Publicado por: MontePituco | 03/09/2013

DESBROZAR A PISTA EN PLENO AGOSTO?

DEFENDE O MONTE PITUCO levaba moito tempo demandando ante a directiva da Comunidade de Montes unha actuación na pista forestal do Monte Pituco, en dúas liñas: reparar o firme de terra, estragado, desnivelado e recheo de verquidos de restos de obra polos socavóns debido á erosión das augas pluviais que, tendo atascados os regos laterais, baixaban polo medio e medio do camiño; e consecuentemente, o desbroce desas canles, cubertas de vexetación que nalgúns puntos mesmo estreitaban o espazo para o tránsito de persoas e vehículos.

En principio, existía un compromiso por parte da directiva para realizar eses traballos. Na asemblea de agosto de 2012 os responsables da Comunidade explicaron que lle solicitaran á Xunta unha subvención para realizar traballos de limpeza nas marxes de 9 quilómetros de pistas e de cortalumes, e para a reparación doutros 12 quilómetros de pistas. No apartado de rogos e preguntas, un veciño solicitou que nese plan se incluíra a pista forestal do Pituco, polos motivos expostos.

[Imaxes do estado da pista forestal do Pituco, en xullo de 2013]

Cartaz prohibindo verquer lixo, cuberto de vexetación (xullo de 2013).

Estado da pista en xullo de 2013, co firme estragado e as marches cubertas de vexetación.

Estado da pista forestal do Monte Pituco en xullo de 2013.

…Esa actuación facíase esperar. Na asemblea explicaran que o plan de traballo íaselle presentar á Xunta á finais dese ano 2012. Dende entón non houbera máis noticias.

Por desgraza, o que dende logo tiña que ser unha actuación benvida, celebrada e aplaudida, por necesaria, por esperada, por reiterada, por fin se fixo realidade.

O cuestionable é a época na que se levou a cabo: en pleno agosto, durante uns días -a semana pasada- de altas temperaturas e alto risco de incendios, con media Galicia ardendo, fora pola acción criminal e premeditada dos pirómanos, fora por imprudencias.

Para mostra, o lume que se declarou no monte de Salcedo o pasado 14 de agosto a causa duns traballos forestais que se estaban a facer sen coñecemento da Xunta de Montes, tras unha tala da que quedara pendente o trillado dos restos de madeira.

Para mostra, a medida adoptada estes días pola Comunidade de Montes de Vilaboa, prohibindo o acceso ao monte con vehículos para recoller leña, en previsión de que algunha chispa fortuita prenda e cause unha desfeita irreparable. Unha decisión que adoptan en cumprimento, precisamente la ley de prevención de incendios forestais de Galicia.

[Cartaz instalado na zona de Castiñeiras pola Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres].

Foto da Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres, Vilaboa.

Para mostra, as declaracións efectuadas esta semana por brigadistas expertos en extinción de incendios:

O nunca visto, endexamais na vida, é que se poñan a a desbrozar en pleno agosto”, cuenta un experimentado brigadista. É un clamor nas queixas dos profesionais na loita contra o lume: a limpeza de montes, a prevención, debe facerse antes da campaña de máximo risco”. [El País-Galicia, 31 de agosto de 2013]

Pero San Xulián debe ser “sitio distinto” e, así foi como atopamos a pista este pasado fin de semana:

Pista forestal do Monte Pituco, desbrozada a semana pasada.

Pista forestal do Monte Pituco, desbrozada a semana pasada.

Pista forestal do Monte Pituco, desbrozada a semana pasada.

Pista forestal do Monte Pituco, desbrozada a semana pasada.

Os restos vexetais acumulábanse no rego do lado do Alto do Pornedo. Na outra beira da pista as máquinas non repasaron ben a pista ata o extremo co terraplén, de xeito que quedou unha “cortina” de broza que pronto seguirá medrando. Debaixo desa maleza apareceron todo tipo de obxectos: botas, restos de carriños, bolsas con refugallos de obra… Os operarios limitáronse a retirar a vexetación e eses residuos non se recolleron para depositalos nun contenedor ou nun punto limpo.

Os restos dos traballos de desbroce, na canle pola que baixarían as augas pluviais.

O que había debaixo de tanta vexetación.

O que había debaixo de tanta vexetación.

O que había debaixo de tanta vexetación.

Tal vez a actuación nesta pista non estea aínda rematada de todo; a reparación do firme non se levou a cabo e se cadra nos plans da Comunidade de Montes barallan acometer unha segunda fase dos traballos para rematar de limpar e achandar a superficie da pista. Haberá que agardar.

O que podería ter sido unha actuación brillante quedou deslucida, en primeiro lugar, pola inoportunidade da data elixida. Por máis que as máquinas que realizan ese tipo de labores de desbroce estean acompañadas por un depósito de auga en prevención dalgunha incidencia, como nos teñen informado.

Tamén foi inoportuna a época elixida porque quen ordeou os traballos parece descoñecer por completo os ciclos naturais da flora existente no monte. As coitelas mecánicas non só levaron por diante xestas e codesos, ou árbores incipientes que medraron en mal lugar; senón tamén plantas que, a priori, semellan inútiles ou mesmo molestas, pero que cumpren unha función cos seus froitos: alimentar a fauna que habita no monte.

Así como tería sido benvido o acondicionamento da pista, foi decepcionante comprobar que as desbrozadoras arrasaran as silveiras que estaban ateigadas dunhas xenerosas amoras, de excepcional tamaño pola bonanza do tempo e nun estado de maduración bastante óptimo. Nalgúns montes galegos e mesmo doutras comunidades, as moreiras representan unha fonte de riqueza e xeración de recursos económicos para quen se dedica á súa recolección e venda en mercados e establecementos especializados.

É como se sulfataran con herbicida unha veiga antes de recoller o millo ou as patacas, por exemplo, cargándose a produción; ou como se podaran unha viña antes de facer a vendima. É unha mostra da falta de planificación, da ausencia dunha visión de conxunto, de non pensar antes de actuar, como se o fin xustificara os medios e só importara o resultado inmediato, sen avaliar o proceso que cómpre realizar para culminar un traballo irreprochable.

E facemos estas reflexións mentres o helicóptero de vixiancia contra incendios sobrevoa o Monte Pituco. E mentres, contemplamos, con cara de parvos, a única amora que fomos capaces de colleitar en todo o camiño. Adeus marmelada ‘made in’ Monte Pituco. Haberá que buscar outras silveiras ou agardar a que medren de novo as da pista. Que medrarán…

O helicóptero de vixiancia, sobrevoando este pasado fin de semana o Monte Pituco.

Haberá que esperar a outro ano para ter marmelada de amoras 'made in' Monte Pituco.

 


Responses

  1. […] última vez que se limpara a vexetación neste vial foi en agosto de 2013, nunha época de calor abafante que, tal como se denunciou neste blogue, máis que unha medida […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: