

…O Monte Pituco tamén ten a súa propia Volta “Ciclista”.
Na obra “Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra (Fundación Barrié de la Maza, 1980), de Alfredo García Alén e Antonio de la Peña, xa hai constancia dos petroglifos de Pinal de Caeiro, cuxa orixe remóntase á Idade do Bronce e forman parte do grupo do conxunto de Chan de Lagoa. A ficha de patrimonio ten data de outubro de 1994 e está asinada polo arqueólogo Ángel Acuña Piñeiro, que describe nos seguintes termos os dous grupos dos que consta:
-Grupo I: Coñecido popularmente como “O Ciclista”, atópase nun pequeño repeito da pendente sobre unha rocha plana de 1,50 x 0,90 m, de gran medio/groso, e da que foi extraída a metade occidental. Os motivos representados son dúas combinacións de círculos concéntricos con cazoleta central e apéndice e unha espiral, e unidos por trazos. Os surcos están erosionados, cunha profundidade de 2-3 mm, e 2,5-3 cm de ancho. Nalgúns puntos o gravado foi repiqueteado recentemente.
-Grupo II: Gravado sobre un afloramento granítico de gran medio/fino, a ras de chan e parcialmente cuberto de terra. Atópase a 2 m. ao SE do grupo anterior. O motivo representado é un círculo concéntrico ou ben unha espiral a esquerdas, con cazoleta central con motivos radiais na súa parte externa. O ancho do círculo oscila entre os 1-2 cm, cunha profundidade entre 1-3 mm. E un diámetro de 27 cm.

[A foto da ficha de Patrimonio, feita en 1994, reflicte como mudou a fisonomía da zona, con máis vexetación e arborado]
[Fotos dos petroglifos de Pinal de Caeiro, que constan na ficha de Patrimonio]
[Debuxo dos petroglifos de Pinal de Caeiro, tal como figuran na ficha de Patrimonio]
En efecto, a pedra na que se atopa o petroglifo principal foi parcialmente aproveitada para labores de canteiría, xa que toda a zona é moi rica en granito. Podendo defacela na súa totalidade, é incuestionable que os canteiros da época observaron eses antiquísimos relevos e decidiron respectalos e mantelos como legado histórico e cultural para que chegaran até os nosos días.
Tantas décadas -ou séculos- despois desa xeración de artesáns da pedra, o conxunto rupestre do Pinal de Caeiro volve estar en perigo. “Sobreviviu” de milagre ás obras de construcción da Variante de Marín, ata o extremo de que o xacemento quedou a escasos metros da pista de servizo. Agora, con motivo das obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga -Acuaes- houbo que advertirlles tanto aos responsables do proxecto como aos representantes municipais -que descoñecían a súa existencia- que teñen a obriga de conservar este patrimonio catalogado como Ben de Interese Cultural.

[Marcas de canteiría nas rochas próximas aos petroglifos de Pinal de Caeiro]






[…] fonte da información é o artigo “Volta a España: un ‘ciclista’ no Monte Pituco“, publicado neste […]
By: O ‘CICLISTA’, NA VOZ | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 27/08/2013
at 17:12
[…] precisamente o que se supón que aconteceu tamén no caso de “O Ciclista”, o petroglifo de Pinal de Caeiro, en Marín, que tamén está nunha rocha da que algún canteiro da zona aproveitou o granito ata […]
By: ESTE SÁBADO, VISITA AO PETROGLIFO DE MONTE DE CUÑAS, EN PONTECALDELAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 29/08/2013
at 17:45
[…] precisamente o que se supón que aconteceu tamén no caso de “O Ciclista”, o petroglifo de Pinal de Caeiro, en Marín, que tamén está nunha rocha da que algún canteiro da zona aproveitou o granito ata […]
By: ESTE SÁBADO, VISITA AO PETROGLIFO DA PEDRA DO CERVO, EN PONTECALDELAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 29/08/2013
at 17:51