Publicado por: MontePituco | 09/07/2014

LAGOA DE CASTIÑEIRAS: A ‘FOTO’

Foto da Delegación territorial da Xunta en Pontevedra.

Hoxe escenificouse a carón da Lagoa de Castiñeiras o inicio duns traballos de desbroce e de posta a punto desta contorna, logo das críticas que veñen acumulando as Administracións responsables do seu mantemento polas deficiencias máis que evidentes e a deixadez manifesta na que se atopan estas instalacións de lecer ao aire libre.

Segundo a nota informativa difundida pola delegación da Xunta en Pontevedra e compartida tamén polo Concello de Marín, estas tarefas terán continuidade nos arredores da área recreativa.

Farían ben as partes implicadas en deseñar un plan integral de recuperación da Lagoa de Castiñeiras e das súas vías de acceso a través das rutas de sendeirismo existentes, como a que -procedente do Carballal- segue o curso do Lameira; un itinerario que comprobamos recentemente que está nunhas condicións lamentables e que supoñen un perigo para calquera excursionista.

En DEFENDE O MONTE PITUCO vimos reiterando a existencia do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que no seu deseño contempla dous ramais de conexión con Castiñeiras.

Espazo Sete Camiños: conexión con Castiñeiras.

Mámoa de Cavada do Pito.

Mámoa de Cavada do Pito

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca

Silla e petroglifos de Champás.

Petroglifos e “silla” de Champás

…Que mellor oportunidade para poder enlazar ambas zonas, habilitando unha sinalización básica -e por un custe moi asequible- que guíe os visitantes polos principais recursos arqueolóxicos e paisaxísticos que se atopan na zona intermedia entre Sete Camiños e Castiñeiras: mámoa de Cavada do Pito, conxunto rupestre da Carrasca e petroglifos de Champás.

 

Dende a Administración autonómica presentaron a visita a Castiñeiras nos seguintes termos:

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o lago Castiñeiras en compaña da alcaldesa de Marín, María Ramallo, así como do alcalde de Vilaboa, Luis Poceiro, para comprobar o inicio das labores de roza e limpeza deste entorno.

O responsable da Delegación Territorial estivo tamén acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como por técnicos do Servizo de Conservación da Natureza.

Segundo apuntan os técnicos da administración autonómica, o acordo ao que se chegou o pasado luns durante unha visita a este lago xunto ás catro comunidades de montes que comparten terreos nel, permitiu que onte comezaran os traballos de roza e limpeza que se iniciaron na zona norte do parque, en San Xulián.

A limpeza continuará nas parcelas arredor da área recreativa, aínda que se acordou tamén manter no seu estado actual algunhas zonas con matogueira e regatos, xa que se trata dun espazo natural que ten que ser compatible co uso público. Deste xeito, os cavorcos e os regatos son zona de ecosistema dos anfibios e as matogueiras refuxio e alimento de aves.

Tamén se acordou limpar e recuperar o sendeiro de mámoas ata Chan de Armada, “o que requirirá primeiro un análise por parte de Patrimonio”, explicou Cores Tourís, quen deixou claro que a Xunta realizará tamén un estudo sobre o custo que terá a recolocación de novos carteis informativos na zona recreativa.

Ademais, se concentrarán os contedores de lixo en dúas zonas: no acceso ao lago e na área recreativa. Sinalizaranse correctamente as zonas de aparcamento e se retirarán os valados que se atopan podres, “e que soen ser os que quedan en puntos máis escuros”, engadiu o delegado territorial, quen engadiu que de cara ao outono, traballarase con Augas de Galicia para a limpeza do vaso do lago, así como para erradicar do mesmo as especies foráneas invasoras que agora se atopan nel”.

Entre as medidas que tamén se van tomar se atopa a limpeza da aula da natureza e do parque biolóxico, “xa que aínda que non se están a levar a cabo actividades nestes puntos, sabemos que algúns colexios estarían interesados en solicitar visitas a estes lugares”.

Tal e como matizou Cores Tourís, unha das demandas das comunidades de montes será trasladada á Deputación provincial, xa que “é competencia dela a estrada de acceso”. Neste caso, os comuneiros solicitaron que se sinalice a estrada a 30 quilómetros por hora.

Os alcaldes agradeceron o interese do delegado territorial por poñer en marcha tarefas de mellora no entorno do Lago Castiñeiras, e engadiron a súa demanda de poñer en marcha un plan estratéxico que permita financiar o mantemento e a posta en valor de este entorno “ao longo do tempo”, tal e como matizou María Ramallo.

“Trátase dun entorno con gran potencial que pode converterse nun referente e reclamo turístico, pero para iso temos que conseguir que non se deteriore, cuestión na que nos temos que implicar todos: concellos, Xunta e comuneiros”, engadiu a alcaldesa de Marín.

Da mesma opinión foi o rexedor de Vilaboa quen matizou que “trátase dunha importante aposta polo futuro deste entorno. Os nosos concellos terán a man tendida para traballar, tanto por conseguir que esta zona obteña algún grado de protección como para a súa dinamización”.

Ogallá non quede só nunha foto…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: