Publicado por: MontePituco | 13/08/2014

PRÓXIMA EXCAVACIÓN NO MONTE DAS CROAS, EN SALCEDO

O concelleiro Luis Bará, técnicos da excavación e representantes da Comunidade de Montes de Salcedo.

De esquerda a dereita, o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos; Ramón Laxe, da Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta; o arqueólogo Eduardo Méndez, do Instituto de Estudos Miñoranos; o concelleiro de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra, Luís Bará; o arqueólogo Israel Picón, da empresa A Citania; o antropólogo Rafael Quintía e o arqueólogo Lukas Santiago.

A parroquia veciña de Salcedo está de noraboa. O Concello de Pontevedra acaba de ordear para o 20 de agosto o comezo da excavación arqueolóxica do Castro das Croas; un proxecto dirixido polo arqueólogo Eduardo Méndez, do Instituto de Estudos Miñoranos e realizado pola empresa pontevedresa A Citania.

O obxectivo desta actuación, que terá un custe de 28.000 euros financiados ao 40% por fondos europeos Leader, é coñecer este asentamento castrexo datado a principios da Idade do Ferro. Un castro “singular” e con “interés”, tal e como afirmou o director desta prospección, que permitirá descubrir a muralla do castro e tamén unha estrutura que podería ser “circular ou alongada”, segundo os primeiros indicios, para averiguar se efectivamente tivo carácter “habitacional”, é dicir, se foi unha vivenda.

No Castro das Croas xa se realizaran algunhas excavacións a principios dos anos 90, lideradas polo arqueólogo Antonio de la Peña. Con el contarán no comité de asesores, que se completará co tamén arqueólogo Víctor Barbi, da delegación da Xunta en Pontevedra, e co ex-director da Escola de Restauración de Pontevedra, Fernando Carrera no apartado de conservación. Ademáis, farán a súa achega os técnicos do Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico, pertencente á Universidade de Santiago, que analizará polo método do carbono-14 os restos vexetais que se atopen asociados a estas construccións. Tamén van colaborar o antropólogo Rafael Quintía, na parte relacionada co patrimonio inmaterial e coas lendas recollidas na parroquia; e o arqueólogo e realizador Lukas Santiago, que gravará en video un diario dos traballos que se van realizar de aquí a mediados de setembro, cando prevén rematar a primeira fase desta actuación.

Un aspecto no que incidiu o concelleiro Luís Bará foi na intención, por parte do Concello de Pontevedra, de procurar o “apoio” e a “implicación activa” da veciñanza para “transformar” a súa visión sobre o patrimonio e convertelo nun factor de “orgullo e identidade colectiva”, nun motor de dinamización “social e económica”.

Para iso, no tempo que duren os traballos de excavación, organizaranse visitas, accións de voluntariado e, á volta do verán, actividades escolares.

Do que se trata, en definitiva, é de recuperar e poñer en valor un valioso patrimonio situado no que Luís Bará calificou como a “milla de ouro” do patrimonio rural pontevedrés, tendo en conta que nun espazo “reducido” aglutínanse un conxunto de bens e elementos destacados: o val de Tomeza con toda a súa riqueza natural, o trazado da Vía Romana XIX, petroglifos catalogados, a finca do antigo Pazo de Gandarón onde se aloxa a Misión Biolóxica de Galicia, os muíños do Batán…

O Castro das Croas é un elemento máis que se vai promocionar grazas á iniciativa do Concello de Pontevedra coa colaboración de dúas entidades: a Asociación Heroes do Campo da Porta e a Comunidade de Montes de Salcedo. Unha parroquia que o edil de Patrimonio situou á vangarda das demais en materia de compromiso coa protección do patrimonio, da cultura e da defensa do territorio.

A Comunidade de Montes de Salcedo cedeulle “desinteresadamente” ao Concello de Pontevedra a parcela –de unha hectárena de extensión– na que se localiza o Castro. O seu presidente, Fernando Pintos, explicou que trala sinatura do convenio co Ministerio de Defensa para a cesión á Brilat dos terreos que ocupaba a base militar e que xa foron recoñecidos legalmente como de titularidade veciñal, o obxectivo desta entidade é “seguir poñendo en valor a parroquia”.

Non foron poucas as veces nas que Pintos afirmou publicamente que os 128.300 euros que percibiría anualmente a Comunidade de Montes destinaríanse á mellora do seu territorio: repoboación con especies autóctonas, eliminación de especies invasoras, e tamén posta en valor do patrimonio para converter o monte nun espazo de lecer para toda a cidadanía pontevedresa.

No castro das Croas.

DEFENDE O MONTE PITUCO coñece ben o traballo da Comunidade de Montes de Salcedo e o Castro das Croas, que forma parte do itinerario de diversos roteiros –todos cunha satisfactoria demanda social– organizados pola directiva dos comuneiros para visibilizar ante a veciñanza as accións que veñen realizando nos últimos anos.

Un coñecido político dixo esta semana que as Administracións “fan o que deben” e que “chegan a onde chegan”. Viña facer un eloxio –máis ou menos, atinado; máis ou menos interesado– da iniciativa propia das persoas e dos colectivos que conforman a sociedade.

Indepentendemente das ideoloxías, que no caso dese político e desta Comunidade son moi distantes, o que fixo a directiva dos comuneiros de Salcedo foi tomar as rendas, dar pasos firmes e inequívocos a prol da defensa do monte veciñal e do seu patrimonio histórico. Atoparon un concelleiro receptivo, atento a propostas interesantes e colaborador, que lle deu continuidade a un labor no que ámbalas partes están en boa sintonía.

…Ogallá esa confluencia de intereses abundase tamén en Marín. Se Salcedo é a “milla de ouro” do patrimonio pontevedrés, San Xulián é tamén a parroquia marinense con maior densidade de elementos arqueolóxicos catalogados. Sen embargo, a Comunidade de Montes de San Xulián non parece estar xestionando o territorio con criterios de sostibilidade e ata o momento non deu ningunha mostra de apostar polas especies forestais autóctonas; tamén está demostrando non darlle ao patrimonio o valor contrastado que ten como motor cultural, turístico e económico.

Por contra, o monte vense considerando como unha máquina de facer cartos: masas continuas de eucaliptos inundan as parcelas. As infraestruturas son unha fonte de ingresos golosa e perigosa que foron mermando a extensión do monte veciñal: a liña de alta tensión, a variante de Marín, o campo de manobras militares da Brilat como próximo bocado e, no futuro, dúas ameazas máis: a tubaría da nova rede de abastecemento de Acuaes e un devastador polígono industrial que arrasará cun importante volume de hectáreas incluidas no Espazo Natural dos Montes do Morrazo.

Algo tan normal e razoable en Salcedo como a protección e a promoción do patrimonio, en San Xulián é pura ciencia ficción.

Ogallá viren as tornas na parroquia marinense, porque elementos e argumentos non faltan: conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro, Champás, Carrasca… mámoas de Sete Camiños e de Catadoiro na confluencia coa parroquia veciña de Lourizán, antigas canteiras, mananciais, miradoiros naturais… Canta riqueza descoñecida, desprotexida e desaproveitada.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: