Publicado por: MontePituco | 02/09/2013

ALÚGASE BAR CON CHURRASQUEIRA

Documento anunciando o aluguer do bar, con data do 23 de agosto de 2013.

Alúgase bar con churrasqueira.

…Que non churrusqueira. Porque a experiencia dinos que a persoa ao cargo da Casa de Montes non é xente especialmente churrusqueira (definición da Real Academia Galega: 1. Que resulta agradable e simpático polo seu carácter, polo que di etc. 2. Dotado de garbo e elegancia). En todo caso, un/unha pode saír de alí -metaforicamente falando- churruscado (do verbo churruscar: asar ou tostar demasiado algo, segundo a Real Academia Española).

E como mostra, o que contabamos en xaneiro de 2012 no artigo titulado “Os criterios para anunciarse na Casa de ‘Cultura’ de San Xulián”, sobre a arbitrariedade coa que se poñían según que anuncios de actividades e presentacións no taboleiro da entrada. Na (i)lóxica interesada de quen viña sendo responsable de ‘gobernar’ a chalana, os ‘amigos’ e usuarios directos das instalacións tiñan ao seu dispór un marco acristalado, non fora ser que os folletos se mancharan cunha mota de pó ou se enrugaran coas mans torpes de calquera parroquiano/a. Para os estraños e os ‘parias’ insurrectos e rebeldes que non comungaran coa política sectaria do réxime, había -a poucos metros, no exterior do recinto- un panel de madeira á intemperie. E grazas. Aí mesmo, puxemos -e repuxemos, logo de que o arrincara algunha mente boicoteadora- o noso humilde cartaz anunciando a presentación do documental “Espazo Sete Camiños, encrucillada no tempo”. Que por certo, foi todo un éxito, co Teatro Principal de Pontevedra cheo a rebosar de xente interesada no patrimonio arqueolóxico, no medio ambiente e na Cultura.

…Quen quere un taboleiro acristalado nun reducto do mundo cunha mentalidade tirando a estreita, tendo un feixe de persoas e colectivos en toda a bisbarra que apoian un proxecto ben plantexado, respectuoso co territorio e potencial xerador de riqueza e dinamismo. Mais é o detalle…

Pero seica -de aquí a pouco- poden empezar a correr novos ventos pola Casa de Montes de San Xulián. Non é doado atinar nos motivos reais, pero igual a falta de talante en exemplos como o exposto teñen algo que ver: os malos modos, o descontento dun sector dos que viñan impartindo actividades, a falta de diplomacia e cordialidade que se lle presupón a quen está de cara ao público, a falta de profesionalidade, en definitiva… son modestas hipóteses.

Hoxe remataba o prazo de 10 días naturais -dende o 23 de agosto- para que as persoas interesadas se dirixiran á Comunidade de Montes para optar ao aluguer do bar. Un bar que, efectivamente, nos últimos días estivo máis tempo pechado que aberto: coas portas a cal e canto e coa terraza desmontada mañá, tarde e noite, agás contadísimas excepcións dalgún serán no que, visto o panorama dende fóra, as persoas que se atendían no interior contábanse cos dedos dunha triste man.

Porque o bar da Comunidade de Montes -e por extensión o “control” de todo o edificio- era un instrumento que os últimos xestores que tivo parece que o exhibiran como demostración de non se sabe que caste ridícula de poder: “mira que importante son, que teño un bar, e aquí mando eu”.

Na asemblea da Comunidade de montes de agosto do 2012 o presidente anunciou que a directiva da Comunidade decidira alugarllo á tesoureira: “Como ela estaba alí e nós tiñabamos potestade para alugarllo, foi decisión da directiva, menos dous votos -un en contra e unha abstención- que a partir de xuño o teña alugado. Legalmente é tesoureira da Comunidade e ten o bar. Pregunteille ao señor avogado e dixo que non había problema ningún. Cada un pode pensar o que sexa, é moi fácil, pero agantar a todo o que vén aquí, non só os que veñen consumir, con algúns hai que ter bemoles, e críticas e máis críticas…” (artigo “Asemblea de agosto III”).

Ela “xa estaba alí” porque tiña un taller de costura instalado no primeiro piso do edificio, consumindo electricidade, auga… Así calquera ten un taller, cando outros autónomos teñen que alugar un local e pagar as facturas dos servizos correspondentes. Pero segundo o presidente “non había problema” ningún de tipo legal, e que cada quen pensara “o que sexa”, que xa bastante sacrificio era “agantar” a clientela, como se os veciños da zona ou os potenciais usuarios foran xente apestada e sen clase, indigna da atención distinguida e exclusiva dun establecemento de hostalería tan elitista.

Houbo quen cuestionou a decisión, baseándose nun evidente conflicto ético: non parecía razoable que alguén da directiva da Comunidade de montes, para máis “inri” ao cargo da sección económica da mesma, fose arte e parte na xestión dun local que durante moito tempo xerou cuantiosas perdas. Nese amplo e abstracto abano para “malpensar” calquera podía sospeitar que se mesturasen intereses e cartos en beneficio propio de quen tería a responsabilidade de responder con transparencia e honradez ante un cometido tan delicado.

Houbo quen se queixou tamén da competencia desleal que se estaría promovendo dende este bar na organización das consabidas “B(V)BC” -vodas, bautizos, comuñóns”, en detrimento doutros establecementos que, a diferenza deste bar, teñen perfectamente en regra todas as licenzas administrativas, carnets en vigor para a manipulación de alimentos e demais requisitos técnicos e burocráticos.

Depende agora dos responsables da Comunidade de montes atinar na adxudicación do polémico bar e poñer esas instalacións en boas mans, alleas á directiva da entidade pero, se fose posible, de maneira que sexa alguén da parroquia quen teña unha oportunidade laboral. Pero quen se enterou desta oferta? Que publicidade se lle deu? Houbo posibilidades de que a convocatoria chegara, cando menos, a todos os recunchos da parroquia ou do resto do Concello?

Foron contados os espazos nos que se lle deu visibilidade a ese anuncio. En ningún dos paneis da Comunidade de Montes situados ao longo da estrada xeral de San Xulián estivo á vista. A imaxe que encabeza este artigo procede do expositor situado a carón do colexio do Carballal onde, por certo, durou pouco tempo. Foi premeditada esa limitación por parte da directiva da Comunidade? Procedía que se fixera extensible ao taboleiro de anuncios do Concello? Por que non se publicitou na prensa local? Está adxudicada de antemán a xestión do bar e acaso a exposición da oferta de aluguer foi un xesto de cara á galería? Quedan no aire ese lote de preguntas retóricas.

E como en todo relato circular, cómpre un último apuntamento sobre a famosa churrasqueira. As pezas coas que se fixo o asador que dende hai poucas semanas se instalou na terraza do bar da Casa de Montes, estaba instalado na área recreativa do Monte Pituco, onde hai anos a empresa construtora da Variante de Marín fixo un recheo de terra consentido pola directiva da Comunidade da época. Como xa se informou no artigo “A fraude polo desmantelamento da área recreativa”, tomouse esta medida sen previo aviso, cun criterio feble e caprichoso, coa excusa de que o mobiliario instalado nesa zona fora agredido en sucesivos actos vandálicos. Se foi así, debeuse en todo caso á deixadez absoluta da Comunidade de montes. E se a “excusa” era instalar máis mesas e bancos na arboreda a carón da estrada de Figueirido, a Comunidade ten recursos económicos abondo para mellorar a dotación dese merendeiro e reparar os desperfectos na área recreativa do Pituco, esforzándose minimamente para darlle o contido que nunca tivo en vez de rematar de desnaturalizala.

Peza da churrasqueira que se ía instalar da arboreda a carón do Monte Pituco.

Obras de reubicación do mobiliario que había na área recreativa do Monte Pituco.

Se acaso, quen tomou esa decisión o fixo en base a unha crenza torpe: que retirando as pezas de granito xa lle deixaba vía libre ao polígono “reptante” que, como siga desprazándose en dirección descencente, o día menos pensado vai acabar nas veigas da Curxeira. Pero antes de que xurda semellante plantexamento, hai moita tela que cortar; para empezar, nos tribunais. Unha vez máis, a Comunidade de montes -de forma consciente ou inconsciente por parte alo menos dun sector da directiva- acaba sendo “instrumentalizada” para tapar uns intereses particulares.

O máis chamativo é que o destino da churrasqueira -retallada polos canteiros que fixeron o traslado- non foi esa área de descanso, onde había sitio abondo para poñela nun lugar que non estorbara nin os cables do tendido eléctrico que atravesan a zona nin tampouco as árbores. Unha parte da directiva argumenta que, posto que non está autorizado facer lume no monte nin para asar un triste xurelo, o asador non pintaba nada nese espazo e a mellor ubicación posible era o bar da Casa de Montes. Tampouco se poden utilizar os asadores do Lago de Castiñeiras e ninguén tomou a decisión de levalos para a casa de ninguén…

Consecuencia: a churrasqueira instalada a carón da Casa de Montes é unha propiedade comunal e por tanto calquera comuneiro/a ten dereito a plantarse alí cos seus pedazos de madeira de carballo para facer brasa, a súa fonte de chuletas, de costillas, de sardiñas, de chourizos criollos… e poñerse a preparar a barbacoa para o xantar, a merenda, a cea ou o que se tercie. Como soa!

A churrasqueira instalada na terraza da Casa de Montes.

Outras versións apuntan a que o traslado da churrasqueira foi un capricho de quen xestionaba o bar que, vendo a manobra do traslado do material á arboreda do Pituco, botoulle o ollo e formulou unha contra-orde ao consideralo unha nova fonte de negocio. Total, como “cada un pode pensar o que sexa…” (sic). FIN DE LA CITA.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: