Entre esta imaxe…
…E esta outra
…Sucederon varias cousas:
-un pouco de tempo
-e unha fada madriña que se chama Manu Franco
Entre mentres tamén houbo:
-incertidume
-e preocupación
Paga a pena recordar en poucas liñas a historia desta vella cadeliña, que a finais de abril foi abandonada na Variante de Marín, de onde foi recollida por unha patrulla da Policía Local, que a enviou ao Centro de acollida de animais abandonados de Armenteira (Meis), dependente da Deputación Provincial. Alí pasou 20 días á “espera” dun propietario/a que nunca a reclamou e posteriormente foi posta en adopción a través dun anuncio na web do CAAN, onde se identificaba co nome de Olgama.
A difusión do seu caso a través deste blogue e, sobre todo, a través de Facebook, fixo posible que Manu Franco, nun acto de xenerosidade exemplar, se interesara por ela e a levase ao seu fogar en Poio, onde xa convive con outros cans: Menta, Tin, Rula, Kira e Mora. Olgama era “re-bautizada” como Xesta.
Destaca de Manu Franco a súa enorme sensibilidade polo benestar dos animais, a súa colaboración mediante as redes sociais na difusión de numerosos casos de abandono de cans e gatos. Conmove a súa dedicación ao coidado dos animais que acolle, o seu perfecto coñecemento da “personalidade” de cada un. E non hai palabras abondo para eloxiar por que, con cinco animais ao seu cargo, deu o paso de incorporar un máis á súa familia.
Non era un caso nada doado: unha cadela de avanzada idade, 14 anos moi mal levados por falta de coidados. Un soplo no corazón, unha hernia na ingle, problemas de tripa e unha tos persistente son algúns dos seus achaques. Pero as visitas ao veterinario, os tratamentos, a alimentación regular e sobre todo, o agarimo e a convivencia con outros animais cambiáronlle a vida a Xesta.
Despois de tantas fatigas e do perigo dunha morte máis que segura na cuneta dunha estrada, a hospitalidade da súa benfeitora permitirá que pase tranquila os anos que lle queden, que ogallá sexan moitos. GRAZAS!!!
Esta historia con final feliz vén a conto de que outros casos de animais abandonados rematan moito peor.
Tani non chegou a ter outra oportunidade. Cando os axentes do Seprona a atoparon agochada debaixo dun coche nunha casa de Salcedo, a súa situación era tan precaria -desnutrición, deshidratación, conxuntivite, anemia, debilidade e dermatite causada polos parásitos que a invadían- que, ao cabo de 15 días, e malia os constantes coidados que recibiu no refuxio da Protectora Os Palleiros, faleceu. O seu dono xa está imputado pola morte doutro can que aínda estaba preso cunha cadea cando se atopou o seu cadáver.
Este venres ás 20:30h está convocada unha concentración na Praza de España en Pontevedra en homenaxe a Tani, coa lectura dun manifesto. Porque nada xustifica o maltrato e o abandono dun animal. Porque cómpre endurecer as sancións contra as persoas desalmadas que actúan dun xeito tan cruel e mesquiño, abusando de seres vivos máis débiles, que son privados dos seus dereitos.
Porque houbo e hai moitas Tanis.
Para que haxa máis Xestas afortunadas.
Para máis información, consultar anteriores artigos:
–Cadela abandonada na Variante (28 de abril de 2014)
–Buscando un fogar para Olgama, abandonada na Variante (20 de maio de 2014)
[…] o temor a que o seu caso tivera un drástico e precipitado final, foron o acicate para que se interesara tanto na súa adopción, para que agardara con ansia o cumprimento dos prazos estipulados na canceira para por fin sacala […]
By: ATA SEMPRE, XESTIÑA LINDA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 02/03/2016
at 22:54