Publicado por: MontePituco | 07/01/2014

ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE MONTES (e IV): FELIZ PATRÓN, FELIZ SAN XULIÁN

Nesta cuarta e última parte do relato de como transcorreu a asemblea da Comunidade de Montes de San Xulián celebrada o pasado 22 de decembro cómpre referirse a tres temas: a proposta de acordo coa Comunidade de Montes de Santomé para tratar de resolver o conflicto histórico polos lindes, o formigonado de pistas e camiños en colaboración do Concello de Marín, e a denegación da petición formulada pola comisión de obras parroquiais para o pago duns traballos de mellora na igresa de San Xulián.

En canto ao litixio -un de tantos que mantén San Xulián!- coa Comunidade de Montes de Santomé, o presidente anunciou que “hai boa conexión” para acadar o que cualificou como un “acordo total”. O presidente da Comunidade de San Xulián resumiu anos e anos de conflicto nunha frase que demostra a irracionalidade e a inmadurez coa que se leva xestionado este asunto: “Cando queren eles vender madeira denunciamos nós, e cando queremos vendela nós denuncian eles”.

Daquela, volveuse proxectar outro gráfico e o presidente dispúxose a explicar -vara en ristre- os termos dunha proposta de acordo na que, segundo dixo, “non perda ningunha das comunidades”. En realidade non aclarou moito, empezando polos seus equívocos no emprego de expresións: cando quería dicir entre aspas, dicía “entre parénteses”, e así, outros exemplos de falta de dominio da linguaxe.

Anécdotas verbais á parte, o presidente fixo mención a un suposto acordo ao que se chegara hai bastante tempo pero que, non quedou por firmado “nin eles queren saber nada desta liña vermella” agora. Baseándose na carpeta-ficha existente no Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, San Xulián tería 26 hectáreas e Santomé, 16. Esas cantidades non se recoñecen. O posible acordo consistiría en “cederlles nós a eles toda a parte de arriba desde a presa ata o campo de tiro, que era noso”. Esa superficie mide unhas 15 hectáreas.

En contraprestación, “toda a canteira quedaría para nós, viríamos a Pedroso e colleríamos hacia Cadro”.

A esas alturas, a asamblea cumpría unha hora de duración. Xa se trataran asuntos tan importantes como o acordo para a cesión de terreos da Brilat, que se ventilou en poucos minutos, e o novo plan de xestión do monte, que tamén se zanxou pola vía rápida.

Se cadra, para enredar máis a madexa, o presidente seguiu o seu monólogo sobre Santomé poñendo na pantalla nin máis nin menos que un mapa de curvas de nivel. Como se os veciños fosen aparelladores, arquitectos, capataces ou técnicos na materia. A esas alturas, ao fondo da sala o comentario máis repetido era “non entendo nada”. Contra esas tres palabras esnafrábanse todo o discurso que estaba a botar o presidente, que era o mesmísimo reflexo da antipedagoxía.

Como había que axilizar a exposición, o máis cómodo sempre é tirar de números contrapostos: para Santomé quedaban 16,57 hectáreas e para San Xulián 16,85 hectáras, coa vantaxe -segundo o presidente- de que “nós collemos 80 metros cadrados a máis”.

Esta foi a oferta que recibiu o martes, 5 días antes da asemblea. E para os técnicos da comunidade, “as árbores son as mesmas: o Pedroso é unha superficie rasa sen arborado, e a de Cotorredondo colle parte do Lago, con arboreda, pero ata medio-longo prazo non habería posibilidade de corta”. E os cartos? “Tanto para eles como para nós, quedamos parexos”.

Outro aspecto a ter en conta é a existencia dunha liña de alta tensión que cruza a zona en conflicto: 30.000 euros tenos incautados Facenda á espera de que se resolvera a disputa, explicou o presidente, porque cada Comunidade denunciara sobre os intereses da contraria. Sobre o papel, 171 metros desa liña estarían en San Xulián e corresponderíalle cobrar un 35% da indemnización, mentres que a Santomé tocaríalle un 65% con 239 metros. “Para chegar a un acordo cortariamos ao 50%”, engadiu o presidente. “Que vos parece isto?”, preguntoulle á concorrencia.

“…Que o presidente de Santomé vaiche comer as barbas”, espetoulle Carabelos, ex-presidente da Comunidade, que estaba nas primeiras filas entre o público. A xente empezaba a levantarse e marchar.

Durante os seguintes minutos a asemblea reduciuse a un tira-e-purra entre os dous. Casal non deixaba de repetir que había que “acabar dunha vez, nin para eles nin para nós” para deixar de “gastar cartos na Xustiza”. O colmo do oscurantismo que rodea este asunto é que, sobre as negociacións anteriores, o actual presidente criticou que “non apareceron os papeles, que seguro que están na casa de alguén”.

Mentres tanto, os comuneiros que estaban ao fondo da sala non se enteraban da misa nin a media: “Deixádelle ver á xente onde está iso, que hai quen non sabe donde está”. “Eu non me entero do que está falando ese home”, dixo outro veciño, pedindo que lle pasaran o micrófono a Carabelos para que todo o mundo puidese escoitalo. “Iso tiñamos que sabelo hai 8 días, non estou de acordo con que se vote iso hoxe”, criticou outro ante o cariz que estaba tomando o debate e a premura coa que se estaba tratando de sacar do medio. “Se calaras!”, dixo un dos integrantes da directiva que estaba na mesa de control preto da porta, intentando botar terra sobre a queixa dese comuneiro.

Entre tanto, non cesaba o goteo de xente que abandonaba a Casa de Montes; moitos deles debían estar desconcertados, confusos pola falta de información ou a ensalada de datos deslabazados que inducían ao desinterese e ao cacao mental. A esas alturas, xa non había quorum para facer unha votación en condicións.

Naquel punto, había tanto rebumbio que resultaba imposible saber en que parte do guión estaba a película. O presidente dixo que habería que poñer marcos novos. E a renglón seguido engadiu: “Se o acordo está mal feito eu non me vou coller as mans!”. Vaia pericia a do presidente: se as cousas saen ben non ten reparo en colgar todas as medallas habidas e por haber, aínda que o mérito -como no caso do convenio coa Brilat- non sexa seu. Mais, para o malo, queda claro que non asume ningunha responsabilidade. Quen dá a cara entón, pola Comunidade de Montes en caso dalgún revés?

Este tema non se someteu a votación, oficialmente. A ver como queda reflectido na acta que se lea publicamente na próxima asemblea.

O seguinte tema foron as obras realizadas “en convenio” (asinouse algún convenio?) co Concello de Marín, segundo o cal a Comunidade de Montes poñía o material -pedra ou formigón- e o Concello achegaba a man de obra e a maquinaria. A lista de traballos realizados é o seguinte:

-Traslado das mesas e bancos dende a área recreativa do Pornedo ata a arboreda a carón da estrada de Figueirido. O presidente puxo como motivo que “estaban roubando case todo”. Mentira. Ese mobiliario de pedra e o lugar no que se instalou, nun recheo sobre a variante de Marín, levaba anos nun pésimo estado, sen que a Comunidade de Montes tivera feito absolutamente nada. A verdadeira razón de mover ese material é o intento da directiva, ou dalgún dos seus integrantes en concreto, por visibilizar o interese da entidade en que se instale nese lugar o polígono industrial proxectado no PXOM. Como se catro bloques de pedra desmantelados fosen abondo importantes como para xustificar que a Comunidade de Montes se tome semellante molestia.

Sobre este particular, DEFENDE O MONTE PITUCO xa opinou no artigo titulado “A fraude polo desmantelamento da área recreativa do Pituco”.

-Desbroce do monte da Pena.

-Formigonado en Pontecanles. En dúas fases, A Roza e a subida a Xesteira. Custou 9.000 euros.

-Formigonado do Camiño do Sequelo.

-5 camións de pedra para un muro en Landeiras, na ampliación dunha curva.

-Formigonado nun camiño en Cidrás, en colaboración cos veciños. Unha das obras máis importantes. Non se dixo canto custou.

-Formigón para Souto do Carregal.

O presidente engadiu que falta facer un camiño na Bouza, en colaboración co Concello, e mais no Carballal, onde fan falta un par de camións de formigón.

Igrexa parroquial de San Xulián. (Fonte: Wikipedia).

Para o final da asemblea deixouse un tema polémico. O presidente explicou que supeditaba á votación da asemblea unha petición cursada pola comisión de obras parroquiais, que se dirixiu á Comunidade de Montes para solicitar colaboración económica para o pago de 6.000 euros que se destinaran á reparación do tellado da igrexa e o pintado do interior do templo. O presidente tamén comentou que a directiva da Comunidade reunírase para tratar ese tema pero que, como había “pros e contras”, é dicir, voces a favor de colaborar e voces en contra, decidiran que a asemblea tomase a decisión sometendo a votación este asunto.

Curiosa maneira de entender a democracia, de lavar as mans coma Pilatos. Para gastar 9.000 euros nun camión de formigón, ou máis de 27.000 euros entre avogados e peritos para causas xudiciais varias, non se pide a opinión dos comuneiros. En cambio, para posicionarse nun tema no que determinados directivos da Comunidade de Montes unha clara inquina persoal contra o cura párroco e todo o que representa a súa figura, a xunta rectora non se molla.

Pilatos: pintura de Duccio di Buoninsegna.

Tratando de poñer algo de cordura, porque a pouca xente que quedaba na asemblea estaba completamente dividida, Carabelos dixo que antano a Comunidade de Montes colaboraba coa parroquia aportando un 30% dos gastos das obras que se realizaban no patrimonio parroquial.

O presidente facía esforzos por quedar á marxe do debate: “Os comuneiros son os donos das contas e dos cartos”, repetía.

Dende o público verquéronse duras críticas contra o labor do cura párroco.

O secretario da Comunidade propuxo votar nos seguintes termos: se se aprobaba aportar “non máis dun 30%” do custe das obras. O chamativo nesta votación foi que, a diferenza das anteriores, si se contaron os votos a favor. Nas anteriores votacións contáronse os votos en contra e as abstencións, e a diferenza contabilizouse como votos a favor.

Non se deu a cifra exacta de votos que se resultaran a favor, en contra e as abstencións. A única frase que sentenciou este punto foi: “Gaña o NON!”. Houbo algúns aplausos.

Neste DÍA DE SAN XULIÁN, a festa do patrón da parroquia, cómpre dedicar un momento a reflexionar sobre este tema.

É unha mágoa que a Comunidade de Montes actúe desta maneira ante o que non deixa de ser patrimonio arquitectónico da parroquia. Trátase do templo de San Xulián, un edificio cargado de cultura e de historia, que se construiu e se foi mantendo ao longo dos séculos grazas á aportación da freguesía, ao esforzo da veciñanza, dende tempos inmemoriais, cando os habitantes da parroquia -xente humilde e campesiña- pasaban necesidade e apuros para saír adiante.

Hai outra lectura -moi respectable, por outra parte- que sostén que os bens da igrexa ten que mantelos a propia institución eclesiástica, que conta con moito poder, non só económico, e que se beneficia de envexables vantaxes fiscais e eximentes que non se lle aplican aos cidadáns particulares ou ás pequenas empresas.

En calquera caso, trátase dun capital que lle pertence ao pobo, independentemente de que a xestión do cura párroco sexa mellor ou peor, máis ou menos cuestionable; á marxe do tempo que o actual párroco ocupe ese cargo. É certamente preocupante o nivel de desapego da veciñanza con respecto dos servizos relixiosos que se prestan na propia parroquia, mais non é asunto de DEFENDE O MONTE PITUCO analizar as causas dese fenómeno, das adhesións ou discrepancias que suscita a figura do responsable de administrar e dirixir a igrexa.

A frialdade coa que se expuxo este tema, a escrupulosidade coa que a directiva puxo na picota unha doazón que non chegaría aos 2.000 euros cando ten vía libre e actúa con total autonomía para dispoñer de miles e miles de euros en asuntos que teñen quedado na máis absoluta falta de transparencia (lembremos aqueles elevados gastos de fontanería na Casa de Montes cos que se tería renovado a instalación dun edificio de varios andares, como chegou a advertir un dos comuneiros en ton crítico), non sitúan a directiva da Comunidade con autoridade -cando menos, moral- abondo para desligarse deste asunto dun xeito tan rotundo e sospeitoso. Impera a filosofía do presidente: “non me vou coller as mans”. Polo menos, ante o evidente.

Esta postura, por outra banda, está en consonancia coa falta de interese da Comunidade de Montes por todo o que ten que ver coa protección do patrimonio arqueolóxico. Se para negarse a limpar e sinalizar uns petroglifos que POR LEI están obrigados a conservar, poñen como excusa que é a Xunta a que ten os cartos e as competencias para ocuparse deses traballos; canto máis as obras de mantemento do templo parroquial.

Por suposto, esta decisión chegou a oídos do cura párroco, que axiña quixo tomar cartas no asunto para verificar se os estatutos da Comunidade de Montes contemplaban a obriga da Comunidade de sufragar ese 30% das actuacións que require o templo. Malia o seu evidente enfado, a realidade tivo que acabarse impoñendo ao seu posible desexo de dar un golpe -aínda que fose metafórico- sobre a mesa.

O apartado de rogos e preguntas foi meramente testemuñal. Preguntouse polas pistas que aínda estaban pendentes de arranxo e o presidente contestou que este ano pasado xa se gastara moito e que en 2014 gastaríase máis. Faltoulle dicir… grazas á Brilat.

A asemblea da Comunidade de Montes de San Xulián non durou nin 2 horas en total. O tempo que en Salcedo tardaron -polo menos!- en abordar só punto do convenio doa Brilat, con todos os pormenores, as lecturas e relecturas do documento… En fin, co rigor e coa seriedade que faltou en San Xulián. E coa elegancia e a transparencia da que careceu o tratamento que se lle deu a tan importante asunto nesta parroquia.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: