Publicado por: MontePituco | 15/10/2014

PLENO DE OUTUBRO: EMPEZAMOS POLO FINAL

Para resumir o pleno deste mes de outubro hai que comezar polo final, pola moción sorpresa da Alcaldía “en defensa do porto para evitar as demolicións” que ameazan o recinto polos últimos autos do Tribunal Superior de Xustiza. María Ramallo xustificou esta moción polo posto que ocupa no Consello de Administración da Autoridade Portuaria en representación do Concello de Marín.

Esta medida colleu co pé cambiado ps concelleiros da oposición, que tan só uns minutos antes recibiran unha copia do documento.

– “És un tema demasiado sensible, no son formas, hay que tratarlo de otro modo”, protestou Francisco Veiga.

– “Ten pendente de convocar a xunta de voceiros; a nós xa nos ameazou con que non nos convocaría”, criticou Pilar Blanco.

– “Sorpréndeme que nos entreguen esta moción”, reiterou Isabel Martínez Epifanio, queixándose do xeito “sorpresivo” deta medida e propoñendo “que quede sobre a mesa e se vexa con calma”.

Ante as protestas da oposición, María Ramallo suspendeu o plen para que os concelleiros de cada partido se reuniran entre si primeiro e despois os voceiros dos grupos municipais conxuntamente.

A sesión reanudouse a falta de 5 minutos para as 12 da noite, cando chegaron os concelleiros do Bng e os do Psoe, estes últimos bocexando.

PP e Mar-In votaron a favor da urxencia da moción e Bng e Psoe votaron en contra.

Na exposición da moción, a alcaldesa explicou que a “intención” da moción respondía á “necesidade”do Pleno de pronunciarse “en defensa e apoio do porto para evitar o cumprimento dunha sentenza” que declarou ilegais boa parte dos recheos e decretou a súa demolición: a superficie afectada abrangue, segundo a rexedora municipal, todas as ampliacións realizadas ao abeiro do Plan especial do Porto do 2000, os pantaláns do paseo Alcalde Blanco e mesmo o terreo no que se construíu o edificio da Autoridade Portuaria. María Ramallo apuntou que “existe preocupación entre veciños, empresas e traballadores” do porto e xustificaba a decisión de “esgotar todas as canles xudiciais”.

María Ramallo sinalou que o PP estaba “aberto a outras iniciativas”, incluida a posibilidade de convocar un pleno extraordinario sobre este tema.

A moción incluía os seguintes puntos:

-apoio ao porto, que o Concello de Marín se persoe en todos os procesos xudiciais

-apoio do Pleno contra as demolicións

-secundar a defensa do porto na liña que seguen a Autoridade Portuaria, a Xunta e a Deputación

-transmitirlle o acordo á Autoridade Portuaria

Na súa réplica, Francisco Veiga volveu recalcar a cuestión das “formas” que, segundo dixo, “marcan el éxito o fracaso de muchas solicitudes”. Xa estaba anticipando o voceiro socialista que este documento acabará sendo papel mollado…

Veiga cuestionou o “grado de interés” por parte do Concello neste tema “tan importante” polo tratamento. Mesmo falou de “interés mínimo” da Alcaldía e vencellou a presentación desta moción polas críticas que o ex-correspondente do Faro e actual columnista dese xornal, Julio Santos Pena, verqueu na súa sección de opinión.

O voceiro do Psoe tamén lembrou que “hace dos meses” o seu partido solicitara unha xunta de voceiros “y aún estamos esperando”, engadiu. “Se dudaba de nuestro compromiso”, queixouse Veiga, reafirmando que “en el Psoe defendemos los intereses y la supervivencia de puerto y los puestos de trabajo”.

E comparou a xestión do PXOM con esta crise sobre a ameaza da piqueta sobre os recheos: “Con el PXOM el éxito ante todos los organismos fue que aparecimos como un ente único; ahora van por libre”. Veiga, para non variar, arrimando a ascua á súa sardiña, cando é súa a responsabilidade de encamiñar a aprobación dun planeamento inxusto, plagado de erros, e feito baixo a presión do Plan de Ordenación do Litoral e da reforma da Ley de Costas. Como para meter un zapato na boca e deixarse de presumir do que non é motivo de orgullo, precisamente.

Veiga rematou facendo populismo e sentimentalismo impostado: “Esto excede lo cotidiano, está por encima de personas e ideologías, está en la raíz de nuestro municipio, hay que sentarse y tener toda la información”. Como se non soubera de que vai a cousa…

Pilar Blanco tomou o relevo insistindo en pedir a convocatoria dunha xunta de voceiros e criticando que a alcaldesa “non tivo a deferencia de presentarnos a moción antes do Pleno”.

…Por algo sería, porque xa está afeita Ramallo a que certos concelleiros da oposición lle busquen as voltas. É o deporte local.

A voceira do Bng anunciou o voto a favor do seu grupo “fiándonos de vostede”. Santa Pilar Blanco, dixit. E pediulle ao PP “que actúen igual coas mocións do Bng que non se tratan”.

Blanco tamén se apuntou á defensa numantina do porto, que “importa a todos” e rexeitou que o PP “e os seus satélites poñen en tela de xuízo o apoio ao porto cando alguén cuestiona os trámites” que se realizaron dende a Autoridade Portuaria, en alusión ao periodo no que María Ramallo foi a súa presidenta.

Pilar Blanco pediu “responsabilidades políticas” pola “mala tramitación” dos Plans Especiais do Porto que foron anulados nos tribunais, dando por feito que hai “responsables claros”, aos que pediu “que paguen” pola súa xestión.

E para rematar, pediu que se engada ao texto da moción da Alcaldía “o apoio aos traballadores do porto”.

Isabel Martínez Epifanio sumouse ás críticas “polas formas” e anticipou o seu voto a favor.

Quixo rematar María Ramallo o turno de palabra destacando “o positivo” do apoio de todos os grupos e afirmando que “se calquera partido presentara unha moción urxente sobre este tema, trataríase”. Tururú, tururú…

A alcaldesa tamén aclarou que nas últimas xuntas de voceiros falárase das sentenzas e da situación do porto, intentando quitarlle ferro ás queixas da oposición.

Pero Muradas, que non dixera nada en todo o Pleno, tiña que poñer a súa nota discordante… “Hable del problema del nombre del puerto”, espetoulle o concelleiro socialista. Cousa que non viña a conto, pero con algún argumento tiña que facerse notar. O seguinte foi totalmente prescindible, por non dicir ridículo: “Si no presentamos una moción fue por no hacer oportunismo”. Estamos no pleno da Corporación ou non programa de humor barato?

“Que hay un run-run que dice que la Corporación está parada, a ver si me la van a colar…” Muradas volvía facer alusión a Santos Pena e falaba ‘por boca’ da alcaldesa, á que lle reprochou que a moción presentada era tan urxente que tiña faltas gramaticais. En fin, infantilismo.

Cargando máis as tintas e escenificando coa voz e cos seus xestos típicos, Muradas proclamou que no Psoe foran “leais” ao Goberno local e que desprezou a moción da Alcaldía: “Esto es patético, de principiante!”.

A cuña de Muradas aproveitouna Pilar Blanco para volver tomar a palabra improvisadamente. “Recoñeza que isto non son formas, tería a mesma trascendencia chamándonos e facéndoa ben”. A nariz da voceira do Bloque parecía crecer e crecer por momentos, ante semellante arranque de ‘sinceridade’. Pasamos do programa de humor á obra de teatro…

“Se sae o acordo”, engadiu Pilar Blanco, “teña en conta que é un acordo da Corporación”, continuou, para expresar a continuación a súa preocupación porque a Alcaldía se poña “medallas” con esta moción.

…Aí está a nai do año, o cerne do debate, a razón dun ha pelexa que xa ocupaba 20 longos minutos e que se reducía a iso: a gloria, o protagonismo, os titulares da prensa. O patético non é moción, nin as formas; o patético é a falta de categoría política destes representantes municipais. Poden irse preparando os empresarios e os traballadores, que van aviados con semellante ‘defensa’ dos seus intereses. Máis lles valía non contar co Pleno nin cos grupos municipais, incapaces de poñerse de acordo no contido de dous folios, mellor ou peor escritos.

Quedaba aínda por escoitar a resposta de María Ramallo a Muradas. As pelexas entre ambos son o sal destas tediosas sesións, por máis que a imaxe que ofrecen é impropia de dous políticos da súa experiencia. Ás parvadas de Muradas é mellor non contestar e a alcaldesa ponse ao seu nivel cada vez que se exhibe en explicacións e reaccións máis ou menos pintorescas para dar imaxe de solvencia ante os ataques dun veterano -ou momia- coma el.

“Lecciones de las suyas ya vivimos varias y usted está más guapo callado. Calificativos a mí! de líder”, exclamou María Ramallo contra os “chascarrillos” de Muradas. “Se han tratado temas de urgencia complicados y por una vez les pedimos un esfuerzo. No tiene detrás nada más”, concluíu a alcaldesa, intentando despexar dúbidas sobre os receos da oposición contra a moción presentada.

Finalmente, todos votaron a favor. Eran preto das 12 e media da noite. Para isto si que se sobrepasa a hora límite de duración dos plenos… Que crus!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: