Publicado por: MontePituco | 05/09/2013

PLENO DE AGOSTO (II): ACUANORTE/ACUAES

4. Dictame da Comisión Informativa de Urbanismo e Facenda sobre a Addenda nº1 ao convenio para a construcción da actuación “Novo abastecemento de auga a Pontevedra e á súa ría”.

Manuel Santos Costa comezou explicando que o proxecto experimentara un incremento de 300.000 euros ata un total de 1,1 millóns, a pagar en tres anualidades. Unha previsión na que “é probable que se produza unha rebaixa”, precisou. O concelleiro de Facendo destacou que o Concello comprometíase a achegar fondos propios para non embarcarse nunha operación de crédito. En calquera caso, xustificou a necesidade deste investimento argumentando que era unha obra “necesaria” para Marín porque “garante un servizo básico”.

Dende a facción nostálxica da oposición polos tempos de mandato que xa son auga pasada, Pazos Lamoso asegurou que o proxecto de Acuanorte xa llo presentaran ao anterior goberno, que chegara á conclusión de que “non era interesante”. “Ustedes sí, por oposición ao posicionamento do goberno”, engadiu o concelleiro socialista. Ao que cumpriría lembrarlle iso de “díxolle a pota á tixola”. Porque case por sistema o xogo político consiste niso: en que un diga ou faga unha cousa, e o seu opoñente critique ou rexeite esa medida e reclame outra medida contraria. Mais no caso de Pazos Lamoso nunca é tarde para caer dun guindo, ou para pronunciarse sobre asuntos insignificantes que son de simple manual, como se a veciñanza fose parva.

“Lo de ustedes fue una corazonada, a ojo de buen cubero”, seguiu insistindo o edil do Psoe. A ollo tamén debeu calcular o tándem Psoe-Bng a ubicación do polígono industrial no Espazo Natural Protexido do Monte Pituco. Ou sacar o proxecto dun caixón vello. A iso chámaselle arbitrariedade e vagancia; é dicir, falta de rigor e irresponsabilidade.

Outros defectos que lle sacou Pazos Lamoso ao proxecto de Acuanorte/Acuaes son que esa actuación ía “hipotecar por moitos anos” o Concello, e que o interventor municipal “en ningún momento di que a obra sexa necesaria”. A lista de “peros” foi aínda máis longa: que non era competencia municipal, senón de Augas de Galicia; que non se melloraba a ningunha poboación; que non se coñecía o “custe real” da obra: “Usted firma y el que venga detrás que arree”, espetoulle Pazos, ansioso por volver recuperar o seu cargo na primeira liña da política local; que os custes non tiñan sumado o IVE e por tanto as cifras aumentarían un 21%; que pasaba se se perdían os fondos Feder se non se cumprían os requisitos tan estrictos que se marcan para lograr as subvencións; que se lle triplicaría o recibo da auga aos veciños.

Vilaboa seguiu enumerándolle eivas ao proxecto de Acuaes: que a addenda que modifica a porcentaxe de investimento inicial baixa en todos os concellos menos en Marín, onde sobe un 6%; tamén cuestionou que os 300.000 euros a maiores se deban ao custe de remodelar o trazado para que a rede de abastecemento de auga vaia por viais; que calquera modificación do orzamento ten que asumila o Concello; preguntoulle ao Goberno local que partida recurtaría do futuro orzamento para asumir ese sobrecuste, canto custaría a obra realmente e cal sería o límite máximo do Concello na aportación de financiación con cargo ás arcas municipais; criticou a “incertidume” da que fala o informe de intervención, segundo o voceiro do Bng; se estaba calculado o que suporía o aumento do orzamento no recibo da auga…

Xosé María Vilaboa afirmou que, aínda que o negase, o PP “era coñecedor” en febreiro deste ano de que o proxecto incluía un depósito en Cadrelo porque recibiran o plano, e que por riba, a construcción dese novo depósito en Cadrelos fora “unha demanda do PP”. “Pero ao ver os veciños alporizados saíron de salvadores”, criticou o concelleiro do Bng.

Para rematar a súa intervención, referiuse aos comentarios nas redes sociais por parte da plataforma de afectados polo proxecto de Acuanorte: “Non estamos convencidos das explicacións, son só palabras, non hai feitos estudos, está todo no aire e as palabras lévaas o vento”. Tres palabras engadiu Vilaboa, que xa son un tópico do chascarrillo político-social: “Fin de la cita”.

Por outra parte, Isabel Martínez Epifanio non se amosou conforme coa addenda porque “en 20 meses estamos como estabamos e seguen traendo borradores”. Coincidindo cos demais voceiros da oposición, a representante de Mar-In reiterou que “non hai datos para saber canto vai custar, nin sabemos se teremos cartos para saber se o Concello poderá asumir isto, financeiramente”. Tamén insistiu en que “esta obra é de interés xeral” e os seus responsables terían que ser Augas de Galicia, a Administración do Estado e Europa. “Non teñen por que meter os veciños nisto”, protestou Isabel Martínez, reprochándolle ao Goberno local que “empéñanse en trampear e darlle a volta dicindo que pagará o Concello”. E por riba de non saber a ubicación do segundo depósito, “temos que pagar as obras do técnico de Acuaes” que veu a Marín a explicar a reforma do proxecto.

No seu turno de réplica, Manuel Santos queixouse de que os concelleiros da oposición “entenderan pouco de que vai isto”. En alusión a Pazos Lamoso, negou que o PP actuase “por oposición” ao Psoe, senón porque a obra parécelle “fundamental” para Marín. “Esto está avalado por un estudio de ustedes de 2008 que decía que hacía falta un nuevo colector y un depósito en Cadrelo para garantizar el suministro de agua”. Tamén lle rectificou que o IVE correspondente non sería do 21% senón do 10%. E ante as críticas de Vilaboa recalcou que o incremento do prezo debíase a que o novo trazado era “máis longo e había que repoñer viais”. Para contestar ás advertencias sobre o aumento do recibo da auga, Santos afirmou que o técnico de Acuaes dixera que “o recibo podíao incrementar o Concello ou non, que era unha decisión política” e, en caso de que se decidise repercutilo, rondaría o “euro e pico ao ano”.

“A Vilaboa para que lle vou contestar se di que non me cre”, continuou o concelleiro de Facenda. Ademais, lembrou que o Goberno local de Pontevedra -Bng/Psoe- tamén rexeitara sumarse á operación de crédito por consisderalo “caro”. Santos acusou o Bng de Marín de “desinformar” aos veciños polas parroquias e de “manexar moi ben” as redes sociais, atribuíndolle a unha “plataforma vencellada ao Bng” os comentarios negativos e desconfiados dos veciños afectados.

A oposición non achegou novas ideas; o segundo turno só serviu para repetir o que xa dixeran na primeira quenda de intervencións, se acaso elevando as críticas ata o límite da descalificación.

De “contas do trileiro” falou Pazos Lamoso: “Explíqueme a min que non o entendo, que son moi torpe”. Dende logo, o concelleiro que xura e perxura que o Pituco é o sitio máis chan de todo Marín non consegue facerse o chistoso, por máis que o intenta. “Usted debe ser un inconsciente, está firmando algo que las próximas generaciones durante 45 años van a pagar sus gracias”.

No seu descargo hai que apuntar que si fixo un comentario novidoso, solicitándolle ao Goberno local que se dirixira a Acuaes para pedir “un estudo da compoñente variable”. Tamén retomou a sombra de dúbida sobre a financiación europea do 70% se non se cumprían os requisitos: “Puede salir una empresa golfa como Antalsis en el proyecto Arela o como OCA en en Nudo de O Pino y que nos pasen el calote de asumir todo eso”.

“Usted no lee lo que firma”, criticou Pazos Lamoso, advertindo que o Goberno local tería que poñer “o prezo que marque Acuanorte”. Unha vez máis, baseou a súa disconformidade en que Santos Costa “non ten nin un só dato que avale a necesidade da obra”. “Tiña que ir a Augas de Galicia para que entre no convenio; se consegue iso fágolle un monumento”, concluiu Pazos Lamoso.

E Defende o Monte Pituco faille otro monumento a Pazos Lamoso se consegue demostrar que o Monte Pituco é o sitio máis chan de todo Marín.

Vilaboa volveu repetir as preguntas de antes, insistindo en se o Goberno local “ten crédito no orzamento prorrogado de 2008 para pagar 200.000 euros”. Retranca made in Bng que, por riba, atribuiuse o mérito de que o Concello tivera que apurar o cambio do trazado porque o grupo municipal nacionalista “fixemos o noso labor”. Que arte ten Vilaboa arrimando a ascua á súa sardiña… “O futuro é negro, imos pagar un bo recibo pero vai quedar enriba súa”, alertou o concelleiro do Bng.

Isabel Martínez lembrou por enésima vez que “podemos estar de acordo en que a obra é importante, pero non a temos que pagar nós”.

Antes de votar, Santos Costa quixo redundar na cuestión de que “calquera obra págana os veciños, pero ese investimento non a repercutimos no recibo da auga; outra cousa é que haxa que actualizar as taxas”.

…Aí é onde está a nai do año. Que aumente a factura pero se disfrace o motivo”. O resto é falar por falar. A oposición votou en contra pero perdeu a votación cos votos a favor do PP. Coma sempre.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: