Publicado por: MontePituco | 25/02/2014

PLAN DE ÁREAS EMPRESARIAIS: PERIGO INMINENTE

Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia: Plataforma Loxística Marín-Pontevedra.

Hai uns días celebrouse unha xuntanza na Cámara de Comercio de Pontevedra á que asistiron a directora do Instituto Galego de Vivenda e Solo, María Teresa Gutiérrez, o coordinador de Xestur-Zona Sur, Javier Domínguez Lino, que noutro tempo fora candidato popular á alcaldía de Poio, e un subdirector do Igape, Miguel Fidalgo. Falaron de solo empresarial ante varios empresarios e representantes da propia Cámara de Comercio: do moito solo dispoñible que existe, das múltiples “bondades” dos polígonos baleiros no contorno de Pontevedra, dos plans para seguir furando o país para seguir creando máis solo empresarial -aínda que sexa para críe toxos-, e das facilidades económicas que concede a Xunta para acceder á adquisición de parcelas.

O máis chamativo desta sesión foi o anuncio da directora do IGVS de que “en poucos días” publicarase o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. Ese contra o que DEFENDE O MONTE PITUCO comezou a batallar en 2012, paralelamente á loita contra o proxecto de polígono contemplado no PXOM de Marín. Ese contra o que alegou o Concello de Pontevedra porque esa área loxística Marín-Pontevedra incluida no Plan Sectorial afecta a terreos do municipio veciño clasificados como de protección arqueolóxica. Ese do que trascendeu que a área loxística Marín-Pontevedra ten unha puntuación tan baixa pola forte pendente do terreo e polas dificultades para conectalo co ferrocarril que “COMPROMETE EN GRAN MEDIDA A SÚA VIABILIDADE”. Ese que se tiña que ter presentado a finais de 2013 e do que seguía sen sabesrse absolutamente nada a estas alturas. Polo visto, a Xunta está pendente do informe de AENA.

No desenvolvemento dese plan, segundo a representante da Xunta, tivéronse en conta datos de poboación, de proximidade a infraestruturas e das posibles funcións (comercial, loxística, etc.)

Pero polo anunciado “en petit comité” por María Teresa Gutiérrez, a súa publicación é inminente; será posible daquela saber ata que punto se tiveron en conta as alegacións de DEFENDE O MONTE PITUCO e doutros colectivos que rexeitan ese proxecto de área loxística entre Marín e Pontevedra.

…Dificilmente, porque segundo Teresa Gutiérrez ese Plan Sectorial “superou unha avaliación ambiental que non terá que volver pasar”! E nós sen sabelo…

Na primeira parte da súa intervención, a directora do IGVS puxo un feixe de datos reveladores sobre a mesa:

2,8 millóns de metros cadrados de solo industrial baleiro

947 parcelas dispoñibles nas catro provincias

E para darlle saída a todo iso, a Xunta ten un lema para os empresarios:

“Nós temos o solo, o teito polo ti”.

…Ou dito noutras palabras: hai chan empresarial “apuntapala”, búscate a vida se queres instalarte.

Teresa Gutiérrez explicou que na Xunta teñen que estar “agarrados á realidade” ante a actual situación económica, que hai grandes bolsas de chan industrial en Ponte Caldelas, Mos, en Verín, onde se está construindo otro polígono… Dende a Administración amósanse dispostos a “seguir escoitando as necesidades” dos empresarios, que o actual panorama “non é algo pechado”. En calquera caso, como matizou a directora do IGVS, “non somos unha ONG, temos que recuperar o investimento”.

Aínda así, a Xunta ofrécelles descontos aos privilexiados que paguen en efectivo, aos que fagan unha compra dun volume considerable de metros cadrados e aos que trasladen a súa nave a solo regularizado.

Cando se construirá? Cando nolo demanden os empresarios.

Onde? Onde nolo demanden os empresarios E SEXA POSIBLE.

Que parques se urbanizarían antes? Os que nos demanden os empresarios.

“Algún día sairemos da crise”, sinalou a directora do IGVS, e “do pasado apréndese”, engadiu. Non obstante, os políticos non son parvos e os que mandan na Administración non perden comba. “Hai que estudadas as pobiles ubicacións para allanar as trabas”, apuntou Teresa Gutiérrez, argumentando que “para que o chan sexa barato temos que facelo ben”.

Pero na resposta a todas as preguntas está a mesma palabra: empresarios. Eles piden, eles demandan, a Administración concédelles.

Con todo, a directora do IGVS advertiu: “Ten que ser lucrativo, pero non un pozo sen fondo”. E cal e o indicio que marca que a demanda é “suficiente”? Que o 30% da superficie lucrativa prevista estea xa solicitada, contestou Teresa Gutiérrez.

Durante esta charla os representantes da Xunta fixeron promoción de catro parques que están próximos a Pontevedra, dos 30 parques que ten a Administración galega. E co conto de que “non queremos que ningún proxecto deixe de facerse”, a directora xeral do IGVS afirmou que na Xunta están “dispostos a facer TRAXES A MEDIDA DENTRO DAS NOSAS POSIBILIDADES”.

-A Reigosa, a carón do parque industrial do Campiño, do que destacaron que “PODE SER COMPLEMENTO PARA O PORTO DE MARÍN”

-Silleda, cerca de Lalín

-A Sionlla

-Central de Transportes de Ourense

Tomou a palabra Javier Domínguez para describir as cualidades de cada parque.

Sobre o POLÍGONO DA REIGOSA, en Ponte Caldelas, o coordinador de Xestur-Sur comentou:

-Ten 493.000 metros cadrados, dos cales 286.000 son industriais.

-48 parcelas, 23 vendidas, 10 construidas.

-prezo con descontos, 90,25 €/metro cadrado (72,20 €/metro cadrado as parcelas singulares)

– conta con paseo peonil, un muíño restaurado

Silleda: 128.000 metros cadrados, 78.000 industriais. 18 parcelas,13 vendidas, 5 por vender. 76 €/metro cadrado cos descontos.

A Sionlla: inaugurado o ano pasado, vaise conectar co ferrocarril. Máis de 1 millón de metros cadrados, 770.000 industriais. 145 parcelas desde 675.000 metros cadrados a 87.000 metros cadrados. 300.000 metros cadrados vendidos. Prezos desde 109 a 144 €/metro cadrado.

Ourense: 100.000 metros cadrados, 49.000 metros cadrados para uso loxístico. 7 parcelas, ningunha vendida. Prezos dende 66 a 65 €/metro cadrado.

Entre os asistentes á charla estaba o alcalde de Ponte Caldelas, que foi falar “do seu libro”, loubando as virtudes do polígono da Reigosa: a súa boa ubicación, que admite todo tipo de empresas (centros comerciais, supermercados…). Que coa mellora do Nó do Pino e da reforma da estrada desdobrando o carril lento, reducírase o tempo do percorrido entre o polígono da Reigosa e o porto de Marín, que actualmente é de 15 minutos. Unha distancia que para Perfecto Rodríguez é “razoable”, por iso defendeu a súa candidatura a actuar como porto seco para a instalación de empresas vencelladas ao ámbito portuario. “Hai máis distancia do Porto de Vigo á Plisan”, engadiu o alcalde de Ponte Caldelas.

Unha das empresarias queixouse da lentitude da burocracia, algo que admitiron con resignación os responsables do IGVS, de Xestur e do Igape.

María Teresa Gutiérrez sinalou que a Xunta estuda facer convenios CON TODAS AS AXENCIAS INMOBILIARIAS DE GALICIA e a calquera axente da propiedade inmobiliaria para colocar o solo industrial. Que tamén se barallan convenios cos concellos, cos cluster, ata COA BANCA!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: