Publicado por: MontePituco | 23/12/2013

ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE SAN XULIÁN SOBRE A BRILAT (II)

Mapa do preacordo con Defensa aprobado pola Comunidade de Montes de Salcedo.

[Este plano -sen os nomes das parroquias, engadidos a posteriori- foi o que se proxectou en Salcedo]

O terceiro punto da orde do día foi o informe de xestión, que comezou pola negociación da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián co Ministerio de Defensa pola cesión de 18,5 hectáreas á Brilat, a pesar de que na orde do día non figuraba como tal.

O presidente afirmou que a principios do pasado verán uns mandos de Defensa desplaráranse á Casa de Montes para reunirse coa directiva de San Xulián e que daquela “falaban da expropiación de 30 hectáreas a un prezo de 0,10€ por metro cadrado”. O presidente da Comunidade engadiu que San Xulián quedou en responder a esa proposta, mentres que “outras comunidades fixeron os seus contactos”. O relato continuou dicindo que “un día chamaron de Salcedo” para convocar a unha reunión ás catro comunidades involucradas na negociación e que a proposta que lles fixeran consistía en “ir en conxunto EN CONTRA do Ministerio”. O presidente chegou a afirmar que aquela reunión fora “moi tensa”.

Ademais de falar da directiva de Salcedo nun tono acusatorio, criticou que “non contaron con nós” e que eles xa se reuniran ata tres veces con Defensa negociando “unhas burradas de cartos”.

O presidente de San Xulián seguiu explicando que o seguinte paso do Ministerio foi convocalos a outro encontro na Delegación de Defensa de Pontevedra -á que el se referiu como “departamento militar”, o que fai a falta de recursos- onde os responsables do Ministerio dixeron que “para subir o prezo por metro cadrado tiñan que reducir o terreo expropiado”, quedando a nova proposta nunhas 20 hectáreas a 0,18€/metro cadrado.

Finalmente, segundo o presidente, a Comunidade de Montes de San Xulián recibiu unha “carta formal” de Defensa na que a oferta definitiva quedaba en 18,5 hectáreas a 0,18€/metro cadrado.

E iso foi todo o que se explicou sobre o proceso de negociación, de varios meses. Resumido nun par de minutos cunha pobreza de argumentos e de falta de rigor preocupante, con deslealtade cara ás outras comunidades de montes, ás que tratou de deixar en mal lugar ante a asemblea.

En canto ás condicións do convenio que a directiva asinará en breve co Ministerio, o presidente unicamente expuxo tres datos:

-que a madeira sería propiedade da comunide de montes

-que o terreo sería cedido, non comprado, conservando a Comunidade de Montes a propiedade

-que a cesión sería por 75 anos para todas as comunidades, se ben a Lei de Montes da Xunta só permitía un máximo de 30 anos. En todo caso, ese aspecto era problema do Ministerio, que estaría “loitando” para que a cesión se ampliase de 30 a 75 anos

A continuación, o presidente dirixiuse cunha vara á pantalla na que se proxectaba un plano que marcaba os terreos que cedía cada unha das catro comunidades e comezou a sinalar a parcela afectada no caso de San Xulián, mentres ofrecía referencias para que os comuneiros se situaran: o lago de Castiñeiras, as cadenas, o mojón provincial que divide Marín e Pontevedra, a pista forestal, os penedos… Daba a impresión de que non coñecer sequera os topónimos cos que se denominan todos eses lugares que ía marcando.

Para convencer os comuneiros asegurou que ese terreo cedido sería “para manobras, non para botar tiros” e que cando a madeira estea en condicións, “ímola botar”. A cambio, a Comunidade de Montes de San Xulián percibía 30.300 euros ao ano e que nunha das parcelas de 9,30 hectáreas a madeira “non nos daría eses cartos nin en 5 anos”, por iso a directiva dictaminara que o acordo era “moi bo”.

Entón xurdiu certa controversia por parte de algúns comuneiros que afirmaban que na parte cedida había cachadas privadas, ao que o presidente contestou que “todo é monte comunal” porque houbera técnicos traballando para asegurarse de que non quedaba afectado ningún terreo particular, algo que o propio presidente ratificaba argumentando que el mesmo acudira ao monte cos peritos.

Houbo un comentario interesante que, no fondo, deixou en evidencia a afirmación do presidente sobre a improductividade da parcela cedida, incapaz de xerar os cartos que pagaba Defensa. “É que aí non hai nada”, sinalou unha veciña. Evidentemente, se foi “onde se botou o último rodal”, segundo o presidente, e non se repoboou, nada queda e nada vai producir, porque por xeración espontánea nace vexetación, pero non en condicións óptimas para unha xestión forestal axeitada.

O caso é que ao presidente corríalle présa avanzar e axiña dispuxo que había que votar, sen prolongar a posibilidade de plantexar máis dúbidas e xerar un maior debate. Un home ao final da sala preguntaba se os veciños terían o paso restrinxido unha vez que se formalizase o acordo, pero a súa pregunta non obtivo contestación: aparentemente, porque o presidente dicía que dende lonxe non entendía as súas palabras mais, se tivera interese en despexar todas as preocupacións, teríase molestado en escoitar e aclarar.

De 141 asistentes, segundo o presidente, houbo 8 votos en contra e 3 abstencións.

Aspectos que sorprenden sobre o tratamento deste tema tan importante para o futuro da Comunidade de Montes:

-para comezar, como xa se ten apuntado en artigos anteriores, que non se explicitaba na orde do día.

-a ausencia do asesor legal da comunidade de montes na asemblea para explicar polo miúdo as repercusións xurídicas do cumprimento ou incumprimento deste acordo a medio/longo prazo.

non se leu o convenio que se vai asinar co Ministerio e as únicas explicacións que se deron foron os comentarios por riba do presidente.

o único documento que se amosou foi un plano no que a parte de San Xulián era unha pequena parte do total que apenas era visible para o público situado ao final da sala.

-o tratamento deste asunto resolveuse nuns poucos minutos, non se tratou coa profundidade que merecía un tema de tanto calado, como se non interesara que os comuneiros tiveran máis información que a facilitada a contagotas, para evitar que xurdisen preguntas.

-o clima de confrontación que o presidente de San Xulián axudou a caldear coas súas acusacións contra o seu homólogo de Salcedo; en dúas palabras: malmeter gratuitamente.

-e o máis negativo: non se dixo absolutamente nada de a que se van dedicar os 30.000 euros que se ingresen pola cesión desa parcela, que non expropiación, que non compra… O presidente de San Xulián, ben intencionadamente ou ben por cacao mental propio, dedicouse a mesturar conceptos que, máis parecían enfocados a meter medo nos comuneiros ante a posibilidade de quedar sen monte; como se os directivos actuasen como paladíns defensores dos terreos veciñais.

As comparacións son odiosas, pero aí están para quen entenda que hai maneiras e maneiras de dirixir unha comunidade de montes:

-en Salcedo convocouse unha asemblea extraordinaria que incluía, como asunto principal na orde do día, o debate sobre a negociación co Ministerio.

-en Salcedo leuse todo o convenio, punto por punto, que se vai asinar con Defensa para que os comuneiros coñezan de primeira man todas as condicións.

-á asemblea realizada en Salcedo asistiu o avogado desa Comunidade de Montes que participou activamente, primeiro no xuízo pola reclamación da titularidade do monte, e logo nas negociacións con Defensa: Calixto Escariz atendeu as dúbidas de todos os comuneiros desde o punto de vista legal, explicou en términos sinxelos e asequibles os aspectos máis farragosos do convenio.

-as explicacións complementáronse co apoio visual non de un plano, senón de varios; ou mellor dito, o mesmo, ampliado en varias seccións: un xeral cos terreos afectados das catro comunidades, e outros máis grandes que se centraban exclusivamente na superficie de Salcedo para que os comuneiros puideran situarse mellor sobre as dimensións da superficie susceptible da cesión.

-o presidente de Salcedo explicou en que se emplearán os cartos que obteñan anualmente pola cesión e detallou, verbalmente e con fotos, todos os investimentos que se fixeran xa para recuperar o monte improductivo e poñelo en valor.

-o debate deste asunto ocupou un longo espazo de tempo, durante o cal os comuneiros interviron ordeadamente e permaneceron na sala ata o momento da votación, malia que a asemblea coincidía cun partido de fútbol.

-en Salcedo remataron a xuntanza cun ágape de agradecemento aos comuneiros e comuneiras polo seu compromiso na defensa do monte veciñal da parroquia, que grazas ao seu esforzo conseguiron recuperar unha ampla superficie para uso e disfrute da comunidade e da cidadanía en xeral.

…………………………………………………………

[Máis información, artigo titulado: SOBRE A CESIÓN DE TERREOS Á BRILAT]

Advertisements

Responses

  1. […] utilice terreos da Comunidade de Montes de San Xulián como campo de adestramento remóntase a decembro de 2013, cando se expuxeron de forma moi superficial os termos da negociación, previos á sinatura […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: