Publicado por: MontePituco | 16/12/2013

VIRXE DOS REME(N)D(I)OS E AS BEIRARRÚAS ATA A PENA

La Voz, 17 de decembro de 2013.

Son os artistas/ilusionistas dos ‘remendos’. Os mesmos que en marzo de 2012 sacaron á palestra -por algún descabelado truco de birlibirloque- a proposta de construir non un, senón DOUS polígonos empresariais no Monte Pituco, entre A Pena e Sete Camiños, sen ningún estudo serio e contrastado que avalase semellante despropósito.

Agora anuncian outra brincadeira oportunista: ampliar a dotación de beirarrúas dende a Casa de Montes ata o lugar da Pena. O seu único argumento é que o tráfico incrementouse tanto dende a apertura da Variante que supón riscos para a integridade dos peóns.

Uns peóns que, curiosamente, soportan unha densidade de tráfico menor dende a apertura do segundo treito da Variante porque a maioría dos vehículos que toman a Variante no enlace de Celulosas non saen no primeiro desvío de Marín, senón que continúan ata onde desemboca en Ardán; e a maioría dos vehículos que toman a Variante en Ardán non saen tampouco no ramal da Pena, senón que continúan ata Pontevedra.

O que máis se segue precisando para optimizar o funcionamento da Variante é unha sinalización útil que lles indique aos conductores cal é a entrada desa circunvalación, porque hainos que se seguen perdendo: pasan de longo cando queren acceder en dirección a Bueu, ou confunden a entrada en sentido Pontevedra coa outra.

O que tamén se precisa é máis seguridade para os vehículos que saen da Variante vindo dende Pontevedra, que de súpeto atópanse nunha estrada en pendente ascendente, cunha curva que dificulta a visibilidade, e con outros vehículos que baixan a unha velocidade considerable dende a zona de Figueirido e O Regueiriño.

O que tampouco estaría de máis é a dotación dalgún valado de seguridade para evitar posibles saídas de vía por parte dos vehículos que acceden á Variante en sentido Pontevedra e teñen que dar unha curva moi pechada antes de incorporarse ao carril principal.

…Pero o deseño da Variante foi como foi, cun descanso de cabeza monumental -dito sexa ironicamente- para os artífices do deseño dun vial que quedou plagado de perigos. Quen máis risco corre son os conductores que acceden á Variante, non os peóns que camiñan cerca da súa entrada/saída.

A perigosidade da curva da Pena para os viandantes é preexistente á construcción da Variante. Para expoñer tal deficiencia non houbo endexamais ningunha Asociación Virxe dos Remedios que advertise de que os veciños non teñen sitio para camiñar sen expoñerse a que un vehículo os leve por diante xusto nese punto conflictivo, ou para denunciar o deterioro do asfalto que ameaza con derrubarse pola falta dun valado de contención do terreo, ou para criticar a escasa luminosidade dese treito pola noite…

Do que se trata realmente é de que houbo uns poucos veciños que, a base de algún que outro subterfuxio trampulleiro, conseguiron reunir unhas cantas sinaturas de apoio a esa demanda: negando que houbese detrás desa petición ningunha asociación, aseguraban que a iniciativa partía de persoas a nivel particular. Unha de dúas, entón: ou a Asociación Virxe dos Remendos se apropiou dunha idea allea, ou os pescadores de sinaturas ocultaban a mantenta quen organizaba de veras a recollida de adhesións.

Xan Montenegro, que dende algures debe estar observando o panorama, non daría creto e sentiría unha mestura de risa e de lástima. Os que antano o repudiaban, o desprezaban e non apoiaban a súa histórica demanda á fronte da Asociación de Veciños de San Xulián para a dotación de beirarrúas nunha parte importante da parroquia, agora suben a un carro que el conseguiu con moito esforzo e persistencia persoal, sen colaboración ninguha por parte deste outro colectivo.

Un colectivo que, por pedir, pediría mesmo a lúa: dous polígonos empresariais, un kilómetro de beirarrúas… máxime nunha época na que as Administracións municipal, provincial e autonómica están nunha situación nada boainte a nivel financeiro.

Por pedir e saír na prensa -con pésima repercusión mediática, por certo- que non quede: mesmo que o muro do adro da Igrexa volva ao seu estado anterior, e que os Tribunais de Xustiza lle quiten a razón ao Sr. Cura para darlla aos que fundiron un feixe de cartos nunha causa mal plantexada e peor defendida. Mais como a Asociación Virxe dos Remendos e a Comunidade de Montes -pola coincidencia de cargos que as ostentan, en parte, tanto monta, monta tanto- son as únicas entidades en moitos quilómetros á redonda capaces de tropezar dúas veces na mesma pedra. Non fai falta ter moita imaxinación para intuir entón en que acabará outra quimera das súas: o contencioso contra a polémica finca do doutor Romero.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: