Publicado por: MontePituco | 27/10/2014

VERQUIDOS NA BAIXANTE DAS AUGAS

Verquido de restos de obra a carón da Variante.

Localizouse nestes días un novo verquido de restos de obra na baixante das augas pluviais a carón da Variante de Marín, entre os lugares da Pena e do Caeiro. Os refugallos, introducidos en bolsas de plástico, foron guindadas nunha zona agochada, na saída do túnel da Variante que conecta co Monte Pituco.

O perigoso deste verquido é que a zona na que os cascotes foron tirados é unha baixante de augas pluviais e sobrantes dos mananciais naturais que abastecen as vivendas da veciñanza e regan as fincas da contorna. Se en vez de restos de obra -que tamén contaminan- chegan a ser outro tipo de residuos dañinos para a saúde ou perxudiciais para o estado fitosanitario das terras de labradío, ninguén se decataría do risco e os seus efectos seguirían facendo mella indefinidamente.

Diferenza entre a zona desbrozada e a parte sen desbrozar.

O lugar no que se localiza o verquido é na parte máis baixa deste cavorco (vaguada, en castelán), que antano, antes das obras da Variante, era unha marabillosa carballeira que a Comunidade de Montes de San Xulián consentiu destruír para que, na parte superior, se realizara un recheo de terra que sepultou un gravado rupestre pendente de catalogación; un recheo no que tamén se instalou un merendeiro con mesas e bancos de pedra que foron desmantelados porque a súa ubicación foi do máis desafortunada; un recheo que a Comunidade de Montes de San Xulián pretende volver rentabilizar se se confirma a súa intención de permitir que pasen por aí as tubarías da nova rede de abastecemento de auga proxectada por ACUAES.

Por riba, este depósito de terra tivo como consecuencia a proliferación da planta invasora coñecida como cortadeira ou herba da Pampa. Dun tempo a esta parte, a Comunidade de Montes de San Xulián vén gastando moitos cartos no desbroce deste terraplén; a última vez, en xullo. Aínda así, a herba da Pampa segue medrando ao pouco tempo porque en vez de erradicala de raíz e darlle un tratamento para procurar que non se volva reproducir, os operarios unicamente a rozan polo pé.

Curiosamente, os traballos de desbroce contratados pola Comunidade de Montes nunca pasan dun determinado límite que coincide coa parte visible para os condutores que circulan pola Variante e que tamén resulta perceptible na distancia, dende determinadas zonas da parroquia de San Xulián, como Viñas Blancas.

Con motivo do último operativo de desbroce, preguntámoslle ao responsable dos traballos por que non actuaban na parte máis baixa da vaguada, onde a vexetación se acumula dende hai anos: silvas, arbustos, fentos, toxo… A resposta foi que a Comunidade de Montes de San Xulián ordea expresamente non continuar máis abaixo.

En conclusión, se a zona estivera despexada de maleza, as persoas que se dedican a emporcar o monte con lixo non atoparían neste cavorco un lugar ‘idóneo’ para semellantes malfeitos. Non é a primeira vez que DEFENDE O MONTE PITUCO ten que protestar pola presenza de verquidos en espazos sensibles asociados á presenza de cursos de auga, como aconteceu no regato das Presas. Como naquela ocasión, DEFENDE O MONTE PITUCO porá os feitos en coñecemento das autoridades e da propia Comunidade de Montes, esixindo a limpeza da zona.

Diferenza entre a zona desbrozada e a parte sen desbrozar.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: