Publicado por: MontePituco | 01/04/2014

O NOVO TRAZADO DE ACUAES: ALEGAREMOS!

Novo trazado de ACUAES, en amarelo.

Este é un fragmento do plano exposto o ano pasado na Subdelegación do Goberno. En vermello, azul e laranza, o antigo trazado. Agora, en amarelo, o novo itinerario das tubarías de Acuaes: cruza parte do Monte Pituco, afecta a unha traída veciñal e aos petroglifos catalogados de Pinal de Caeiro.

Descontentos e decepcionados trala presentación, na Casa de Montes de San Xulián, do novo trazado da rede de abastecemento de auga deseñado por Acuaes. Ademais da alcaldesa María Ramallo, asistiron ao encontro coa veciñanza os concelleiros Manuel Suárez Costa, Marián Santmartín e Benito Suárez. Por parte de Acuaes participaron a directora Isabel Pérez, o técnico César Prieto que explicou os cambios, e Felipe Berciano que será o representante de Acuaes para este proxecto.

A sorpresa foi maiúscula cando se amosou na pantalla a parte inicial do trazado e comprobamos que, en vez de conducir a tubaría pola estrada provincial, seguir pola curva a carón das conexións coa Variante e continuar logo pola Pena para rematar subindo pola vía de servizo paralela á Variante, como se dera a entender o pasado verán na visita anterior dos técnicos, a solución pola que optan agora consiste en meter a tubaría -procedente de Lourizán- directamente na pista forestal do Monte Pituco onda o cruce do Regueiriño, seguir polo sendeiro de terra que atravesa o recheo situado a carón da Variante e da antiga área recreativa, soterrar a tubaría baixo o túnel da Variante, e ascender pola vía de servizo paralela á Variante, na marxe situada a carón das vivendas do Caeiro.

En abril de 2013 DEFENDE O PITUCO presentara alegacións para que fora retirado do trazado inicial unha canalización que subía cara ao monte á altura da arboreda, na estrada de Figueirido. O concelleiro de Rural que coordinaba con Acuaes a elaboración do proxecto recoñeceu que aquela “T” tiña a intencion de dar lugar a un colector que puidera subministrar no futuro o polígono industrial proxectado nesa zona. A resposta de Acuaes foi que aceptaría esa alegación e non se levaría a cabo esa canalización.

Non é de recibo, sete meses despois da visita dos técnicos de Acuaes, que non só NON se adapten ao bosquexo facilitado por aquelas datas, nin sexan consecuentes coa alegación deste colectivo que tiña por obxectivo alonxar as máquinas do Pituco, senón que pretendan chuzar as tubarías directamente polo monte.

Semella unha agresión gratuita, un exercicio de revancha por parte de Acuaes, co consentimento do Concello de Marín que foi partícipe da evolución do trazado en sucesivas reunións técnicas, e co apoio entusiasta da Comunidade de Montes de San Xulián que tamén colaborou no proceso e que unha vez máis volverá lucrarse con esta outra infraestrutura ao cobrar pola ocupación temporal dos terreos, convertendo o monte nunha auténtica máquina de facer cartos por calquera cousa menos pola xestión dos recursos forestais.

Cando lle preguntamos ao técnico de Acuaes por que non se mantiña o trazado inicial que ocupaba a estrada de titularidade provincial, este respostou que non tiñan permiso de Estradas e empezou a mesturar cifras de cotas e desniveis insalvables dende o punto de vista técnico… Unha explicación de dubidosa verosimilitude tendo en conta que nos planos que se expuxeron ao público o ano pasado na Subdelegación, o trazado oficial das tubarías chegaba ata a curva da Pena e, para iso, Acuaes tiña que contar xa daquela co visto e prace de Estradas.

Tampouco foi nada convincente cando tratou de xustificar por que no plano seguía marcado en vermello o trazado da canalización que fora motivo de alegación: “Iso é vello!”. Daquela por que non se suprime esa marca, un ano despois do recurso que en teoría fora tido en conta favorablemente?

Na súa intervención, a directora de Acuaes afirmou que un proxecto destas características tiña que ir “da man dos veciños” e que as obras “impostas” estaban condeadas a “fracasar”. Sería de agradecer que non tivera pronunciado esas palabras en balde, con afán retórico ou meramente diplomático, porque DEFENDE O MONTE PITUCO manifesta dende este mesmo momento a súa intención de alegar en contra da ocupación do Monte Pituco para levar a cabo esta actuación. Este colectivo veciñal -que non vai estar só nesta reivindicación e contará co apoio doutras entidades que tamén están a prol da conservación do monte- vai insistir na alternativa de conducir as tubarías pola estrada provincial, tal e como estaba proxectado no primeiro trazado e como os propios técnicos de Acuaes apuntaron o pasado verán na proposta preliminar á actual.

Segundo explicou Isabel Pérez, aínda falta un mes para que finalice a redacción do proxecto, que estará rematado neste mes de abril. A intención de Acuaes é licitalo a finais de 2014 para que as obras comecen en xaneiro de 2015 e rematen nese mesmo ano, a tempo para garantir a dotación dos fondos europeos. Non agardaremos a que comece o periodo de exposición pública e de alegacións. O representante de Acuaes pediu unha marxe de dúas semanas, nun xesto que ten toda a pinta de estar pensado para deixar correr o tempo.

Outro aspecto salientable da presentación foi a ubicación do novo depósito que se proxectara inicialmente en Cadrelo e que, coa colaboración -unha vez máis- da Comunidade de Montes de San Xulián, vaise reubicar cerca da Pardavila. A preguntas dunha representante da Asociación de Veciños da Pardavila, o técnico de Acuaes sinalou que a distancia entre ese depósito e a vivenda máis próxima será só de 45 metros.

Máis sorprendente foi cando se cuestionou o impacto paisaxístico dese depósito que se pretendía construir na Pardavila, se houbera algún estudo para avaliar a afección a nivel visual, se na redacción do proxecto se tivera en conta a incidencia medioambiental desa infraestrutura.

Todos eses argumentos son só algúns dos que DEFENDE O MONTE PITUCO vén manexando dende hai tempo para rexeitar a instalación do polígono industrial nunha zona dunha elevada intervisibilidade ou fraxilidade visual, o impacto irreversible dos taludes a nivel paisaxístico, o dano medioambiental a unha área clasificada como Espazo Natural no marco das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento, así como a especies de flora e fauna autóctona, algunha catalogadas como vulnerables… E por expresarnos neses termos -non á lixeira, senón con datos contrastados- os partidarios do polígono emprenderon unha feroz campaña de desprestixio contra este colectivo. Arrieiros somos e no camiño atoparémonos, que di o refrán.

Ademais de adoptar as medidas oportunas para que as tubarías non acaben cruzando o Monte Pituco, os veciños do Caeiro van ter que seguir moi de preto a execución do proxecto porque na zona do túnel da Variante as canalizacións da rede de abastecemento de Acuaes van cruzarse cos tubos que conducen a auga ás vivendas procedente do depósito situado no Monte Pituco, que á súa vez veñen dun manancial natural existente pola zona. Os técnicos de Acuaes comprometéronse a ter en conta a ubicación deses tubos para evitar desperfectos na traída veciñal.

Tamén houbo que insistir unha vez máis na localización dos petroglifos catalogados de Pinal de Caeiro. De pouco serviu o intercambio de correos electrónicos co técnico que redactou o proxecto, ao que se lle enviou a ficha de Patrimonio da Xunta con toda a información sobre este gravado rupestre. De nada valeu o escrito enviado ao Concello de Marín advertindo que a ubicación deste xacemento estaba mal sinalizado no PXOM, cunha diferencia de máis de 60 metros con respecto da súa situación real.

Os técnicos de Acuaes afirmaron que se contrataría unha asistencia arqueolóxica para evitar danos aos elementos singulares da zona, coma estes petroglifos. En realidade, o que se evidencia así é que non existe un estudo previo de impacto arqueolóxico, como tampouco debe haber un estudo preliminar de impacto medioambiental.

Esa é precisamente unha das principais queixas dos veciños da Comunidade de Montes de Lourizán, que están que trinan porque denuncian defectos de forma na elaboración do proxecto e rexeitan a ocupación do seu monte veciñal.

O día e a noite: en Lourizán a Comunidade Montes demanda que as tubarías da rede de abastecemento de auga se instalen pola pista paralela á Variante para evitar a afección ao monte, por moi temporal que sexa e por moita reposición de servizos e viais que se faga; pola contra, na Comunidade de (des)Montes de San Xulián o que prima é, precisamente, o desmantelamento do monte, que as excavadoras campen ás súas anchas e, de paso, que a conta corrente siga sumando euros: a liña de alta tensión, a Variante, o campo de manobras da Brilat, Acuaes… o polígono?

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: