Publicado por: MontePituco | 23/12/2013

ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE (DES)MONTES (I)

Anuncio da asemblea do 22 de decembro de 2013 na Comunidade de Montes de San Xulián.

Asistimos á asemblea na Casa de Montes de San Xulián.

Antes de comezar a asemblea como tal, o presidente aceptou unha proposta externa: gardar un minuto de silencio en memoria de Saturno Vidal, que faleceu o pasado agosto.

Primeira sorpresa: na pantalla do proxector que había no escenario líase: “Asamblea extraordinaria”. Pero non era unha reunión ordinaria, tal e como apuntaba a convocatoria: “Asemblea xeral ordinaria”? Comezan as evidencias da incongruencia, da arbitrariedade, da falta de rigor entre o que é asemblea ordinaria e extraordinaria. Non son detalles sen importancia; son un aviso de que a reunión é unha chapuza dende o mesmo momento no que se organiza.

Segunda sorpresa: pasa un cuarto de hora da hora na que tiña que comezar a asemblea e o presidente toma a palabra: “Faltan 5 ou 6 comuneiros para conseguir o quorum, así que imos esperar 5 minutos máis”. Estamos ao final do salón, onde en teoría se poden sentar os veciños que non son comuneiros titulares, senón simples veciños. Na mesa de control hai unha señora intentando acreditarse. Pasan os 5 ou 6 minutos de marxe e non entra ninguén máis; ninguén máis pasa pola mesa de control, onde segue a mesma muller de antes. O presidente volve tomar a palabra: “Xa temos quorum, imos empezar a asemblea”. Quen se fía?

Terceira sorpresa: o primeiro asunto do que se fala está “fora da orde do día”, segundo explica o propio presidente. Para que se pon entón unha orde do día se a reunión empeza polo final en vez de polo principio?

Cuarta sorpresa: o anuncio que fai o presidente “fóra da orde do día” é para dar conta da renuncia “por motivos personais” de María Dolores Lorenzo como tesoureira. Pero que lles pasa aos tesoureiros desta Comunidade de Montes? O da anterior directiva tamén dimitiu por motivos que semellan ser algo máis que personais: non estaba de acordo coas contas do bar. E curiosamente, a xa ex-tesoureira non só se ocupaba das contas da Comunidade senón que tamén dirixía o bar.

…Bares, que lugares. Tesoureiros, efémeros conselleiros. No sitio de Dolores “Pedras-do-2000” Lorenzo Lamoso é Manuel Rosales Pesqueira “Manolo” o que asume o cargo de tesoureiro. A ver canto dura.

O secretario leu a acta da asemblea anterior celebrada o 13 de xaneiro de 2013, á que asistiran (según esa acta) 142 comuneiros, o 25,35% do censo. Na asemblea de hoxe non se sabe cantos comuneiros acreditaron a súa participación. O dato sairá na acta da asemblea que se celebre a próxima vez. Benaventurados/as os que crean, porque eles/as seran ben vistos pola directiva da Comunidade. Amén.

Desa acta destaca o recordatorio que se fai do tema que se tratou de refilón na asemblea de xaneiro pero que, en realidade, era a excusa pola que se convocara a xuntanza de comuneiros: o permiso para negociar coa Brilat polos terreos para a base militar. A acta do 13 de xaneiro di que a posible aprobación dese acordo é “sen perxuízo de uso e de paso” pola parcela que se puidera ceder e a cambio de “unha retribución económica” para a Comunidade. O presidente pide “permiso” para seguir negociando este tema. A acta do 13 de xaneiro di que ese permiso concédese “por unanimidade”.

Primeira mentira: O PERMISO PARA NEGOCIAR NON SE APROBOU POR UNANIMIDADE, SENÓN POR MAIORÍA, que non é o mesmo. Como nas asembleas non sempre se aclara o resultado das votacións, especialmente en determinados asuntos nos que pode que quizais non interese facer precisións, non soubemos cantos votos houbo a favor, cantos en contra e cantas abstencións. Pero non foi por unanimidade, seguro, e así o reflectimos no artigo de xaneiro de 2013 sobre aquela asemblea: “De antimilitaristas a pelotas“.

De feito, nesta asemblea quedou patente a confusión -intencionada ou distraída- do presidente sobre conceptos básicos propios dunha asemblea. Precisamente, cando se someteu a votación a acta do 13 de xaneiro, houbo 1 ABSTENCIÓN. E aínda así, o presidente dixo, micro en ristre e todo cheo de razón: “Aprobada por unanimidade!”.

Por iso, e confiando en que este artigo chegue a ollos ou orellas do presidente ou de calquera directivo, van a continuación unhas nocións básicas, cortesía da Real Academia Galega:

-”Unanimidade”: Circunstancia de estaren conformes TODOS os membros dun grupo con algo.

-“Maioría”: Maior número de votos favorables emitidos nunha votación.

O segundo punto da orde do día foi o informe de xestión. Según o novo tesoureiro, a 5 de agosto de 2012 había un saldo de 61.568 euros. Entón empezou a ler un lote de cifras que estaban apuntadas na pantalla do proxector. Sen máis explicación nin detalle do motivo dos movementos económicos. Enunciados e números. Idéntica “escola” que a da súa predecesora, que o único que nos demostrou no seu breve mandato tesoureiril é que sabe ler. Benaventurados/as os que crean, porque serán ben vistos pola directiva.

GASTOS:

-Xestorías: Nogueira Vidal, que está en Cangas! (ano 2012) 130 € + Xestoría Raes [¿?] (anos 2010, 2011, 2013 e 2009… aquí líase o tesoureiro e non se sabe mooi ben que anos son) 2.180 €

-Telefonía (teléfono + internet + móbiles): 1.579 € (ah, que hai móbiles corporativos!)

-Campo de fútbol: 432 € (luz) + 226 € (pantallas de luz)

*Obras:

-Formigón para Regueira-Fixón-Macenlle: 3.517 €

Camiño de Fixón

-Taboleiros de anuncios (uns cantos paneis de chapa espichados entre dous paus do mesmo material) e tapas de arqueta para Camiño das Regueiras: 2.229 €

Paneis de anuncios

-Formigón para Camiño de Cidrás na Moreira: 4.505 €

-Formigón para Macenlle en Cachada Vella: 943 €

-Formigón para Campo da Moreira: 2.763 €

-Aluminios Macenlle, tapas de arquetas: 79,86 €

-Formigón para Macenlle: 215 €

-Excavacións Justo para muro en Macenlle: 2.178 €

-Formigón para camiño en Ponte Canle, Macelle 9.957 €

Pista de Ponte Canle

-Materiais de construcción para obras: 878 €

-Sofás da casa de cultura: 475 € (para esperar comodamente a que te atendan mentres aturas os tremendos berros que se dan na oficina por asuntos de cartos, basicamente)

Sofás novos da Casa de Montes.

-Legalización da casa de cultura: 1.072 € (tantos anos despois, xa non é ilegal/alegal)

-Modificar unhas portas: 649 €

-Recibo do seguro de Mapfre: 2.210 €

-Reparar porta de entrada e ventanas: 121 €

-Reparación eléctrica: 1999

-OCA Enmacosa (aquí tampouco explica, pero OCA son as siglas de Organismo de Control Autorizado, por algunha inspección que non se concreta): 268 €

-Cristalería Marín: 110 €

-Arranxar a máquina de xeo: 175 €

-Carnets de comuneiro: 149 €

-Liquidación de datos da Auditoria (marzo 2013): 130,68 €

-Dibay (lona que puxeron no frontal da mesa co nome da Comunidade de Montes para lucir nas asembleas): 70 €

-Subvención a Airiños de San Xulián polo Festival Virxe dos Remedios: 350 €

-Fogos de San Pedro: (ano 2012) 150 € + (ano 2009¿?) 180 €

-Subvencións Festivais de Corais: (setembro 2012) 275 € + (decembro 2012) 398 € + (decembro 2013) 250 €

-Viño español con motivo da inauguración da reforma da estrada de San Xulián: 325 € (que caro!!)

-Subvención a Os da Caña: 250 €

-Gastos xerais (decembro 2012): 237 €

*Gastos do monte:

-Desbroce do camiño do Pituco: 30 € (que barato lle saiu e cantos anos tardaron en facelo, aínda que non se sabe ben a que camiño se refire esta partida)

-Desbroce realizado pola empresa de servizos forestais Garural no monte da Pena (2012): 1.291 €

-Desbroce de Garural no monte da Pena (2013): 1.315 € (estes deben ser os da retirada das famosas herbas da Pampa)

-Desbroce no campo de fútbol e arredores: 375 €

-Achandar camiño na Moreira: 273 €

-Desbroce do Monte Pituco, limpar depósito de auga e lavadoiro da Xesteira: 2.233 €

Lavadoiro do Monte Xesteira

-Recibo de Mapfre polo seguro do monte: 716 €

*Avogados:

-Avogado Miguel Lamela: 22.134 € (pola reclamación do pago da expropiación da variante) + 1.063 € (asesoramento) + 1.212 € (polo pleito de Romero) Con semellante minuta, quen fora avogado desta Comunidade de Montes!

-Técnico pericial polo caso de Romero: 3.393 €

*Outros:

-Ferretería Priorato: 156 €

-Recibo do apartado de correos: 60 € (a Comunidade de Montes ten apartado postal!! Non lle entregan as cartas na Casa de Montes, como a todo fillo de veciño?)

-Megafonía da asamblea feita en xaneiro deste ano: 100 €

-Facenda: 125 €

-Recibo municipal: 68 €

-Comisións do Banco Popular: 50 €

-Papelería Carlin: 80 €

INGRESOS:

-Expropiación polos terreos da Variante: 354.679 € (…ai, as miserias con pan son menos miserias!)

-Transferencias do Fondo Galego: 1.170 € (setembro 2012) + 1.194 € (setembro 2013)

-Intereses Banco Santander: 7.255 € (o que fan os cartos a render!)

-Transferencia Mapfre polo roubo que houbo no bar da Casa de Montes: 1.600 € (enterámonos agora de que roubaron a caixa rexistradora na Casa de Montes! Non dan ningunha explicación de cando, nin como, nin canto)

-Trasferencia 2013: 378 €

SALDO 16/12/2013: 342.057 euros

As contas apróbanse “por maioría” con 3 abstencións.

En resume: gastáronse 21.900 euros en formigonar pistas e camiños e solo 5.244 euros en desbrozar. Pero isto era unha Comunidade Montes, unha inmobiliaria ou unha empresa constructora? Destináronse 27.802 euros a pagar gastos legais por causas varias contra a Administración e particulares; o maior volume de gasto vai para asuntos alleos á rentabilidade directa do monte. E chama a atención a aposta clara da Comunidade pola descapitalización do maior activo que temos na parroquia: o monte. A base de expropiacións para estradas, tendidos eléctricos, agora o aluguer para o Exército, como se explicará no próximo artigo, e quen sabe se, no futuro, o proxecto do polígono incluido no PXOM, que para iso o incluiron xa no novo Plan de Xestión do Monte, e frotándose as mans estarán mentres non caia esa nova bicoca. Velaquí a “política” que practica esta directiva.

…Continuará…

Advertisements

Responses

  1. […] saber por que non se formou ningún tumulto no seo da mesma xunta rectora cando, en decembro de 2013 se anunciou que María Dolores Lorenzo marchaba da xunta directiva da que formaba parte e deixaba o […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: