Publicado por: MontePituco | 29/08/2013

ESTE SÁBADO, VISITA AO PETROGLIFO DA PEDRA DO CERVO, EN PONTECALDELAS

Petroglifo de Monte de Cuñas, en Pontecaldelas.

Este sábado 31 de agosto a partir das 19:00 horas vaise realizar unha visita ao petroglifo da Pedra do Cervo, na parroquia de Cuñas, en Ponte Caldelas. Está organizada polo Concello e vai participar como guía Buenaventura Aparicio, doutor en Historia e autor de varios libros sobre arte rupestre galega. O punto de partida será a igrexa de Santa Baia e, ao longo da ruta, os asistentes irán recibindo información sobre esta importante peza rupestre.

Técnicos do Servizo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra están traballando na limpeza, recuperación e posta en valor deste gravado.

A Pedra do Cervo está no monte de “Pé da Mua” e, malia o paso de milleiros de anos e da intervención humana no espazo, está en perfecto estado de conservación. Dende o Concello de Ponte Caldelas, citando a Buenaventura Aparicio, explican que a beleza e o simbolismo deste petroglifo foi o que o puido ter salvado de desaparecer pola acción dun canteiro anónimo, que antano fixo traballos de perforación da pedra pero, ao decatarse da existencia do gravado rupestre, indultou a pedra, permitindo así que a día de hoxe poidamos disfrutar deste legado prehistórico.

É precisamente o que se supón que aconteceu tamén no caso de “O Ciclista”, o petroglifo de Pinal de Caeiro, en Marín, que tamén está nunha rocha da que algún canteiro da zona aproveitou o granito ata onde están as marcas dos círculos concéntricos.

Pero ademais, a Pedra do Cervo é otro exemplo real e recente da implicación directa dunha comunidade de montes en accións de conservación do patrimonio arqueolóxico. Este feito desautoriza unha vez máis a outras comunidades de montes insensibles e tercas que, como a de San Xulián de Marín, renegan sistematicamente da importante responsabilidade que recae nelas pola aplicación da Lei de Patrimonio. E para intentar xustificarse, intentan rebotar esa responsabilidade na Administración autonómica para que sexa a Dirección Xeral de Patrimonio a que actúe, lavando as mans ante a necesidade de acometer sequera simples accións de limpeza e mantemento.

Nun artigo de 2011 publicado no Faro de Vigo e na páxina web Pontecaldelas.net contan a historia de como apareceu este petroglifo:

A Comunidade de Montes de Cuñas fixo un desbroce para conservar a Pedra do Cervo dos efectos dun posible incendio forestal. Foi a raiz deste desbroce cando se descubriu a representación dun cazador que persegue o cervo. Esta representación foi descuberta por Manuel Ledo e Ángel del Prado, afeccionados á arte rupestre. Tralo descubrimento, os integrantes do grupo A Laxe da Irena -Antonio de la Peña e Buenaventura Aparicio- realizaron un minucioso recoñecemento do petroglifo. Dito gravado está ubicado nunha zona pedregosa que era utilizada como canteira. De feito, no petroglifo pódese observar como no seu día un canteiro chegou a perforar á altura da extremidade dianteira da figura.

O petroglifo da Pedra do Cervo amosa unha das escenas de caza máis suxestivas da arte rupestre de Galicia. O grupo A Laxe da Irena entregoulles aos comuneiros de Cuñas unha copia dun calco que se fixo do petroglifo para que puideran observar a escena reproducida con total fidelidade“.

Vaia por diante pois, a noraboa a estes comuneiros de Cuñas, responsables e comprometidos coa defensa da nosa historia e da nosa cultura. Ogallá a súa iniciativa teña réplica en San Xulián, cando se superen mentalidades incapaces de apreciar o gran valor deste tipo de iniciativas.

Recomendamos encarecidamente esta visita ao Monte de Cuñas para escoitar a voz e o discurso ameno e experto de Buenaventura Aparicio, de quen tanto aprendemos na presentación do seu libro “Arte rupestre en Galicia”, do que son tamén coautores Antonio de la Peña e Fernando Carrera, que lle adicaron a obra ao Monte Pituco, para que siga adiante na loita pola súa conservación.

E xa de paso en Ponte Caldelas, outra visita obrigada é ao parque arqueolóxico de Tourón, do que se tratou neste blogue en artigos como “Visita nocturna aos petroglifos de Tourón” e “Visita multitudinaria aos petroglifos de Tourón”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: