Publicado por: MontePituco | 16/12/2013

O ANUNCIO DA ASEMBLEA NA COMUNIDADE DE MONTES

Anuncio da asemblea do 22 de decembro de 2013 na Comunidade de Montes de San Xulián.

O sábado apareceu este anuncio na porta dunha taberna. Ao día seguinte xa se atopaba nalgúns paneis informativos da Comunidade de Montes ao longo da estrada de San Xulián. É luns e a convocatoria segue sen estar dispoñible en todos os taboleiros e, entre os que carecen do anuncio está, curiosamente, o panel situado case ás portas da propia Comunidade de Montes de San Xulián.

Pode que a data que figura ao final da convocatoria careza de rigor. Segundo os estatutos, “a convocatoria da asemblea xeral farase cun mínimo de dez días de antelación”. Sen embargo, e malia cachear os principais taboleiros da parroquia, non detectamos o primeiro anuncio ata o día 14, só 8 días antes da celebración da asemblea.

Os estatutos tamén regulan que a convocatoria deberase facer “mediante notificación escrita a todos os comuneiros”. Iso non inclúe a mera exposición do anuncio nun simple panel ao aire libre. Se así fose, os estatutos non incluirían que terá que estar “exposta durante o mesmo prazo no taboleiro de anuncios do Concello, así como nos lugares de costume da entidade onde radique a Comunidade”.

Como exemplo dunha convocatoria rigorosa e ben feita está a que a Comunidade de Montes de Salcedo lle fixo aos seus comuneiros o mes pasado para anunciarlles a asemblea “extraordinaria” cunha orde de día perfectamente detallada e coa votación sobre o convenio coa Brilat como principal asunto de exposición e debate.

Convocatoria oficial da Comunidade de Montes de Salcedo aos comuneiros para a asemblea extraordinaria do 30 de novembro.

Pola contra, a convocatoria da Comunidade de Montes de San Xulián limítase a catro puntos xenéricos: lectura da acta da asemblea anterior, informe de contas, informe de xestión, rogos e preguntas. Ningunha alusión directa ao debate sobre as negociación co Miniterio de Defensa; ningunha mención á votación sobre as condicións de cesión de 18,5 hectáreas de monte veciñal á Brilat nin ao canon que cobraría anualmente a Comunidade.

Outra comparación: mentres que a convocatoria de San Xulián inclúe como “post-data” unha advertencia dirixida aos comuneiros que poden perder o seu dereito se durante tres asembleas consecutivas non asisten, a directiva da Comunidade de Montes de Salcedo lémbralles aos comuneiros que, en caso de non poder asistir poden delegar o seu voto noutro comuneiro. Esa posibilidade tamén existe nos estatutos de San Xulián, sen embargo a directiva non a publicita e só informa da penalización, non da alternativa en positivo: “Para asistir á Asemblea Xeral, un comuneiro poderá delegar a súa representación noutro comuneiro, sen que en ningún caso poida asumir máis dunha delegación. En todo caso, a delegación deberá ser expresa para cada asemblea xeral” (artigo 50º, punto 5º).

Posto que os estatutos precisan literalmente que a orde do día debe incluir “os asuntos que se van tratar”, na convocatoria da Comunidade de Montes non se aclara que nesa asemblea se vaia abordar ese asunto tan importante para o futuro da organización. A xunta directiva, sen embargo, declarou á prensa local que o 22 de decembro sería cando se sometese o convenio con Defensa ao dictame da asemblea, posto que San Xulián é a única das catro comunidades implicadas que falta por pronunciarse oficialmente.

A que se debe que a Comunidade de Montes lle poña ao anuncio unha data que non se axusta á realidade en vez de convocala en tempo e forma, cos dez días de antelación de rigor? Por que a directiva da Comunidade de Montes fecha esa convocatoria a 7 de decembro cando a prensa local, precisamente por esas datas, levaba días contactando cos directivos para publicar o dato e non foi ata o día 10 cando o Faro de Vigo cando o revelou?

Cal é o motivo de que orde do día sexa tan imprecisa e non inclúa -como debería, por normativa- “os asuntos que se van tratar” se un deles ten que ser, obrigatoriamente, o convenio con Defensa? Influirá iso de forma negativa na afluencia de asistentes á asemblea?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: