acuaes nunha xuntanza veciñal celebrada en agosto de 2013. Este trazado descendía pola estrada provincial EP-0019 por encima da Variante, pasaba polo lugar de A Pena e subía por unha pista veciñal para conectar no lugar de O Caeiro coa vía de servizo da Variante. Pero finalmente, en marzo de 2014, Acuaes desdeciuse e optou por un trazado diferente atravesando o Monte Pituco: introducindo as tubarías pola pista forestal e cruzando pola antiga área recreativa para cruzar por debaixo da Variante e enlazar coa vía de servizo da Variante (liña azul).

Acuaes non pode rexeitar o trazado alternativo aducindo a falta de permisos dos organismos titulares das estradas afectadas porque o primeiro deseño xa contemplaba -en parte- o paso das tubarías pola EP-0019.

Trazado alternativo proposto por Defende o Monte Pituco.

Defende o Monte Pituco tamén alegou que o trazado definitivo deseñado por Acuaes conleva un maior perxuízo aos habitantes do lugar de Caeiro porque as mangueiras que conducen a auga da que se abastecen dende o manancial de Fontenla ata os depósitos instalados no Monte Pituco, e dende os depósitos ás vivendas e ás fincas de regadío, van interferir en varios puntos no trazado da conducción das tubarías da nova rede de abastecemento.

Se optasen pola ruta alternativa, os operarios unicamente terían que ter coidado de non rachar as mangueiras nun único punto de confluencia: no punto previo ao ascenso pola vía de servizo da Variante.

“Inicialmente el tramo discurre por la margen derecha de la VG 4.4 donde destaca la presencia de granito del grado III tal y como se ha constatado en los PKK 0+850, 1+000 y 1+200. Tan solo la montera con un espesor no mayor de 2 metros podría ser excavada mediante medios mecánicos convencionales, debiendo posteriormente utilizar martillo picador o VOLADURA en función de la profundidad a la que discurra la tubería”.

O parágrafo anterior está extraído literalmente do proxecto de Acuaes, no que non se descarta recorrer ao emprego de material explosivo para abrir a zanxa na que se instale a tubaría. Esta Asociación rexeita o (ab)uso de cargas explosivas nesta zona, que xa con motivo da construcción da Variante causaron cuantiosos desperfectos e fendas nas vivendas próximas.

“Continuando con el trazado del Eje 6: Outeiro da Barcia nos encontramos con el petroglifo de Pinal de Caeiro (GA36026015) cuya zona de protección es ATRAVESADA por el trazado. No se prevé afectación puesto que el trazado transcurrirá por una vía de servicio ya asfaltada. No obstante, cuando se realicen acciones en esta zona SE EXTREMARÁN LAS PRECAUCIONES llevando a cabo las MEDIDAS PROTECTORAS indicadas en el apartado 6 del presente anejo”.

O proxecto de Acuaes inclúe medidas de protección do petróglifo catalogafo de Pinal de Caeiro. Pero tendo en conta que a documentación na que se basea Acuaes para situar o xacemento é a ficha do PXOM, que ten ERROS de localización e de identificación, as alegacións de Defende o Monte Pituco advirten que entre as coordenadas do PXOM e as coordenadas correctas hai unha DIFERENZA de 62 METROS.

A Asociación Monte Pituco tamén lembra que a normativa urbanística -a través das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento publicadas por resolución de 14 de maio de 1991- establece unhas pautas para as áreas de protección dos xacemientos arqueolóxicos. Este documento establece, de maneira xenérica, unha protección de 200 metros en torno ao ben catalogado:

“As áreas de protección para os elementos puntuais (…) estarán constituídas por unha franxa cunha profundidade medida dende o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe de: (…) 50 metros, cando se trate de elementos etnográficos (…) 100 metros, cando se trate de elementos de arquitectura relixiosa (…), civil (…) e arquitectura militar (…) 200 metros, cando se trate de restos arqueolóxicos”.

No caso dos xacementos de Pinal de Caeiro esa área de protección foi salvaxemente agredida nas obras de construcción da Variante, de xeito que a pista de servizo queda a moi poucos metros do gravado prehistórico. Sería INTOLERABLE que se puidera danar este elemento tan singular, coñecido como ‘O ciclista’, nestas obras de canalización da tubaría da rede de abastecemento de auga. Afortunadamente, o propio proxecto xa recolle a existencia deste elemento e a Asociación Monte Pituco estará moi pendente de que se cumpran todas as medidas de precaución. Neste sentido, as alegacións inclúen a petición de que se aproveite esta ocasión para POÑER EN VALOR o xacemento, coa limpeza e sinalización do punto no que se atopa.

Ademais, esta Asociación expresou nesas alegacións a súa DISCREPANCIA sobre o contido do apartado de IMPACTOS POTENCIAIS SOBRE O MEDIO, xa que na relación de espazos protexidos citan a inexistencia de lugares asociados a “Red Natura” e “Habitats protexidos”. Igualmente, Acuaes califica de “inexistente” a localización de “outros espazos protexidos”.

Sen embargo, os técnicos non contemplaron como figura de protección o Espazo Natural dos MONTES DO MORRAZO, clasificado como tal nas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento. A zona do Monte Pornedo afectada polo paso das canalizacións está INTEGRAMENTE nese ámbito xeográfico.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: