Publicado por: MontePituco | 11/09/2013

A COMUNIDADE DE MONTES DE COUSO, UN EXEMPLO A SEGUIR

 

O portal web valminor.info publica hoxe unha entrevista co presidente da Comunidade de Montes de Couso, Xosé Antón Araúxo, tralo incendio forestal que o pasado 28 de agosto arrasou 18 hectáreas de terreo veciñal nesta zona do concello de Gondomar. O redactor xefe de valminor.info, Álvaro Peralta, pregúntalle ao responsable da Comunidade de Montes de Couso sobre as orixes dese lume, que se iniciou no Monte Tetón arredor das 21:00 horas e que media hora máis tarde prendía tamén no Monte da Resada. Ante a ausencia de medios aéreos que a esa hora xa non podían actuar, e a imposibilidade de contar coas brigadas da Xunta, que chegaron case dúas horas despois porque estaban atendendo a extinción das lapas no Monte Tetón, foron os efectivos contra incendios contratados pola propia comunidade os que acudiron a tratar de parar o avance das lapas.

Dá gusto escoitar esta entrevista. Nesta comunidade practican un modelo de xestión multidisciplinar do monte. Aínda que as reflexións de Xosé Antón Araúxo xiran arredor das deficiencias na política forestal e contra-incendios da Xunta, coa que se amosa moi crítico, transcribimos en especial os fragmentos nos que o presidente desta entidade explica como entenden en Couso o valor do patrimonio arqueolóxico existente no monte veciñal, o compromiso desta xunta rectora coa recuperación de mámoas e petroglifos, a promoción destes elementos como reclamo turístico e como motor de desenvolvemento económico da comunidade.

“Nós podemos atender nas zonas limpas, esperar alí e apagalo con batelumes, porque se o monte está limpo é moito máis facil combater o lume”.

“…Tivemos algo de sorte. A nós ardeunos parte do Castro do Facho pero por sorte esa zona estaba limpa porque habitualmente facemos roteiros por aquí e foi onde puidemos parar o lume. No Monte da Resada acabaramos de facer unha plantación de pinos, tiñamos limpo e paramos o lume”.

No monte do Facho temos un castro está aínda por excavar pero está musealizado. Forma parte dun roteiro de sendeirismo que temos aquí e, xunto co castro, temos mámoas e petroglifos”.

O entrevistador pregúntalle ao presidente da Comunidade de Montes de Couso con que medios contan para afrontar os traballos de prevención que permitiron salvar a maior parte do castro, do mesmo xeito que tamén foi posible evitar que o incendio do Monte Tetón perxudicara os valiosos petroglifos desa zona. Un traballo constante, de ano tras ano…

“A Administración tiña que apoiar máis as comunidades, que son as que poden aliviar estas catástrofes. Hai comunidades que fan un labor importante de limpeza. Sen o traballo da Comunidade de Montes de Tebra non existirían os petroglifos do Monte Tetón, e a nós pasaríanos tres cuartos do mesmo. Os recursos que temos son da corta da madeira, que cada ano vai minguando o seu valor, por iso son importantes as axudas que poidamos ter da Administración”.

“Nós temos un plan de ordenación do monte aprobado hai dous anos. Un plan de ordenación que pode ser a 10 anos vista, de modo que en cada zona vas poñendo a especie que consideras máis axeitada. Tratamos de diversificar: eucalipto, pino, frondosa, e mesmo produccions alternativas á madeira, como cogumelos e froitos do bosque”.

“O plan de ordenación deberían facelo todas as comunidades. Para acceder a subvencións hai que ter un plan de ordenación e agora por lei hai que ter xustificado un investimento do 40% no monte. O mínimo que ten que ter unha comunidade é un plan, para saber o que quere facer”.

O monte ten un potencial enorme de recursos, ten un futuro laboral tremendo. Pero para iso hai que apostar por el, por politicas preventivas, proxectos de inversión que poidan dar ingresos alternativos á madeira. O que non podemos é deixar o monte abandonado e facer politicas de extinción, porque estase promocionando que haxa incendios para xustificar esas políticas

“Á parte de ter os nosos propios técnicos, enxeñeiros forestais e biólogos que nos asesoran, estamos na Mancomunidade de Montes do Val Miñor, que nos facilita información a respecto de iniciativas, subvencións e alternativas que pode haber; conversas con distintos colectivos profesionais e non profesionais que nos asesoran e informan de posibilidade que pode haber para o monte”.

“Se non é polas comunidades de montes que se preocupan polo patrimonio, a Xunta non fai caso disto e teno abandonado. Grazas á voluntariedade das comunidades e dos colectivos que se preocupan por poñer isto en valor. Tendo o patrimonio que temos, nós decidimos facer dous roteiros de sendeirismo e agora estamos traballando noutro. Temos máis patrimonio que estamos descubrindo e queremos poñelo en valor e darllo a coñecer á xente. Cómpre darlle un uso alternativo ao monte, que non só é para cortar madeira: hai que disfrutar del, ten que ser un área de lecer. É como ter unha Catedral de Santiago aquí ao lado pero sen ter que pagar por ir visitala. Paseas por aquí e disfrutas do teu patrimonio”.

Na entrevista tamén se lle pregunta a Xosé Antón Araúxo pola relación da Comunidade de Montes de Couso con outros colectivos, como cazadores, propietarios de gando ceibe que pasta entre as serras do Galiñeiro e da Groba e outras entidades vencelladas ao monte.

“O monte ten cabida para todo o mundo. Temos unha boa realación cos cazadores, cos que estamos pendentes de asinar un novo convenio. O respecto é mutuo. Tamén cos colectivos de sendeirismo, que mesmo fan un labor social importante, porque ademais de disfrutar do monte, serven para disuadir os pirómanos no verán, e o resto do ano á xente que vén botar escombro ao monte. A convivencia é boa e debe ser asi porque apostamos porque no monta haxa animais, caza e persoas que disfrutan do monte. Ten que ser un caixón no que caibamos todos”.

Temos unha chea de patrimonio que non poñemos en valor. Se puxeramos en valor todo o patrimonio que temos, poderiamos crear moitos postos de traballo arredor del; ben co gando, ou coa arqueoloxía. Noutras partes de Europa isto sería un potencial económico enorme e estaríanos explotando. Aquí é un camiño que se está empezando a andar e que algún día dará os seus froitos”.

A actitude e a filosofía da Comunidade de Montes de Couso choca radicalmente con plantexamentos máis inflexibles no que respecta á conservación e á posta en valor do patrimonio arqueolóxico. Os responsables do monte veciñal ao que pertence o Pituco non só non se ocupan da limpeza e da protección de conxuntos rupestres catalogados como os de Pornedo, Sete Camiños ou Pinal de Caeiro, senón que tampouco autorizan a que outros colectivos fagan ese labor tan necesario de forma voluntaria e contando coas garantías de supervisión pertinentes por parte de arqueólogos profesionais.

A Comunidade de Montes de Couso lamenta que a Xunta non dea apoio financeiro para realizar ese traballo e, aínda así, exerce a súa responsabilidade actuando pola súa conta na limpeza dos xacementos e na sinalización de rutas de sendeirismo. Outras comunidades, en cambio, por riba de incumprir a Lei de Patrimonio, adoptan unha posición desafiante: “Que nos obriguen!”.

Mentres tanto, o patrimonio arqueolóxico segue nunha situación de indefensión progresiva porque, lonxe de adoptar algunha medida para minimizar os riscos de que se destrúa, os responsables do monte comunal non fan nada para evitar que o deterioro do contorno vaia a peor. A súa decisión está claramente encamiñada a deixar que o patrimonio histórico se estrague.

Otro exemplo real do bo resultado dos labores de limpeza e prevención de lumes témolo precisamente no Monte Tetón. Xilberte Manso, do Instituto de Estudos Miñoranos, é o autor do seguinte artigo sobre o impacto negativo e irreversible dos lumes nos gravados rupestres, de polo menos 4000 anos de antigüidade.

Foto: Xilberte Manso (Instituto de Estudos Miñoranos).

<< Lume no monte Tetón >>

Estes últimos días o lume fíxose protagonista, un ano máis, no noso país, e no Val Miñor e o Baixo Miño tocounos en lugares senlleiros nos que vimos perigar parte importante do noso patrimonio, natural e arqueolóxico.

Falar dos lumes dos nosos montes e de todo o que conlevan, cústanos particularmente pola cantidade de emocións e sentimentos que nos producen. Despois da primeira sensación de abatemento e de carraxe, veñen outras a seguir nas que se cruzan coido que todas as nosas conexión neuronais nun caos que produce ante todo una sensación de impotencia e de frustración, por non ser capaz de buscarlle solución a este andazo que nos persegue ano tras ano. Lemos as crónicas e vemos os informativos, os comentarios nas redes sociais, os debates que no mundo do ecoloxismo se producen e as reaccións nas persoas que levan anos a loitar pola protección do noso patrimonio natural e cultural, e en todas vemos as mesmas reaccións e sentimentos. Unha grande frustración e sobre de todo carraxe, moita carraxe.

Todo isto leva a que se fagan as veces comentarios e xuízos fortes, moi fortes, que se entenden, mais que resultaría difícil compartir pasado o tempo da primeira reacción e a quentura deses primeiros intres. O desespero é mal compañeiro para a análise seria e rigorosa.

Non imos reflectir pormenorizadamente nestes intres a nosa opinión sobre a orixe dos lumes e as súas consecuencias para o país. Só queremos facer un pequeno repaso do que sucede nas nosas rochas gravadas, nos abondosos e importantes petróglifos que temos na contorna.

Sabido é que a rocha a pesares da súa dureza, co paso do tempo e a as inclemencias do tempo vaise erosionando e mudando a forma. O tempo para que isto suceda ha de ser moito, dependendo da composición da propia rocha e do lugar no que se atope. De aí esas fermosas paisaxes que, por exemplo, máis abondosas na costa, atopamos de cacholas, covas e pías feitas como pola man dun artista, nas pedras graníticas. Bolos e e outeiros, modelados polo vento, a auga e o salitre que chega do mar moitas veces agochado entre as néboas e a poalla que pinga silandeira, paseniñamente moitos días perante o pasar dos anos. Como o devalar das ondas, vai e ven o frío e a calor, as estacións, e o clima pulen e modelan a codia da terra, sexa esta de pedra, gran, area ou pó. Todo isto é natural e pasa en milleiros de días que a vida dunha persoa só pode apreciar moi lixeiramente, se acaso .

O noso monte e a paisaxe están moi antropizados, é dicir, moi modulados pola man do home que perante milleiros de anos os vén aproveitando para a súa subsistencia e mantemento. Nos derradeiros cincuenta anos, a nosa paisaxe e os nosos montes están a mudar moi rapidamente, principalmente polo abandono do rural e a a conversión do que era unha economía baseada no agro e a gandería, nunha economía baseada no sector servizos e no desprazamento do groso da poboación para as grandes cidades e vilas, deixando grandes áreas do territorio cunha poboación envellecida e escasa en relación aos números de hai uns anos.

Por outra parte hai un grande interese nesa terra , que queda desatendida , por parte de empresas e grupos de investidores que atopan grandes extensións de terreo a moi baixo prezo para implantar os seus negocios, que nada ou pouco teñen que ver con aquel sistema antigo de relación e equilibrio do medio e os seus habitantes, na que a sostentabilidade primaba nas relacións e interaccións. De aí que onde aínda se conservan modos e usos do monte tradicionais , se vexan “atacados” por moitas frontes distintas que os fan cada vez máis difíciles de soster no tempo. O lume, a burocracia lexislativa , o novo urbanismo e a especulación e os intereses sobre as materias primas do subsolo e o ar, están a provocar a aceleración do abandono total do rural para que, xa libre de defensores e poboadores, sexa ocupado dun xeito masivo polas industrias e empresas as que só lles interesan as súas contas de resultados e o lucro curtopracista.

Vemos agora, como en pouco tempo a man do home pode facer mudar a paisaxe e destruír irremediablemente parte do noso patrimonio natural e cultural. Xa non é o vento ou a chuvia os que en milleiros de anos modelan as rochas, son as máquinas e o lume , que reiteradamente provocamos nos montes, os que os estragan ou mutilan.

O lume faille moito dano aos petróglifos, e todos os anos vemos como desaparecen ou son danados nalgunha parte do noso país pedras gravadas hai miles de anos. Mais tamén podemos ver como o traballo ben feito e a precaución e prevención salvan gravados.

Temos un exemplo no monte Tetón, onde o lume arrasou o monte no que se atopa o Real Seco, cunha pedra gravada co maior petróglifo de círculos concéntricos do noso país , pero non chegou a danar a pedra ao estar esta limpa e coidada.

Si danou o peche perimetral de postes de madeira, pero ao non haber maleza ou restos de leña perto ou enriba da pedra, non sufriu danos.

De aquí a recomendación que sempre damos aos propietarios dos montes, as comunidades e as autoridades, para que limpen e rocen os lugares nos que se atopan as pedras gravadas.

Unha limpeza do monte salva ao propio monte de arder. As veces é difícil e custoso limpar todo o monte, entendémolo. Mais hai que buscar fórmulas e xeitos de manter o noso patrimonio protexido, nas que a colaboración entre propietarios e autoridades municipais e autonómicas sexa a peza fundamental para a consideración e valorización dos petróglifos dos que todos poidamos tirar proveito.

O que hoxe se considera custo pode reverter e converterse en beneficio. E , non esquezamos que o beneficio non só hai que medilo en euros.

Para salvar a Galicia do lume, coidemos o monte e o noso patrimonio. Obteremos o beneficio que todos necesitamos e que , parece, outros queren levar.

[Xilberte Manso. Val Miñor, 11 de setembro de 2013]


Responses

  1. Non entendo a foto. A foto corresponde ao petróglifo do Real Seco. Pero o Monte Tetón non está en Couso.(Gondomar) senón en Tebra (Tomiño)

    • A información da que nos facemos eco era réplica dun artigo do IEM. Certamente, o Monte Tetón non está en Couso, pero na ruta na que participamos este pasado fin de semana, no petróglifo do Sobral falaban doutros xacementos interesantes na zona e aludían ao Tetón, entre outros representativos, tamén no norte de Portugal.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: