Publicado por: MontePituco | 30/04/2014

APROBADO O PLAN SECTORIAL DE ÁREAS EMPRESARIAIS

O proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra reflectido no Plan Sectorial de Ordenación de Zonas Empresariais.

[Área loxística Marín-Pontevedra, incluida no estudo preliminar do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que arrasa con boa parte do Monte Pituco, na parte superior da pista forestal, que afecta a xacementos arqueolóxicos catalogados e a nacementos de auga, sen perder de vista o enorme impacto visual e a forte pendente do terreo]

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. O Goberno galego non publicou aínda na súa web o mapa de polígonos e áreas loxísticas incluidas definitivamente nese proxecto. No estudo preliminar, a área loxística Marín-Pontevedra, que afecta de cheo ao Monte Pituco, contaba cunha baixa puntuación e advertía da súa difícil viabilidade económica.

Fonte, web da Xunta:

A Xunta aproba o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais, que planifica 117 actuacións que poderán desenvolverse nos vindeiros anos en 95 concellos en función da demanda real

Santiago, 30 de abril de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais 2014-2024, que planifica 117 actuacións que poderán desenvolverse en 95 concellos en función da demanda real. “Trátase, en definitiva, do primeiro documento -xa co visto e prace de todos os informes– de planificación de solo industrial para os próximos dez anos na comunidade autónoma”, aseverou.
O titular do Goberno galego lembrou que ordenar o solo empresarial é un obxectivo prioritario, e para logralo a Xunta traballa nun dobre sentido: facendo unha estimación das necesidades de solo industrial no futuro, para cuantificar e localizar o solo empresarial que se pode desenvolver nos próximos anos; e, en segundo lugar, dotándose dos documentos de ordenación territorial, as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral, sobre os que se articulou este Plan de Solo Empresarial e que, por tanto, lle dan sentido.
“Con este dobre instrumento –explicou- deseñamos o plan. Sabiamos que tiñamos que volver contar cunha ferramenta de análise global e o estamos a facer. Fronte á falla de previsión que tivemos en anteriores anos é necesario unha planificación que permita dar estabilidade a todos os que queiran investir en Galicia”.
No tocante á metodoloxía empregada, Feijóo asegurou que o plan de ordenación está apoiado nunha exhaustiva análise que abrangue o estudo da situación actual e das vendas de solo empresarial realizadas entre 2000 e 2008, así como a realización de enquisas e entrevistas a empresas galegas, órganos administrativos, axentes sociais e económicos. E se completou cun estudo do mercado coa utilización dun modelo estatístico que realizou unha proxección das necesidades de solo empresarial cara ao futuro.
Segundo o responsable do Goberno autonómico, o resultado desta análise é unha estimación de que máis do 18% das empresas que actualmente están traballando en Galicia necesitarán solo empresarial na próxima década. “Con todos estes obxectivos e tendo en conta que hoxe aínda temos 2,8 millóns de metros cadrados en oferta de solo empresarial, en 50 polígonos; planificamos de forma pensada e programada para o período da próxima década, 2014-2024, con 117 actuacións en 95 concellos, e cunha estimación de 46 millóns de metros cadrados”.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que, ademais da súa importancia desde o punto de vista cuantitativo, a novidade máis relevante desta iniciativa prodúcese desde o punto de vista cualitativo. E, neste sentido, subliñou que se trata dun plan solidamente construído para cubrir os déficits de solo empresarial e reducir os desequilibrios intercomarcais detectados.
Deste xeito, avanzou que a cobertura de déficits de solo industrial realizarase pola seguinte orde: na propia comarca deficitaria mediante as actuacións en tramitación e en estudo previstas no Plan 2009-2015 ou actuacións de outros promotores; os déficits non cubertos neste primeiro paso cóbrense nas comarcas adxacentes que presentan superávit; e os déficits non cubertos nos apartados precedentes cóbrense mediante a delimitación de novo solo.
En segundo lugar, o plan condiciona cada nova actuación a que exista unha demanda real existente e constatable, de tal forma que, a través do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial, poderase constatar e acreditar a demanda real de solo empresarial existente en Galicia e, en consecuencia, priorizar as actuacións que se leven a cabo.
“En definitiva, aprobamos un plan para que todos aqueles que desexen investir en Galicia o poidan facer”, incidiu o presidente da Xunta, ao que engadiu que se trata “dunha canle permanente no que todas as empresas poden expoñer as súas necesidades; e a Administración terá unha guía que lle permitirá actuar con planificación na próxima década”.

“Demanda real”? Mellor dito, espada de Damocles!

Con todos os “informes” favorables? A Xunta non contestou ren ás alegacións presentadas por Defende o Monte Pituco contra o proxecto de área loxística Marín-Pontevedra!

“Planificación”? “Estabilidade” aos inversores? Semella que o que se pretende é dar barra libre e carta branca á especulación en vez de ubicar os proxectos empresariais que poidan xurdir nos millóns de metros cadrados de solo industrial baleiro que hai espallados por toda Galicia.

Recoñecen a existencia de case 3 millóns de metros cadrados dispoñibles en 50 polígonos industriais… E a Xunta pretende ofertar 46 millóns máis de metros cadrados repartidos en 117 polígonos ciscados en 95 concellos!

Cubrir “deficits”? Que eivas vai haber se non dan cuberto a inmensa oferta existente na actualidade, e a pesar dos incentivos económicos que implementaron…

“Desequilibrios intercomarcais”? Así é como van xustificar a filosofía dun polígono en cada barrio?

…Tocará seguir lidiando contra este Plan que vai ARRASAR co territorio.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: