Publicado por: MontePituco | 27/02/2014

O MONTE COMUNAL, NO MUSEO MARCO DE VIGO

Actividade no Museo MARCO de Vigo arredor das comunidades de montes.

O sábado 1 de marzo o colectivo O Monte É Noso organiza un encontro coas comunidades de montes participantes na instalación artística Xeografías do mancomún, que forma parte da exposición Veraneantes, situada na planta baixa do Museo de Arte Contemporánea de Vigo. O obxectivo desta iniciativa é achegar as comunidades a esta mostra, acadando un espacio de comunicación e intercambio mutuo.

A continuación, a presentación da sesión na web de O Monte É Noso:

Di Arturo Escobar que ‘o coñecemento local é un modo de conciencia baseado no lugar, unha maneira lugar-específica de outorgarlle sentido ao mundo’ (2000, 125, Escobar). Nesta liña un dos obxectivos prioritarios é achegarnos, documentar esta realidades, visibilizalas e poñer en relación estes coñecementos con outras manifestacións dos comúns. Apostamos pola creación de narrativas dispersas que rachen os discursos homoxeneizantes que obvian ás comunidades.

Buscamos abrir os comúns a debate, na contra daquelas tendencias que procuran un novo enclosure dos mesmos, facilitando desta maneira eses ‘outros modos de subxectivación’ (Guattari, 60). Di Guattari que a ‘tentativa de control social, a través da produción de subxectividade a escala planetaria, choca con factores e procesos de resistencia considerables, unha revolución molecular’. Cremos fundamental a conexión destas microrresistencias e a activación de redes de apoio entre elas, así coma a creación de espazos de enunciación colectiva que dan conta delas.

11h a 12h. MARCO, Planta Baixa. Encontro e presentación da instalación ‘Xeografías do Mancomún’, que forma parte da exposición ‘Veraneantes’.

12 a 12:30 Salón de Actos. Presentación do libro ‘Montes Vacas e Procomún’ polo seu coordinador Fran Quiroga.

12:30 a 13:45 Presentación das Comunidades de Montes participantes a cargo dxs seus comuneirxs e coloquio.

13:45 MARCO, Planta Baixa. Visita libre á exposición ‘Veraneantes’.

14:30 Saída a Valadares, á Casa de Montes.

15:00 Xantar Popular na Casa de Montes de Valadares

16:15 Roteiro polo Monte Comunal de Valadares

18:30 a 21 Alg-a Lab, Valadares. Encontro e foliada.

Fragmento dunha entrevista do xornalista Marcos Pérez Pena, de Praza Pública, aos representantes de O Monte É Noso:

89fba-praza_pc3bablica_2

-Que temos que aprender do funcionamento das comunidades de montes?

-Pois primeiro de todo que os comúns non só son facedores de futuros, senón que tamén son facedores de posibilidades. É posible, as comunidades son quen de xestionar e ter a propiedade dun ben de forma comunitaria. Hai política máis alá do sistema partidista. E as persoas somos quen de ser autorresponsables nas tomas de decisións, como se pode ver nos casos dos montes veciñais en man común. Tamén existen unha serie de dinámicas de resistencia e loita ante esa idea de progreso, hai unha serie de micro-resistencias máis relacionadas co cotián que son agochadas por non encaixar na clásica definición de mobilización social, mais existen.

Así mesmo, hai toda unha rede de afectos e coidados nestas comunidades. Mais moitas veces están até invisibilizados nestas comunidades. Nunha ocasión preguntabámoslle a unha comuneira se había outras formas de traballar os comúns nesa comunidade, e dicíanos que non, e avisábanos de que tiña que marchar, xa que tiña que ir xunto a unha veciña que tiña unha doenza. Aí está esa rede de afectos, Aí está ese apoio mutuo, esa comunidade, só que de xeito informal. É unha cuestión fundamental, existen outras economías, outras formas de intercambio de bens máis alá das reguladas polo Estado ou da capitalista, mais estas outras economías son as que van ser acaparadas polo sistema debido a súa necesidade de buscar eses ocos que aínda quedan por mercantilizar, polo que A SÚA DEFENSA É PRIORITARIA.

-Cabral, Sarria, Gamonal, Panadeiras, Taksim, Ferrol Vello… (por citar só algúns). A defensa do espazo físico público é o núcleo das loitas polo control social hoxendía, ou cando menos o fío que une as microrresistencias?

-Non é tanto a defensa dun espazo público físico en si senón máis ben é unha loita pola recuperación de espazos comúns, é unha loita pola reapropiación dos nosos comúns. É dicir, hai unha perda constante de soberanías, tanto nas decisións sobre os nosos corpos, sobre as nosas sexualidades, sobre a forma de usar espazos públicos… e é o que cómpre mudar. Estas protestas comparten dalgunha maneira unha loita en contra da mercantilización dos comúns, privatízanse prazas, sementes, coñecementos… e iso é o que une estas loitas, reverter esa acumulación por desposesión da que fala Harvey.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: