Publicado por: MontePituco | 12/09/2013

PLENO DE AGOSTO (e III): DE ‘MARÍA’ E OUTRAS HERBAS (actualizada)

5.- Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo e Facenda en relación coa moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE, instando ao Concello a renunciar á solicitude de cambio de titularidade do trazado da estrada PO-11, no termo municipal de Marín, feita ao Ministerio de Fomento, o 17 de outubro de 2007.

Francisco Veiga xustificou a moción argumentando que manter esa petición de transferencia supoñía “aceptar que Fomento nos entregue un vial que suporía un coste excesivo”. O concelleiro do Psoe explicou que o obxectivo no seu día fora “unir o porto, o mar e o casco urbán”, pero responsabilizou o PP de non conseguilo porque “ausentáronse da reuníón” na que se decidía o investimento, unha actitude que o voceiro socialista tildou de “bochorno” polos “8 millóns de euros perdidos”.

Manuel Santos anunciou o voto a favor do PP, aínda que aclarou que “non imos renunciar ao proxecto de soterramento” da Avenida de Ourense. Para iso habería que “agardar a un momento mellor cando a situación económica sexa máis favorable”. Aínda así, “tampouco renunciamos a que se leve a cabo se hai unha partida económica dispoñible”, engadiu.

Pola súa parte, Xosé María Vilaboa cargou as tintas contra o PP e a súa actitude “impresentable” e recriminoulle que os populares “se levantaron daquela comisión”.

A moción aprobouse por unanimidade.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción sobre a situación da flota cefalopodeira do Morrazo, instando a Xunta e o Parlamento español a ir a Bruxelas para expoñer a importancia deste sector e para renegociar o acordo que impediu volver faenar nese caladeiro; así como remitir a todos os grupos o texto da moción.

Un mes despois desa moción, o Concello de Marín vai ser o punto de encontro dunha reunión entre

o Secretario Xeral do Mar do Ministerio de Medio Ambiente, Carlos Domínguez, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o eurodiputado e presidente da Comisión de Pesca no Parlamento Europeo, Gabriel Mato, Francisco Freire e Manuel Nores en representación de Anacef e dos armadores, Xabier Aboi pola CIG, e os voceiros dos grupos municipais.

Eran as 22:30 cando comezou o apartado de rogos e preguntas.

Veiga queixouse da “arbitrariedade” coa que o Goberno local aplica as sancións, en alusión a un local que foi sancionado con 20 euros por instalar a terraza media hora antes do permitido. “Custa máis o expediente e a tramitación que a multa”, queixouse o edil do Psoe, que acusou o equipo de Goberno de tratar dun xeito a quen son “cercanos ao PP” e aplicarlle otro raseiro a outros “menos cercanos no ideolóxico”. Para xustificar a súa queixa puxo como exemplo o manido asunto do expediente ao Bng pola colocación de cartaces na vía pública; un caso que non serve en absoluto porque quedou patente que o Bloque foi pillado nas patacas saltándose polo morro as normas dunha ordenanza que eles mesmos aprobaran.

Tamén pediu explicacións de por que se estaban facendo tantas horas extra no Concello: “O que se paga agora duplica o que se pagaba cando vostedes denunciaban o aumento das horas extra”, criticou Veiga.

Sobre o primeiro asunto, Marián Sanmartín respondeu que “de arbitrariedade, nada”. Que se tratara dun caso “puntual” e que non houbera reiteración no incumprimento do regulamento das terrazas. “Alegaron que descoñecían a normativa”, explicou a concelleira. Nese momento Veiga saltou coma unha lebre para interrumpir a intervención co socorrido argumento de que o descoñecemento dunha norma non exime do seu cumprimento, pero María Ramallo pediulle que fose “educado” e deixara falar a concelleira. Marián Sanmartín explicou que se lle aplicara a aquel establecemento o baremo máis baixo de 0-700 euros porque fora a primeira vez que infrinxían o regulamento. Por contra o caso do Bng cos cartaces fora “repetitivo”.

No que respecta ás horas extra, a alcaldesa contestou que se estaba valorando algún mecanismo para “reorganizar” o servizo de augas e que o criterio das brigadas municipais era que se lles requería facer horas extra ante situacións “urxentes e necesarias”. O motivo, que “non podemos contratar empresas externas como facían vostedes”, aclarou María Ramallo en alusión á práctica habitual na anterior lexislatura.

Por se Veiga non estivera abondo espabilado, Muradas aproveitou o seu turno para meter baza por partida dobre no tema das multas: “Le ruego a usted que le diga a su concejala que mire por las sanciones, que el suelo de una falta grave es el techo de una leve”, díxolle á alcaldesa. Muradas, sempre tan hábil convertendo un comentario para remachar nun rogo, dándolle unha reviravolta para enchufar unha pregunta recén sacada da chisteira. A veteranía sempre foi un grao.

Polo demais, tirou dos seus greatest hits de cada pleno: os baches en “Seijo” -en “Seixo”, corrixiuno Isabel Martínez Epifanio-. A alcaldesa contestoulle que xa estaban arranxados; as madeiras soltas no bodrio de auditorio á intemperie diante da Casa da Cultura; a sinalización con horarios nas zonas peonís, unha pregunta que quedou sen contestar pola ausencia do concelleiro de tráfico; as obras realizadas en Ezequiel Massoni; a evolución do expedente a Antalsis…

Tamén se queixou Muradas de que a Alameda convertérase no “parque empresarial” de Marín porque “no hay acto que no hagan allí, después de haber criticado ustedes aquel despilfarro que hicimos”, dixo o concelleiro do Psoe tirando de ironía. Tamén lle “agradeceu” (máis retranca) á alcaldesa que trouxera a liquidación. Ademais, expuxo a súa inmensa preocupación porque había unha farola tirada a carón do Priorato.

O concelleiro do Psoe criticou a “política expansiva, salvaje y descontrolada” das terrazas que, nalgúns puntos, “dificultan el acceso a la Alameda”. Unha zona coa que Muradas parece estar especialmente sensibilizado, ao presguntar “quién dio la orden para podar un camelio que está allí”. E por se fose pouco, advertiulle á conselleira de Medio Ambiente que habería que facer o que deu en chamar “el peritaje de la poda” das árbores que dan -ou máis ben daban- sombra na Alameda.

A alcaldesa explicou que se volvera iniciar o expediente de Antalsis, que a sentenza déralle a razón ao Concello. En canto á liquidación, que os datos son “os da páxina do Ministerio”. Sobre a rúa Ezequiel Massoni, “nada novo”. E, entre outros asuntos que lle foi contestando, houbo unha resposta clave: “Yo no mandé podar ningún camelio”. Grandes misterios da vida municipal marinense: camelios que se podan ao libre albedrío de quen manexa as tesoiras, e montes que, coma o Pituco, alguén decide por algún tipo de estraña arbitrariedade, que sexan o lugar máis chan de todo Marín.

…Falando do “rei de Roma”… Pazos Lamoso pediu que se limpara os contenedores na parte inferior dos mesmos; demandou máis limpeza nos baños das praias e que se repuxera o papel hixiénico; preguntou polo deterioro do parque de Briz, e tamén pola cartelería das fontes sobre a situación sanitaria da auga.

Marián Sanmartín manifestoulle que a problemática de Briz era a “permanente necesidade” de estar repoñendo táboas e sucesivas deficiencias que van xurdindo nese espazo, unha “infraestrutura recente” e que presenta un desgaste “excesivo”.

Sobre as fontes, explicou que hai tres tipos de carteis, seguindo o criterio do Sergas: apto, non apto e augas sen garantía. Que unicamente aquelas fontes nas que existía un control e un tratamento da auga se instalaba o sinal pertinente de consumo apto ao público. Dos 190 puntos de auga existentes en Marín, só 20 eran da traída municipal e 90 carecían de garantía porque proceden de manancial. Entre estes últimos, os máis significativos son as fontes da Banda do río, Coirados, Vista Alegre, Ponte Zapal, Esperela, Casás, Macenlle, Mogor… O Concello faríalles unha analítica para saber se a auga era apta para beber. “Aunque sea buena, no se le puede poner que es apta porque no se somete a controles”, precisou Sanmartín, aclarando que “non se quere alarmar” coa campaña informativa realizada polo Concello nos medios. Precisamente, fora a instancias dun “requerimento veciñal” polo que se emprendera esta especie de zafarrancho de fontes, aplicando a normativa.

A outra pregunta de Pazos Lamoso sobre o parque infantil de Santomé, a concelleira do PP sinalou que inicialmente pensaran en instalar xogos e instalacións de segunda man, pero que finalmente serían novos do trinque.

Pilar Blanco preguntou por un verquido en Aguete, pola situación do acordo plenario sobre a problemática das preferentes e subordinadas de Novagalicia Banco e o compromiso do Concello de pechar contas nesa entidade, e pola repercusión do real decreto estatal sobre a ampliación de persoal en servizos básicos.

Sobre este último asunto de carácter administrativo e burocrático, María Ramallo explicou que non se pode ampliar nin crear ningunha praza, que o que se podía era cubrir as prazas existentes por razóns de emerxencia.

Marián Sanmartín aclarou sobre o vertido que houbera un día chuvioso e que o sumidoiro estivera aliviando polo regato, pero que non houbera ningún parón no bombeo.

E Santos Costa precisou que aínda non se cancelara ningunha conta, que os 700.000 euros que había na conta do Arela xa se traspasaran e retiraran.

Entre outros asuntos, Vilaboa interesouse pola sentenza que afecta aos recheos ilegais do porto de Marín. A alcaldesa respostou que estaban pendentes do asunto e dos pasos que dera a Avogacía do Estado.

Isabel Martínez Epifanio preguntou se ían cubrir a praza de técnico de intervención. María Ramallo anunciou que xa se rematara a elaboración das bases e que se enviaran ao BOP para a súa publicación. Ademais, preguntou pola problemática da “competencia desleal” no mercado de verduras coa venta de excedentes das colleitas. Cristina Acuña dixo que o control facíao o conserxe pero que non había ningún sistema para verificar a trazabilidade dos produtos.

E deixamos para o final a intervención de Carmen Villanueva que, aínda que tomou a palabra canda os seus compañeiros do Psoe, fixo un comentario entre chamativo, curioso e humorístico, ao alertar á alcaldesa de que o paseo do río Lameira estaba “cheo de marihuana”. “Las plantas todavía son pequeñas, pero quítenlas”, solicitou. A cara de María Ramallo reflectía entre sorpresa e desconcerto. No medio das risas da Corporación pareceu exclamar algo así como “pois notifíquello á Policía”, como dicindo “e a min que me dis!”.

…Cousas veredes (e oiredes) nos Plenos de Marín.

[Aínda pasou un mes ata que a prensa local recolleu a noticia]

Faro, 13 de outubro de 2013.

El Concello localiza plantas de marihuana entre la vegetación del paseo de Lameira

Se desconoce si fueron sembradas en la zona o se extendieron desde una plantación que fue eliminada meses atrás en una finca próxima – Los arbustos ya fueron arrancados


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: