Publicado por: MontePituco | 28/08/2013

FAUNA INVERTEBRADA NO MONTE PORNEDO

Colias crocea, coñecida como "Amarela". Foto de Cándido Martínez tomada entre Pena e Caeiro.

Colias crocea (amarela). Foto de Cándido Martínez.

Hai uns días o voceiro do grupo ecoloxista Luita Verde, Cándido Martínez, percorreu unha parte do Monte Pornedo, na zona afectada polo polígono industrial marcado no Pxom, xusto por enriba dos núcleos de poboación da Pena e do Caeiro. Cabe salientar o carácter “reptante” dese proxecto de parque empresarial, que antes estaba marcado da pista foresta cara ao Alto do Pornedo e, dun momento para outro, sen ningún tipo de explicación nin moito menos de exposición pública, foi situado da pista para abaixo, nun espazo de dubidosa solvencia a nivel xeotécnico, xa que se trata dun recheo de terra feito con motivo das obras da Variante.

Á marxe de cuestionarmos a pésima ubicación do polígono proxectado sexa por riba ou por baixo da pista, de medio lado ou de lado enteiro, en DEFENDE O MONTE PITUCO vimos advertindo e demostrando que o emprazamento elixido por unha decisión política arbitraria e desafortunada perxudica unha zona clasificada como Espazo Natural Protexido nas Normas Subsidiarias Provinciais de Planeamento.

Vanessa cardui (cardeira). Foto de Cándido Martínez.

Vanessa cardui (cardeira). Foto de Cándido Martínez.

A visita de Cándido Martínez a esta contorna permitiulle comprobar que nela habitan distintas especies de invertebrados, como bolboretas e outros insectos, que inmortalizou coa súa cámara.

“Son especies bastante comúns a nivel local e europeo pero hai que ter en conta a gran importancia dentro da rede trófica e a súa estreita relación con outras especies, tanto de fauna como de flora, e tamén para o correcto funcionamento dos ecosistemas naturais. En principio son un excelente indicador da calidade ambiental do seu territorio de residencia ou de paso, tanto como axentes polinizadores como de biodiversidade existente”.

Iphiclides podalirius (chupaleites). Foto de Cándido Martínez.

Iphiclides podalirius (chupaleites). Foto de Cándido Martínez.

Como xa apuntabamos noutro artigo recente con motivo do Día da Biodiversidade, Luita Verde vén defendendo dende hai tempo a importancia da calidade biolóxica destes espazos abertos e o monte baixo da matogueira e do pastizal.

“Ecosistemas moitas veces desvalorizados e desprezados polo ser humano, como desgrazadamente está pasar na actualidade onde, a costa do abandono do rural e das labores tradicionais de roza e desbroce para estrumado animal, de camiños e combustible, dáse pola contra a economización e mecanización dos montes a base de arborado e por engadido dos monocultivos forestais, o que está a conlevar a desaparición progresiva deses espazos, e con eles tamén moita da fauna e da flora existente, moita dela exclusiva”.

Lampides boeticus  (canela estriada). Foto de Cándido Martínez.

Lampides boeticus (canela estriada). Foto de Cándido Martínez.

Resulta chamativo que todas as especies de invertebrados catalogados nesta pequena área concentrábanse en torno a unha mesma especie florística que -coa “Guía de plantas de Galicia” na man- se identifica como “Solidago virgaurea” ou vara de ouro.

“A cantidade de especies invertebradas distintas que utilizan a comunidade vexetal para pousarse ou mesmo hidratarse libando do néctar das flores. Hai que ter en conta que as bolboretas, dentro da orde dos lepidópteros, utilizan as plantas como fonte nutricia na súa fase de larva e como avituallamento na fase de adultas, xa qu,e máis que a alimentación, a súa función vital nesa fase é esencialmente a reproductiva. Segundo a especie de bolboreta elixen tamén a especie vexetal da que nutrirse, ás veces tamén exclusiva”.

Polyommatus icarus (dous puntos). Foto de Cándido Martínez.

Polyommatus icarus (dous puntos). Foto de Cándido Martínez.

Entre as bolboretas que nos achega Cándido Martínez e das que queda constancia gráfica, figuran as seguintes:

“A Colias crocea, da familia das piéridas e especialmente a Vanessa cardui, da familia das ninfálidas, destacan por ser migradoras, a última de gran alcance pois pode chegar desde o Norte de África ata o Ártico.

A Lampides boeticus e a Polyommatus icarus, dentro da familia das licénidas, sobresaen pola súa condición de simbiose con moitas especies de formigas na súa fase de larva.

A Iphiclides podalirius, dentro da familia das papilónidas, destaca pola súa estreita relación na fase de larva coas especies vexetais do xénero Prunus, moitas delas cultivadas e froiteiras”.

Tamén se localizou unha especie de avéspora -a Scolia hirta- cuxa cualidade máis salientable é ser parásita de escarabellos do xénero scarabidade na súa fase de larva.

Scolia hirta. Foto de Cándido Martínez.

Scolia hirta. Foto de Cándido Martínez.

O compañeiro de Luita Verde lémbranos un recente informe da Axencia Europea do Medio Ambiente sobre a desaparición, ao longo dos últimos 20 anos en Europa, do 50% das especies de bolboretas propias de espazos abertos, como a P. icarus. Esta ausencia progresiva deste insecto atribúese á perda de prados e pastizais e á substitución destes ecosistemas por bosques, á agricultura intensiva, ao uso de pesticidas, á fragmentación de hábitats pola súa urbanización e ao cambio climático que se está acelerando a consecuencia dos incendios e das sequías.

“E parte destas causas témolas tamén, desgrazadamente, aquí na nosa contorna máis próxima, ou como ameaza, no caso do parque loxístico proxectado no monte Pornedo”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: