Publicado por: MontePituco | 27/01/2014

ESCRITO AO CONCELLO SOBRE O PROXECTO DE ACUAES

Escrito enviado á Concellería de Medio Rural.

Acuaes e o Concello de Marín seguen en contacto para deseñar o trazado da rede de abastecemento de auga, cuxas obras xa se están executando en Poio e Pontevedra. Nos últimos días, o concelleiro de Medio Rural, Ramiro Gestido, parece intensificar as xestións. DEFENDE O MONTE PITUCO vén de dirixirse formalmente á Concellería de Medio Rural para reiterar que o novo trazado proxectado aféctalle directamente aos usuario do depósito de auga do Caeiro e, ademais, ao petrofligo catalogado do Pinal de Caeiro.

Cómpre recapitular:

O pasado 7 de agosto de 2013 o Concello de Marín convocou na Casa de Montes de San Xulián aos afectados polo proxecto de instalación da nova rede de abastecemento de augas que atravesa unha parte do municipio para que un técnico de Aguas de la Cuenca de España -Acuaes- explicase a modificación do proxecto inicial, que motivara o rexeitamento dunha parte da veciñanza. Trala exposición de César Prieto García, que amosou un esquema do trazado alternativo seguindo a vía de servizo da Variante de Marín, DEFENDE O MONTE PITUCO comprobou que dito trazado presentaba varias incidencias que ao remate da xuntanza se lle trasladaron persoalmente ao propio director do proxecto.

[Ver o artigo titulado SEGUNDA REUNIÓN SOBRE ACUAES]

Unha delas radica na existencia dun depósito que abastece de auga para consumo doméstico e de regadío aos habitantes do lugar de Caeiro. As tubarías destes tanques de auga chegan ás vivendas e ás propiedades destes veciños por debaixo da pista que Acuaes pretende levantar para instalar as canalizacións da nova traída. Feita esta observación, César Prieto asegurou que antes de que se iniciaran as obras, os técnicos contactarían cos residentes de Caeiro e Pena para que estes detallaran calquera observación que os operarios deberan ter en conta co fin de previr desperfectos nas conduccións da auga do manancial do Pornedo e evitarlles molestias aos usuarios.

Depósitos do manancial de Fontenla, pertencente aos veciños do Caeiro.

Prieto tamén foi advertido de que ao longo da pista de servizo da Variante, onde Acuaes pretendía instalar as canalizacións da nova rede de abastecemento, localízase un gravado rupestre denominado Petroglifo de Pinal de Caeiro (Y27) e catalogado polo Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia co código GA36026015. Dito petroglifo está recollido tamén no inventario de bens arqueolóxicos do PXOM de Marín.

Petroglifo catalogado de Pinal de Caeiro. (Foto, Juan Carlos Epifanio).

Con data do 12 de agosto de 2013, DEFENDE O MONTE PITUCO dirixiuse ao responsable do proxecto en Acuaes para enviarlle a ficha de Patrimonio correspondente ao Petroglifo de Pinal de Caeiro, que consta da descrición deste elemento, coordenadas xeográficas da súa situación, fotos e croquis deste elemento singular do patrimonio marinense que, pola súa forma, é coñecido popularmente como “o ciclista”, tal e como cita o arqueólogo que redacta o informe.

Con data do día 22 dese mesmo mes, César Prieto respostou a mensaxe comprometéndose a “incorporar la información al expediente de las obras que vamos a realizar en la zona”.

Nesas mesmas datas, DEFENDE O MONTE PITUCO dirixiuse verbalmente ao concelleiro de Medio Rural para facerlle partícipe das incidencias que se lle trasladaran por escrito ao técnico de Acuaes trala reunión na Casa de Montes de San Xulián. Ramiro Gestido emprazounos a unha visita á pista de servizo da Variante pola que estaba previsto que discurriran as obras da rede de abastecemento, na zona na que se atopa o petroglifo de Pinal de Caeiro e as conduccións do depósito de auga dos veciños do Caeiro.

Cinco meses despois, esa visita non se produciu nin a veciñanza foi informada oficialmente do trazado que se baralla para acometer esta obra antes da súa fase de exposición pública.

Na instancia presentada no Rexistro Municipal, DEFENDE O MONTE PITUCO solicitoulle ao concelleiro de Rural que fixe unha data para a visita pendente.

Tamén nos queixamos de que, a pesar da súa catalogación moi anterior á construcción da Variante, as autoridades municipais non foron quen de defender este valioso elemento patrimonial da agresión que supuxeron as obras deste vial e das súas pistas paralelas, que invaden gravemente a área de protección deste gravado rupestre, e a piques estiveron de facelo desaparecer baixo a piqueta e o formigón, quedando a escasos metros da vía de servizo, cando a área de cautela.

Sobre a protección dos xacementos arqueolóxicos, as “Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento” publicadas por resolución de 14 de maio de 1991, establecen -de maneira xenérica- unha protección de 200 metros que, neste caso, non só non se cumpriron, senón que se ignoraron por completo:

“Las áreas de protección para los elementos puntuales (…) estarán constituídas por una franja con una profundidad medida desde el elemento o vestigio más exterior del bien que se protege de: (…) 50 metros, cuando se trate de elementos etnográficos (…) 100 metros, cuando se trate de elementos de arquitectura religiosa (…), civil (…) y arquitectura militar (…) 200 metros, cuando se trate de restos arqueológicos”.

Neste escrito, DEFENDE O MONTE PITUCO tamén lle advertiu ao Concello en xeral e á Concellería de Medio Rural en particular, sobre un dato moi importante descuberto polo arqueólogo marinense Álvaro Arizaga, licenciado en Historia e profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Un informe deste profesional sobre o catálogo de bens patrimoniais do PXOM de Marín permitiu determinar que existe un importante DESFASE entre as coordenadas de determinados xacementos arqueológicos segundo o planeamento urbanístico e as coordenadas correctas certificadas polo autor do estudo.

O resultado desa pescuda permitiu comprobar que, no caso do Petroglifo do Pinal de Caeiro a diferenza é de 62 metros.

…Un erro garrafal que pode ter consecuencias nefastas e irreversibles tratando de protexer un elemento nun lugar no que non se atopa realmente, desprotexendo -por conseguinte- a área que lle corresponde. Algo que pode acontecer en caso de incendio ou, como nos ocupa, con motivo dunhas obras situadas a moi pouca distancia do gravado rupestre susceptible de ser danado se non se ten perfectamente definido o seu emprazamento.

DEFENDE O MONTE PITUCO solicitoulle á Concellería de Medio Rural que teña en conta os datos correctos e llos traslade sen demora a Acuaes para que sexan tidos en conta no expedente da obra.

Unha obra de infraestruturas destas características cómpre necesariamente dispoñer dun Estudo de Impacto Arqueolóxico, incluído no Estudo de Impacto Ambiental, que debe formar parte do proxecto. Na elaboración de dito Estudo de Impacto Arqueolóxico deben intervir arqueólogos cualificados, que determinarán as medidas correctoras necesarias para evitar danos no xacemento catalogado, polo que, unha vez iniciadas as obras, tamén é obrigatorio un seguemento arqueolóxico da evolución dos traballos para garantir a protección do xacemento e detectar a posible aparición de novos achados patrimoniais.

DEFENDE O MONTE PITUCO demanda que, sen perxuízo de que se realicen as obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga, se cumpra escrupulosamente a legalidade vixente en materia de defensa do Patrimonio.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: